O galego,
por razóns extralingüísticas, durante os últimos séculos pasou a ser un idioma
fundamentalmente popular, e por esta causa non foi incorporando todo un caudal
de vocabulario moderno á súa fala, mais cando se incorporaba facíao a través da
“lingua culta” do país: o castelán. Loxicamente isto carrexou unha
castelanización léxica esaxerada. Foi o proceso normal e universal que se
produce nunha situación diglósica, e por tanto perfeitamente verificábel en
diversas partes do mundo: en América entre o español e as diferentes linguas
indíxenas, en Filipinas entre o español e o tagalo antano e entre o inglés e o
filipino agora, en Franza entre o francés e as demais linguas do territorio, en
Rusia entre o ruso e as demais linguas da federación, etc; é dicir, que non
pasou aquí nada estraño na relación entre dous idiomas en situación de poder e
sumisión, ou de lingua alta e lingua baixa. Mesmo este proceso se dá en linguas
que manteñen unha situación de poder nun territorio pero de inferioridade
noutro, así o alemán en Franza ou en Italia sofre este proceso, e o francés en
Italia ou nas illas anglo-normandas (pertencentes a Inglaterra), e o español
nos EUA (de onde xorde o spanglish), etc.
Mais que senso ten agora manter esta
situación anormal e, sobre todo, prexudicial para o galego como lingua de seu,
especialmente cando posuímos o coñecemento e a ferramenta necesarios para
corrixir esta anomalía, ou sexa, cando podemos botar man da nosa normalizada e
vivísima variante irmá: o portugués. Coido e defendo que entre un lusismo e un
castelanismo, o primeiro debe ser case sempre a escolla preferida. Por exemplo:
Perfecto/perfeito
– o primeiro, coincidente co castelán, é o único recoñecido como forma válida
estándar, mentres que o segundo, usado polo portugués, é considerado lusismo.
Mais resulta que este “lusismo” é a única forma que aparece en varios textos
medievais galegos dos séculos XIV e XV, mentres que non sucede así coas formas
“perfecto” nin “perfeuto”, do que se deduce que o pérfido “reintegracionismo”
xa aparece na Galiza medieval.
Marrón/castaño/pardo
– este innecesario galicismo (marron = castaña) chegado a través do español,
non se rexistra, obviamente, en ningún texto medieval, fronte ás outras dúas
formas amplamente documentadas; con todo os dicionarios galegos recollena como
forma sinónima, mentres que non existe en portugués.
Preto –
ademais de adverbio sinónimo de “cerca”, ben documentado nos textos medievais, onde
tamén se documenta minoritariamente a variante “perto”, tamén aparece
documentado como adxectivo sinónimo de “negro”, tal como usa o portugués, en
textos de dos séculos XIV e XV (Xeral Historia: de hua color, todo blanco ou
preto que fosse de Labam; Historia troiana: amarelo, outra uez yndeo, outra
preto, outra uez color de çeo; Crónica troiana: et auja cabelo crespo et preto,
et era tã brãco eno corpo; etc.), polo que de novo os “lusistas”, precozmente,
andaban a introducir palabras portuguesas no galego. E tamén é curioso que a
palabra exista como adxectivo sinónimo de negro en asturiano: prietu; e é que
non se sabe até onde poden chegar estes “reintegratas”.
Calzas/
pantalóns – mentres que o “lusismo” está ben documentado no galego medieval
(calças), o castelanismo soamente aparece nos textos modernos. Loxicamente esta
denominación tamén foi a propia do español, até que o galicismo
“pantalón-pantalones” (que á súa vez procedía de “Pantalone”, personaxe da
Comedia da Arte italiana) substituíu a palabra xunto coa súa mesma feitura.
Órgao/órgano
– parece máis coherente adaptar o lusismo (órgão), que presenta a evolución
patrimonial galego-portuguesa coa perda
de –n- intervocálico, ca adoptar o castelanismo, mais sen esquecer que a
familia si conserva o N: organizar, organismo, orgánico, etc.
Percurso/percorrido
– se de correr temos “curso”; de decorrer, “decurso”; de transcorrer,
“transcurso”, parece coherente que de percorrer, teñamos “percurso”, mais como
isto non o ten o castelán, pois o galego tampouco e invéntase un “percorrido”
imitando o español no canto de adoptar un “percurso”, existente en portugués.
Telefone/teléfono
– o invento xera polémica a respecto do seu inventor, mais a palabra non porque
o inglés tomou dúas palabras gregas para nomear o novo aparello: “tele” (lonxe)
+ “phoné” (voz) = telephone, aínda que se use máis a abreviatura “phone”, de
onde o tomaron o galés (ffôn) e o gaélico escocés (fòn), mentres que o irlandés
adoptou unha palabra diferente (guthán); con todo, a palabra completa pasou a
outras moitas linguas xunto co novo invento: francés: téléphone; alemán, danés,
noruegués, sueco, romanés, turco, húngaro ou linguas eslavas: telefon;
neerlandés: telefoon; catalán: telèfon; occitano: telefòn; portugués: telefone;
ou inclusive aragonés: telefón; soamente dúas linguas tomaron un camiño algo
diferente, o español (teléfono), de onde o tomaron o basco (telefono), o
asturiano (teléfonu) e o galego estándar, e o italiano (telefono), de onde o
toman outras linguas itálicas como o siciliano (telèfunu) ou o corso (telefono),
mais o piemontés usa: teléfon. Consultando os dous principais dicionarios
galegos, vemos que ambos recollen que –fon(o) procede da palabra grega “foné”;
xa que logo por que adoptamos o castelanismo no canto da voz portuguesa, máis
próxima á orixe? Do mesmo xeito deberiamos utilizar: gramofone, magnetofone ou
microfone.
Sofrer/sufrir
– nos textos medievais a única palabra que se documenta, con bastante
abundancia, é o suposto “lusismo”, e igual sucede cos adxetivos “suxa,-o” (que
aparece coas formas “suja,-o”, “çuja,-o” e “çuya,-o”) e “má-ao”, profusamente
documentado fronte a “mala,-o”. Destarte, convén proclamar que moitos supostos
lusismos son antes de todo, palabras galegas substituídas por castelanismos.
Orgullar –
por que se debe adoptar?, primeiro porque nos une co portugués, e segundo
porque segue a forma habitual galega de crear verbos a partir de substantivos.
Ademais, hai algunha razón que impida ao galego ter o que ten o castelán
(enorgullecer) ou o portugués (orgulhar)?
Escaleira
mecánica/escada rolante – á hora de denominar os inventos e os usos máis
recentes a presenza dos castelanismos é esmagadora, como se ve na denominación
das escaleiras que se moven, ou en autoservizo fronte a autoatendemento, en rebaixas
fronte a saldos, en tenda fronte a loxa (loja), en autobús fronte a autocarro, en
propina fronta a gorxeta (gorjeta), en ducha fronte a chuveiro, en calefacción
fronte a quecemento (aquecimento), en percha fronte a cruceta (cruzeta), en azafata
fronte a hospedeira, en abrigo (roupa) fronte a sobretodo ou casaco cumprido
(sobretudo, casaco comprido), en traxe fronte a fato, en casco (da cabeza)
fronte a capacete, en tacón fronte a salto, en caixeiro automático fronte a
caixa multibanco, en probador fronte a cabine, en carta (dun restaurante)
fronte a ementa; en fin, na maoiría das palabras novas que entran por meio do
castelán e van arredando pouco a pouco cada vez máis o galego do portugués,
porque non se pode copiar o portugués pero si o español.
Con todo, non todos os lusismos están xustificados ou son
aceptábeis, ben porque substitúen palabras autenticamente galegas, ben porque
resultan pouco prácticos. Por exemplo:
Sur/sul – a
primeira, coincidente co español, é a forma galega e a única rexistrada nos
textos medievais galegos, polo que mamente pode ser un castelanismo.
Carro/coche
– o automóbil desígnase popularmente polo castelanismo “coche”, palabra
francesa de orixe húngara para designar un tipo de carruaxe, e así se conserva
en portugués, que emprega a palabra “carro” para auto e tivo de deslocar o
significado da palabra “carroça” para designar o “carro” popular de tracción
animal. Parece evidente que substituír “coche” por “carro”, obrigaría a trocar tamén
o significado de “carroza”. O catalán tamén adoptou a palabra “cotxe” para
automóbil e deixou os significados tradicionais de “carro”, “carrossa” e
“carruatge”.
Tranvía/eléctrico
– a denominación de “eléctrico” é estritamente portuguesa europea, xa que no
Brasil se lle denomina “bonde”, polo que é un termo rexional. Ademais, a
palabra actual, de orixe castelá, é a máis fiel á palabra orixinal, o inglés:
tramway, adoptada ou adaptada por outras moitas linguas: francés: tramway ou
tram; catalán: tramvia; italiano, grego e neerlandés: tram; croata: tramvaj;
romanés: tramvai; basco: tranbia; turco: tramvay; tagalo: trambiya; afrikaans:
trem; etc.
Tren/comboio
– a palabra actual, se ben entrou por meio do castelán, é de orixe inglesa:
train, e foi adoptada ou adaptada logo por moitas linguas: francés: train;
afrikaans: trein; basco, catalán, romanés, tagalo e turco: tren; italiano:
treno, etc.; ademais, o portugués brasileiro tamén usa este termo: trem.
Musulmá,-án/muçulmana,-o
– o adxectivo para denominar os seguidores do Islam ten a súa orixe inmediata no
francés: musulman, e chega ao portugués a través do castelán. A actual adaptación
galega segue a sufixación patrimonial e coincide só na forma masculina singular
coa do castelán, mentres que unha adaptación da forma portuguesa (musulmano)
faría que coincidesen as formas femininas co castelán (musulmana(s)).
Tortilla/omelete
– tentar trocar un castelanismo tan implantado por un galicismo (omelette), xa
que nin sequera se trata dun vocábulo portugués, é pouco práctico e, por riba,
seguramente inútil.
Paseio/beirarrúa
– adoptar a palabra portuguesa engadía un novo significado a unha palabra xa
existente con varias acepcións, non me parece má solución a creación do
neoloxismo galego “beirarrúa” recorrendo ao propio idioma, xa que resulta unha
palabra de significado moi claro para calquera galegofalante; a imitación deste
neoloxismo creouse “beiravía” para denominar o “arcén” castelán, aínda que
neste caso o portugués europeu usa “berma” e o brasileiro “acostamento”,
palabras que non presentaban problema en galego, con todo tampouco é unha má
solución.
No hay comentarios:
Publicar un comentario