domingo, 5 de agosto de 2012

Un flamingo flamengo non baila flamenco

Se traducísemos esta frase ao castelán usariamos unha mesma palabra tres veces, aínda que con significados diferentes (Un flamenco flamenco no baila flamenco), mais en galego repetir esa mesma palabra sería un erro de vulto, só explicábel como castelanismo.

Existen en todas as linguas palabras homónimas, escríbense iguais (homógrafas, ex.: lazo (nó) e lazo (xeo)) ou pronúncianse iguais pero teñen diferente ortografía (homófonas, ex.: beo e veo) e en todos os casos teñen significados diferentes. Porén, a presión do español fai que as homonimias deste se instalen no galego coma se fosen propias, cando a realidade é que nunha gran parte dos casos os homónimos casteláns non coinciden cos galegos; e isto é algo que se debería coidar para evitar os lamentábeis e habituais erros de confundir “segredo” (subs.) con “secreto” (adx.) ou “grao” (medida) con “grao” (vontade), unicamente explicábeis porque en español si son termos homónimos.

A través do modelo español cóanse moitísimos falsos homónimos como: crédito por “crédito” (empréstimo) e “creto” (fama); dedos por “dedos” (da man) e “dedas” (do pé); serea por “serea” (ser mitolóxico) e “sirena” (bucina); seo por “seo” (peito) e “seno” (no triángulo); area por “area” (grans de terra) e “arena” (lugar para espectáculos); oca por “oca” (xogo) e “ganso” (ave); etc. E grazas ao modelo español de homonimia os galegófobos fan o chiste do “número ao caldeiro”, esquecendo á mantenta –ou quizais descoñecendo, porque a maioría só saben o castelán e grazas- que só no español se dá esta homonimia, mentres que nas demais linguas occidentais non, así en francés: seau (recipiente), poubelle (caldeiro do lixo) e cube (matemáticas); en inglés: bucket (recipiente), bin/can (caldeiro do lixo) e cube (matemáticas); en italiano: secchio, secchio della spazzatura e cubo; en alemán: eimer (recipiente), mülleimer (c. do lixo), würfel (hexaedro) e dritte potenz (matemáticas); e en galego-portugués: caldeiro/balde e cubo.

Por iso, nós non podemos trabucarnos no título deste artigo, aínda que as tres palabras semellantes teñan a mesma orixe: o neerlandés “flaming”. Mais para nós o “flamengo” é algo propio de Flandres, o “flamenco” (un castelanismo aceptado) é un tipo de baile e canto de orixe andaluza, e o “flamingo” a denominación común de varias especies de aves pernaltas. Aínda que varios dicionarios prefiren usar “flamengo” para esta acepción, recomendo a variante anterior por ser distintiva, coincidir coa forma estándar portuguesa e, ademais, ser unanimemente utilizada por todas as listas patrón de aves en galego.

Por último, convén lembrar que o galego posúe moitísimos homónimos, xaora, que o castelán descoñece como: lobo (esp.: lobo e lóbulo), queixo (esp.: queso e quijada), lapón (esp.: lapón e glotón), sede (esp.: sed e sede), fiar (esp.: hilar e fiar), porca (esp.: puerca e tuerca), morriña (esp.: nostalgia e carroña), lama (esp.: lama –monxe budista- e lodo), sen (esp.: sien, sin e gusano), patín (esp.: terraza e patín), fato (esp.: tonto e rebaño), risco (esp.: riesgo e raya), pena (esp.: pena e peña), mata (esp.: matanza e mata), etc.

1 comentario:

  1. Perdón, recén subido ao blogue e xa vin a primeira gralla. No segundo parágrafo onde pon "grao" (vontade) debería pór "grado" (vontade). Debín revisar o texto antes de o publicar.

    ResponderEliminar