jueves, 19 de julio de 2012

Senón e se non

Tamén se dá con frecuencia o erro de confundir a correcta escrita da palabra “senón” e das dúas palabras “se non”, facendo que a unha apareza no canto das outras e viceversa. E un erro que compartimos con portugueses e casteláns, e por tanto nas tres linguas a diferenciación opera cos mesmos recursos.
Cando é unha soa palabra trátase dunha preposición ou dunha conxunción adversativa na maior parte dos casos; mentres que cando son dúas palabras, a primeira é a conxunción condicional “se” seguida da negación “non”.

SENÓN como preposición significa “agás, fóra de”:
Todos estaban senón ti. Non diga ren senón cando eu llo diga.
Mais como conxunción adversativa, úsase, principalmente, para contrapor un concepto a outro:
Non só virá, senón que axudará. Non chegou ledo, senón triste. Non quero ofender, senón orientar.
Precedida da locución adversativa “non só/non… só” expresa adición:
Non só canta, senón que baila. Non só estuda, senón que tamén traballa. Eu non estudo só para a escola, senón para a vida.

En troca, nótese que en SE NON sempre hai un verbo expreso ou elidido na frase:
Non o saberá se non vai. Se non queres non irei. Se non perdoas, non serás perdoado. Se chove imos, se non (chove) ficamos.
Por isto cando “se non” non acompaña ao verbo, por estar este elidido, equivale a “en caso contrario”:
Ven só, se non (vés só), non veñas. Axúdanos e se non (axudas), non amoles. Corra, se non (corre), perderá o bus.

No hay comentarios:

Publicar un comentario