sábado, 8 de septiembre de 2012

Tiburóns ou quenllas

     Comezo deixando claro que para a RAG ambos os termos son sinónimos como denominación xenérica dos grandes escualos. Aínda que tamén convén deixar nidio que o primeiro é un castelanismo e que o segundo é a denominación máis usada e preferida para a especie “Prionace glauca”, e así aparece como segunda acepción no dicionario da RAG, coñecida en portugués como “tintureira” e en castelán como “tintorera” –penoso castelanismo tamén usado nas nosas costas- ou “tiburón azul”.

     A orixe da palabra “tiburón”, rexistrada desde 1519, non está claro, mais actualmente a proposta máis aceptada, feita por Joan Corominas, é a que a fai proceder da palabra tupí-guaraní “uperú/iperú” coa aglutinación inicial dun T, que neste idioma funciona como artigo, a través do portugués “tubarão”. Ao sinónimo catalán “tauró” dáselle a mesma orixe.

     Mentres que a palabra “quenlla” (con variantes como: quella, queilla, caella e caenlla), procede do latín “canicula”, un diminutivo de can. É o momento de lembrar que o italiano usa o termo popular “pescecane” (“pesciucane” en corso, “pisceccane” en napolitano, “piscicani” en siciliano, “piscichen” en romañol, etc.; o culto é “squalo”) para o “tiburón”; que o occitano “peis-can/peis-chan/peish-can” tamén se usa xunto cos máis frecuentes de “làmia” e “verdon” para os escualos; que “chien de mer” sobrevive no francés popular para nomear especies como o “Squalus acanthias” (en galego “melga”) ou o “Heptranchias perlo” (en galego “bocadoce”) e que a palabra “requin” non aparece até finais do s.XVI, sendo de orixe descoñecida, quizais dunha deformación de “quin < chien”, dunha pronuncia vulgar de “requiem” ou simplemente dunha palabra exótica, e dado o prestixio histórico do francés o polaco (rekin) e o romanés (rechin) tomaron este empréstimo; e que en galego tamén se coñece a denominación “peixe can” para o “marraxo” e “can do mar” para a “patarroxa” ou “melgacho” (Scyliorhinus canicula), un escualo de tamaño pequeno. Parece evidente que esta denominación foi a máis usada orixinalmente nas linguas romances para os escualos, pois os mariñeiros portugueses denominaron os tiburóns como “cães marinhos” até o s. XVI e aínda a edición de 1869 do dicionario da RAE recolle como sinónimos de “jaquetón”: “pez lobo” e “pez perro”. Mais tamén está presente nas denominacións doutras linguas do Mediterráneo, coma o árabe e mais o maltés (kelb il-bahar) e o turco (köpek baligi), onde a palabra “can” forma parte do nome; e o mesmo inglés usaba a denominación “sea dog” para os escualos até que no s. XVI a desprazou un novo vocábulo de orixe escura: “shark”, quizais do maia iucateco “xok”, porque o resto das linguas xermánicas usan un vocábulo común diferente (alemán e noruegués: hai; neerlandés e frisón: haai; sueco e danés: haj; islandés: hákart; feroés: hákelling; e mesmo linguas do Báltico como o finés: hai, o estoniano: haikala ou o letón: haizivs). “Jaquetón” é a palabra castelá de orixe medieval que se lle daba aos grandes escualos e que hoxe se pretende reservar para denominar as especies dos xéneros Carcharodon e Carcharhinus. Procede do termo de orixe árabe “jaque”, que en orixe significaba “ameaza”, e con este significado consérvase no axedrez (gal: xeque), pero logo pasou a usarse en xerga co sentido de “bravucón, valentón” para denominar os matóns. Mais grazas aos documentais, traducidos por profesionais que descoñecen os recursos das súas linguas, o termo inglés “gran tiburón blanco” (< great white shark) desprazou en uso popular aos enxebres: “jaquetón blanco” e “jaquetón de ley” (en Cuba) para especie “Carcharodon carcharias”. Lémbrese que o portugués denomina esta popular especie co nome de: “tubarão-de-São-Tomé”, aínda que no Brasil se prefere o termo: “tubarão-anequim”, que pola contra se utiliza en Portugal para a especie “Isurus oxyrhinchus”, chamada por nós “marraxo azul”, en tanto que usamos simplemente “marraxo” para “Lamna nasus”, ao que os portugueses chaman “tubarão-sardo”.

     Curiosamente, esta palabra “marraxo”, de orixe descoñecida, é usada con variacións desde o País Basco até Portugal para nomear estas dúas especies anteriores, agás no basco, onde “marrazo” é o termo xeral para todas as especies de grandes escualos; “marrajo” (castelán); “marraxu” (asturiano); “marraxo” (galego) e “marracho” (portugués). Por último, tamén se dan nas nosas costas outros tres grandes “tiburóns”: o “peixe martelo” (Sphyrna zygaena), en portugués “tubarão-martelo” e en castelán “cornuda” ou “pez martillo”; o “peixe momo/peixe bobo” (Cethorhinus maximus), o meirande de todos, en portugués “tubarão-frade” e en castelán “tiburón peregrino”, que o copiou do francés “requin pellerin”; e o “raposo do mar/peixe raposo/peixe golpe/peixe cocho” ou “camarín”, curioso catalanismo chegado posibelmente coa inmigración catalá ás Rias baixas no s. XVIII onde volvemos atopar a vella denominación dos escualos (ca marí > camarín = can mariño) (Alopias vulpinus), en portugués “tubarão-raposo” e en castelán “pez zorro”.

     Mais o asunto é se podemos usar “tiburón” e “quenlla” como sinónimos xenéricos dos grandes escualos, tal como propón a RAG, aínda que convén lembrar que anteriormente condenaba a palabra “tiburón” por evidente castelanismo; ou se se debe deixar o nome de “quenlla” para designar unicamente a “Prionace glauca” e usar “tiburón” como único xenérico, como propoñen diversos colectivos e autores, como a sección “Un idioma preciso” do Servizo de Normalización Lingüística da USC, a guía “Peixes do mar de Galicia” editada por Xerais ou Luís Daviña Facal, especialista en terminoloxía científica?

     Os que consideran que a palabra “quenlla” non pode ampliar o seu campo semántico, están a negarlle o que admiten noutras palabras como “oso”, que nun principio só se refería á especie “Ursus arctos”, a única que se dá en Europa, mais que logo serviu para denominar calquera oso do mundo: oso branco, oso negro, oso tibetano, oso malaio, etc., polo que ao oso orixinal houbo que lle engadir un adxectivo diferenciador e pasou a se chamar “oso pardo”, e inclusive a palabra serviu tamén para denominar animais doutras familias pero que lembraban, máis ou menos, os osos como: oso formigueiro, oso panda, ou oso mariño; o mesmo ocorreu con outras moitas palabras patrimoniais como “porco” (porco bravo, porco teixo, porco de Indias, porco do mar, porco espiño), “lobo” (lobo cerval, lobo mariño, lobo marsupial), “mono” (cantas especies tan diferentes levan como primeiro nome esta palabra?), etc., e se entramos nos nomes das aves a lista é abondosa. Mais que ocorre entre estes exemplos e o de “quenlla”? Pois que están xa avalados por un uso semellante en castelán: a referencia lingüística de tantos lexicógrafos. Se o castelán tomara o termo “tintorera” ou “jaquetón” como nomes xenéricos dos grandes escualos, ningún lexicólogo discutiría que “quenlla”, a especie de grande escualo máis común nas augas galegas, seguise o seu exemplo.

     Coido que subxace no argumento que refusa a ampliación semántica de “quenlla” o mesmo prexuízo discriminatorio que se fixo popularmente durante os últimos séculos: “vasoira” (a de ramallos) / “escoba” (a fabricada); “foguete” (o da feira) / “cohete” (o espacial); “xeado” (algo con xeo) / “helado” (o que se merca); “pegada” (a dun animal) / “huella” (a dunha persoa); “berce” (a de madeira) / “cuna” (a fabricada); etc. Un prexuízo que relega as palabras galegas ao tradicional ou autóctone e usa o castelán para o moderno, universal ou foráneo.

     Loxicamente se se utiliza a palabra “quenlla” como denominación xenérica, a especie “Prionace glauca” pasa a denominarse: “quenlla azul”; e en consonancia co nome usado na maioría das linguas occidentais: “requin bleu / peau bleue” (francés), “blue shark” (inglés), “tintorera / tiburón azul” (castelán), “tintureira / guelha / tubarão-azul” (portugués), “blauhai” (alemán), “blauwe haai” (neerlandés), “blåhaj”(sueco e danés), “blåhai” (noruegués); mais: “verdesca” (italiano) e “tintorera” (catalán). E como se ve, isto tampouco xeraría ningún problema de indeterminación ou confusión como algúns defenden.

     Mais se se é partidario dunha denominación xenérica diferente para os grandes escualos, o lóxico sería adaptar o nome portugués, orixe do castelán, seguindo o principio cuarto da NOMIG: “4.[…]. Para o arrequecemento do léxico culto, nomeadamente no referido aos ámbitos científico e técnico, o portugués será considerado recurso fundamental, sempre que esta adopción non for contraria ás características estruturais do galego. […]. ”. Xa que logo, o coherente é usar un “tubarón” galego fronte a un “tiburón” castelán.

     Por último, hai unha variante deste americanismo que aparece nalgúns libros e mesmo recolle o Gran Dicionario Xerais da Lingua: “tabeirón”, remitindo á entrada “tiburón”. Sería interesante coñecer onde se usa e desde cando hai rexistro desta palabra. É un vulgarismo, un dialectalismo ou mesmo un invento? Provén da versión castelá ou da portuguesa? Curiosamente o Dicionário Electrónico Estraviz recolle “tabeirom” como un sinónimo de “tabão”, é dicir, do tabán ou moscardo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario