domingo, 8 de marzo de 2020

CONFUSIÓN ENTRE A 3P DO PRESENTE DE INDICATIVO E A 2P DO IMPERATIVO


É moi corrente hoxe no galego, tanto no oral coma no escrito, que a 3ª persoa do Presente de Indicativo apareza no lugar onde debería aparecer a 2º persoa do Imperativo ou viceversa debido, máis unha vez, á nefasta influencia do castelán, pois sempre se dá naqueles casos en que no castelán coincide a mesma forma verbal pra ámbalas dúas persoas dos dous tempos. Ex.: *Sobe ti agora; *ela sínteo no corazón; *ti ménteme, *El sempre sufre as consecuencias, *ti segue facéndoo etc.

            O regular é que haxa plena coincidencia nas formas de ámbalas persoas dos dous tempos na maioría dos verbos, así ocorre tanto en galego coma en portugués e en castelán [Ex.: gl: (galego), pt: (portugués) e es: (castelán)]. Ex.: gl: [amar] el ama/ama ti, pt: ele ama/ama tu e es: él ama/ama tú; gl: [bater] el bate/bate ti, pt: ele bate/bate tu e es: [batir] él bate/bate tú; gl: [partir] el parte/parte ti, pt: ele parte/parte tu e es: él parte/parte tú; gl: [caer] el cae/cae ti, pt: [cair] ele cai/cai tu e es: él cae/cae tú; gl: [ler] el le/le ti, pt: ele lê/lê tu e es: [leer] él lee/lee tú; gl: [corrixir] el corrixe/corrixe ti, pt: [corrigir] ele corrige/corrige tu, es: [corregir] él corrige/corrige tú; e outros moitos verbos como: asistir, caber, consolar [con O aberto nas dúas persoas], crer, dar, diminuír, emitir, escribir, excluír, fluír, imprimir, intuír, inxerir, moer, parir, recibir, saber, suplir, vivir etc.

Aínda que noutros casos a coincidencia en galego é só gráfica pro non fonética. Son verbos semirregulares da segunda conxugación coas vogais E ou O como última vogal do lexema onde a 3P do Presente de Indicativo se pronuncia con vogal media aberta e a 2P do Imperativo con vogal media pechada. Se se quere facer distinción gráfica o preceptivo é acentuar graficamente a forma verbal que ten a vogal aberta, como fago nos exemplos, aínda que isto non se fai na escrita se o contexto indica nidiamente cal é a persoa verbal. Ex.: gl: [coller] el cólle/colle ti mais pt: [colher] ele colhe/colhe tu e es: [coger] él coge/coge tú; gl: [comer] el cóme/come ti mais pt: ele come/come tu e es: él come/come tú; gl: [beber] el bébe/bebe ti mais pt: ele bebe/bebe tu e es: él bebe/bebe tú; gl: [poder] el póde/pode ti, pt: ele pode/pode tu e es: él puede/puede tú; gl: [somerxer] el somérxe/somerxe ti mais pt: [submergir] ele submerge/submerge tu e es: [sumergir] él sumerge/sumerge tú; gl: [temer] el téme/teme ti mais pt: ele teme/teme tu e es: él teme/teme tú; e así outros moitos verbos como: ceder, cocer, defender, diverxer, entender, exparexer, foder, meter, morrer, mover, perder, petencer, querer, responder, romper, soster, tecer, tender, toller, torcer, vencer, vender etc.; mais non tódolos verbos que teñen as vogais E ou O como última vogal do lexema presentan esta duplicidade e algúns sempre teñen vogal pechada, como: abastecer, deber, coñecer, devecer, empecer, falecer, fornecer, parecer etc.; e outros vogal aberta, como: esquecer, quecer/quencer etc.

            Porén, tamén ocorre que as dúas formas coincidan en galego e portugués pro non en castelán, como nos seguintes verbos irregulares. Ex.: gl: [dicir] el di/di ti e [decer] el dece/dece ti, pt: [dizer] ele diz/diz tu mais es: [decir] él dice/di tú; gl: [facer] el fai/fai ti e pt: [fazer] ele faz/faz tu mais es: [hacer] él hace/haz tú gl: [ir] el vai/vai ti e pt: ele vai/vai tu mais es: él va/ve tú; gl: [poñer e pór] el pon/pon ti [3P con O aberto e 2P con O pechado], pt: [pôr] ele põe/põe tu e es: [poner] él pone/pon tú; gl: [saír] el sae/sae ti, pt: [sair] ele sai/sai tu e es: [salir] él sale/sal tú: gl: [ter] el ten/ten ti [3P con E aberto e 2P con E pechado] e pt: ele tem/tem tu mais es: [tener] él tiene/ten tú. Con todo, na maioría dos verbos irregulares hai coincidencia nas tres linguas. Ex.: gl: [dar] el dá/dá ti, pt: ele dá/dá tu e es: él da/da tú; gl: [oír] el oe/oe ti e [ouvir] el ouve/ouve ti, pt: [ouvir] ele ouve/ouve tu e es: [oír] él oye/oye tú; gl: [traer] el trae/trae ti, pt: [trazer] ele traz/traz tu e es: él trae/trae tú; gl: [ver] el ve/ve ti, pt: ele vê/vê tu e es: él ve/ve tú etc. Coa excepción do verbo “ser”: gl: el é/sé ti, pt: ele é/sê tu e es: él es/sé tú.

            Ou que a coincidencia se dea en portugués pro non en galego nin en castelán, como ocorre co verbo irregular “vir”: gl: el vén/ven ti [3P con E aberto e 2P con E pechado], pt: ele vem/vem tu e es: [venir] él viene/ven tú.

            Con todo, hai unha serie de verbos semirregulares da terceira conxugación que mudan a vogal da raíz en ámbolos tempos: E > I, coincidindo a maioría das veces co modelo castelán e diverxendo do portugués. Ex.: gl: [advertir] el advirte/advirte ti mais pt: ele adverte/adverte tu e es: él advierte/advierte tú; gl: [espir e despir] el ispe/ispe ti ou el dispe/dispe ti mais pt: [despir] ele despe/despe tu; gl: [pedir] el pide/pide ti e es: él pide/pide tú mais pt: ele pede/pede tu; gl: [preferir] el prefire/prefire ti mais pt: ele prefere/prefere tu e es: él prefiere/prefiere tú; gl: [reflectir] el reflicte/reflicte ti mais pt: [refletir] ele reflete/reflete tu; gl: [repetir] el repite/repite ti e es: él repite/repite tú mais pt: ele repete/repete tu; gl: [vestir] el viste/viste ti e es: él viste/viste tú mais pt: ele veste/veste tu; e así con outros varios verbos como: agredir, competir, diferir, divertir, espelir, investir, medir, referir, suxerir etc.

            E outros mudan as vogais entre os dous tempos: vogal media aberta na 3P e vogal pechada na 2P, ámbalas dúas diferentes da vogal media pechada da raíz do verbo, convinando así: E aberto/I. Ex.: gl: [ferir] el fere/fire ti mais pt: ele fere/fere tu e es: [herir] él hiere/hiere tú; gl: [mentir] el mente/minte ti mais pt: ele mente/mente tu e es: él miente/miente tú; gl: [seguir] el segue/sigue ti mais pt: ele segue/segue tu e es: él sigue/sigue tú; gl: [sentir] el sente/sinte ti mais pt: ele sente/sente tu e es: él siente/siente tú; gl: [servir] el serve/sirve ti mais pt: ele serve/serve tu e es: él sirve/sirve tú etc. E O aberto/U. Ex.: gl: [cubrir] el cobre/cubre ti mais pt: [cobrir] ele cobre/cobre tu e es: él cubre/cubre tú; gl: [durmir] el dorme/durme ti mais pt: [dormir] ele dorme/dorme tu e es: [dormir] él duerme/duerme tú; gl: [fuxir] el foxe/fuxe ti mais pt: [fugir] ele foge/foge tu e es: [huir] él huye/huye tú; gl: [lucir] el loce/luce ti mais pt: [luzir] ele luz/luz tu e es: él luce/luce tú; gl: [subir] el sobe/sube ti mais pt: ele sobe/sobe tu e es: él sube/sube tú; gl: [tusir] el tose/tuse ti mais pt: [tossir] ele tosse/tosse tu e es: él tose/tose tú; gl: [ulir] el ole/ule ti mais pt: [cheirar] e es: [oler] él huele/huele tú; e así outros verbos como: acudir, bulir, urdir, xurdir etc. Como se pode ver, esta duplicidade de formas é unha característica propia do galego fronte á coincidencia que se dá en portugués e castelán e principal motivo do erro gramatical que se denuncia.

Porén, hai moitos verbos destas conxugacións que non presentan alternancia nestas persoas e son totalmente regulares. Ex.: gl: [asumir] el asume/asume ti, pt: [assumir] ele assume/assume tu e es: él asume/asume tú mais [sumir] el some/sume ti, pt: ele some/some tu e es: él sume/sume tú; gl: [fundir] el funde/funde ti, pt: ele funde/funde tu e es: él funde/funde tú; [presumir] el presume/presume ti pro non [consumir] el consome/consume ti; gl: [traducir] el traduce/traduce ti, pt: [traduzir] ele traduz/traduz tu e es: él traduce/traduce tú, e así outros verbos como: aburrir, aducir, conducir, reducir, seducir, unir, urxir etc.

            Por último, hai algúns verbos que admiten dúas formas distintas, onde unha presenta a diferenciación vocálica entre ámbolos tempos e a outra non, así. Ex.: gl: [pulir] el pole/pule ti mais pt: [polir] ele pule/pule tu e es: él pule/pule tú fronte a gl: [puír] el púe/púe ti e pt: [puir] ele pui/pui tu; gl: [sufrir] el sofre/sufre ti fronte a gl: [sofrer] el sofre/sofre ti, pt: ele sofre/sofre tu e es: él sufre/sufre tú etc. E outros onde a diferenciación se dá pra un significado e a non diferenciación pra outro. Ex.: [cumprir] (= ser necesario) el cómpre/cumpre ti –nesta 3P o acento é obrigado pra diferenciarse da forma homónima do verbo “comprar”– fronte a [cumprir] (=levar a cabo) el cumpre/cumpre ti.

            A teor de todo o exposto parece evidente que non hai unha correspondencia exacta entre galego e castelán, orixe dos erros de confusión no uso da nosa morfoloxía verbal, coma tampouco a hai entre galego e portugués, aínda que poucas veces este idioma sexa o culpábel de erros gramaticais na nosa lingua. Así que o único método que garante a corrección no emprego das formas verbais galegas é o coñecemento da flexión verbal dos diferentes verbos galegos.

1 comentario: