Os que
amamos e defendemos a lingua galega a miúdo temos que nos defender e demostrar
a falsidade da aseveración frecuente, feita polos inimigos do estándar galego,
de que “o galego normativo é unha lingua inventada”. Así que pouco, ou ningún,
favor se lle fai ao noso idioma cando nun blogue, en principio a prol da
difusión e mailo correcto uso da nosa lingua como “Dúbidas do galego”, afírmase
na súa entrada de “Xeo ou xelo?” (29-xullo-2019) que: “Xeo é unha
palabra inventada no galego contemporáneo. Aparece por primeira vez no 1985,
nun Glosario de Voces Galegas que recompilou o catedrático Constantino García.”
O autor do blogue está en contra da palabra recomendada polo RAG: “xeo”, aínda
que tamén recolle a súa variante “xío” como forma menos recomendábel, e defende
o uso de “xelo”, forma máis próxima á forma portuguesa “gelo”, coas seguintes
palabras: “A forma que debera recomendarse e que está aínda viva na fala
común é xelo, nunca xeo, que é en puridade un neoloxismo, con certo éxito
recente entre as castes galegofalantes con estudos superiores…”.
Ben, sobor de gostos eu nunca
discuto, mais si verbo de afirmacións gratuítas, ou simplemente falsas. Tal
como aparece nesta no título desta entrada, hai no galego tres formas propias
pra denominar a auga conxelada: xeo (a preferida
polo estándar galego –que non esquezamos que é fixado pola RAG–), xío (admitida como forma válida pro preterida polo
estándar) e xelo (a preferida polo
reintegracionismo con ortografía portuguesa: “gelo”). Curiosa e penosamente, a
forma máis empregada polos galegofalantes de hoxe é o castelanismo “hielo”,
mais a súa refutación como forma espuria non admite discusión, non?
O dicionario lusista Estraviz –que
se autodefine como: Uma explosão de luz no universo da língua– recolle a forma
“gio”, que remite á preferida “gelo”, pro non a forma “geo”; o
preferido polo autor do blogue que o cualifica como: “O dicionario máis
importante da nosa historia e referencia principal de calquera que queira ter
un coñecemento real do alcance do idioma galego”. Mentres que o dicionario
normativo da RAG fai algo parecido á inversa, recolle a forma “xío”, que remite
á preferida “xeo”, pro non a forma “xelo”. En fin, ámbolos dicionarios amosan pouca
seriedade e moito sectarismo ao non recolleren as tres formas usadas no galego
actual, con independencia da súa escolla preferente.
Como proba, se consultamos o TILG
(Tesouro Informatizado da Lingua Galega, USC-ILG) podemos comprobar a vixencia
e uso das tres formas no galego contemporáneo: así “xeo” aparece nun número de
“A Nosa Terra” en 1916, na obra “Bebedeira” (1934) de F. Delgado Gurriarán, nas
de Ánxel Fole: “Á lus do candil” (1953) e “Terra brava” (1955) ou en “Xente ao
Lonxe” de Blanco-Amor en 1972; “xío” na “Tecedeira de Bonaval” (1895) de López Ferreiro,
en “Esclavitú” (1906) de Lugris Freire, en “Abrente” (1922) de Victoriano Taibo
ou mesmo en “Salterio de Fingoy” (1961) de Carballo Calero; e “xelo” en “A
mitra de ferro ardente” (1894) de G. Salinas Rodríguez, “Fume de palla” (1909)
de Alfredo Fernández, “Follas ao vento” (1919) de Florencio Vaamonde ou “A
morte de Lord Staüler” (1929) de Álvaro de las Casas. Parece evidente que o
“Glosario de Voces Galegas de Hoxe” (USC, Verba, anexo 27, 1985) do profesor
Constantino García González, que recolle como vivas as formas “xío”, en cinco
localidades, e “xeo” en dúas, non inventa ren.
E se tamén consultamos o ALGa (Atlas
Lingüístico de Galicia, vol. IV, 2003) no mapa 101a adicado ao concepto “xeo”
vemos que o castelanismo “hielo/helo” é a forma máis usada de maneira
esmagadora contra seis puntos onde se recolle “xelo”,
no sur de Pontevedra e de Ourense, na costa galego-asturiana e no Berzo
galegofalante; tres onde se documenta “xío”, no
sur de Lugo e da Cruña e no NO de Ourense; e dous onde se testemuña “xeo”, no sur de Lugo e no interior do
galego-asturiano. Como pasou con tantas outras palabras, tal que a duplicidade “escoba/vasoira”,
o “xeo/xío/xelo” galego e natural foi substituído polo moderno “hielo/helo” castelán
e fabricado. Mais como non había fabricación posíbel pró fenómeno da
“xeada/xiada”, este seguíu conservando a súa denominación galega, segundo
comprobamos no mapa 98 adicado a este concepto, onde a forma “xiada” predomina en Pontevedra, a maior parte da Cruña
e no oeste de Ourense; “xeada” domina en Lugo,
NE da Cruña, maior parte de Ourense e no galego berciano e seabrés; “xelada” é forma característica do galego-asturiano,
aínda que tamén aparece nun punto do sur do Berzo galegofalante; e “xada” é unha forma que soamente aparece nun punto do
sur da Seabra galegofalante. E o verbo que dá orixe á “xeada/xiada/xelada/xada”
non pode ser outro que “xear” –mapa 100–, que
cobre a totalidade do galego agás o galego-asturiano que usa “xelar”, tamén forma do punto do sur do Berzo
galegofalante que tamén usa “xelada”. Na forma verbal a pronuncia do “e” pode
ser tan pechada que se converta nun “i”, polo que “xiar” se comporta
como forma alófona de “xear” en calquera punto de Galiza.
Parece razoábel pensar que á hora de
seleccionar as formas estándares do trío “xeo/xear/xeada” (< lat.
gelu/gelare) a RAG considerou lóxico primar a existencia dunha coherencia
morfolóxica entre as tres palabras da mesma familia por diante de escoller simplemente
as formas máis usadas, que darían como resultado: “xelo/xear/xiada”
(“xelo” por ser a forma propia que aparece recollida en máis puntos, “xear” por
ser a forma que permite unha pronuncia pechada “xiar” que non se daría ao
contrario e “xiada” por ser a forma máis usada no oeste de Galiza, a que conta
con máis falantes).
Ende ben, o noso idioma é unha
lingua ben documentada dende hai varios séculos e o galego estándar debe
escoller, en ocasións, entre varias formas aquela que unifique o noso idioma,
como fan o resto de idiomas normalizados, con maior ou menor acerto segundo
opinións. O triste é que a falacia das “palabras inventadas” tamén se divulgue
dende supostos blogues de apoio ao galego.
No hay comentarios:
Publicar un comentario