miércoles, 4 de noviembre de 2015

PREPOSICIÓNS E CONXUNCIÓNS ENXEBRES

Tal como ocorre coa fraseoloxía, que pouco a pouco aquela que non coincide ou se parece á castelá vai desaparecendo do galego cotián, sucédelle igual a varias preposicións e algunhas conxuncións; porque a asimilación coa lingua dominante non ten límites.
Moitas das palabras que vou incluír na listaxe a seguir aparecen no galego estándar usado por moitos escritores, mais a miña proposta é que tamén se empreguen no galego oral de calquera falante para que se non convertan en meros termos literarios.

Preposicións:

Antre/entre/ontre – das tres variantes existentes na Idade Media soamente as dúas primeiras chegaron até o galego moderno e unicamente a segunda é aceptada pola normativa. Porén convén saber que a forma “antre” foi a preferida polos escritores do séc. XIX e da primeira parte do séc. XX. O dXerais (Gran Dicionario Xerais da Lingua) recóllea remitindo á forma “entre” e o dRAG (dicionario da Real Academia Galega) debería facer o mesmo, tal como fai con outras formas non recomendadas: pra, pro, sobor.

Após – despois de. Preposición xa recollida polo dRAG que antano estivo vetada por suposto lusismo, a pesar de estar ben documentada tanto no galego antigo coma moderno, se ben xa no séc. XIX tivese un uso moi residual nos textos. Xa que logo, no galego actual perdeu uso, tanto oral coma escrito, a favor da locución preposicional de que é sinónima, aínda que en portugués segue a estar ben viva.

Até/ata – estas dúas variantes recuperáronse desde o galego antigo polo galego literario e asumíronse polo estándar para substituíren a forma castelá que as desprazara na lingua oral: (h)asta/(h)astra. Estas últimas formas, xaora, son xa as únicas que aparecen nos textos decimonónicos. O dRAG dá preferencia á segunda forma sobre a primeira, que coincide coa forma estándar portuguesa.  Aínda que o seu uso é agora unánime no galego escrito, semella que vai levar o seu tempo que acade o mesmo suceso no galego oral.

Cabo – esta preposición adoita aparecer máis como locución preposicional: “cabo de”, ca soa; aínda que en ambos os casos siginifica: ao lado de, xunto a. Estas últimas locucións son os seus máis directos rivais, triunfando tanto no galego oral coma escrito por ser similares ás formas máis usadas polo castelán, que tamén ten unha preposición semellante: “cabe”, claramente en desuso e de uso case soamente literario. Nós non temos por que seguir o seu exemplo.

Catar – forma parte dese gran grupo de preposicións galegas co significado de “excepto”. Este cultismo é o máis usado, con diferenza, tanto en castelán coma en portugués (“exceto” na nova ortografía) e seica o é tamén en galego. Con todo, non estaría de máis recuperar no uso cotián todos os seus sinónimos galegos, todos eles admitidos pola RAG: agás/aga, bardante (de), catar, fóra (de), menos, quitado/quitando, sacado/sacando, salvante/salvo, senón e tirante.

Dende/desde/des – deste trío de variantes da mesma preposición no dRAG a primeira e a última remiten á segunda, a gran triunfadora a causa de coincidir coa forma estándar do castelán e do portugués. Así e todo convén saber que ningunha é vulgarismo, xa que proceden directamente do latín: de in de > “dende”, de ex de > “desde” e de ex > “des”; que as dúas primeiras están perfeitamente vivas no galego oral e literario, e a segunda tivo unha presenza considerábel na escrita decimonónica; mentres que a terceira, xa un arcaísmo, soamente se usa literariamente na locución conxuntiva: “des que”. Tamén é bo coñecer que “dende” é a forma estándar do asturiano e do aragonés.

Malia – a pesar de. Aínda que recollida polo dRAG é máis usada no galego literario ca no falado. Ex.: malia o mao tempo eu vou ir. Cando vai seguida da conxunción “que” convértese nunha locución conxuntiva co significado de: aínda que, a pesar de que. Ex.: malia que non chegaches a tempo todo saíu ben.

Perante – O seu significado é “en presenza de” ou “fronte a/diante de”, polo que non sempre é sinónima de “ante”. Aínda que recollida polo dRAG e existindo tamén en portugués, o seu uso é máis literario ca oral infelizmente.

Pra – para. Aínda que recollida como autorizada polo dRAG, é variante non recomendada que remite á forma plena: para. Así e todo, a forma plena usa como primeira pronuncia “pra” e como segunda “para”. Para maior incoherencia as propias NOMIG recoñecen que “para” é forma minoritaria fronte ás variantes “pra” e “pa” (esta última non recollida no dRAG). É ben certo que as formas “para” e “pera”, a primeira con moita diferenza, son as máis utilizadas nos textos medievais fronte á minoritaria daquela “pra”, mais non é menos certo que no galego actual soamente se documentan “pra” e “pa” (de feito ningún informante emprega a forma plena “para” no libro: A nosa fala. Bloques e áreas lingüísticas do galego. Consello da Cultura galega, 1996), seica “para” é forma minoritaria pero moi empregada en cidades como a Coruña, Ferrol ou Vigo. Vemos que neste caso o principio das NOMIG que di que: “formas definitivamente mortas e arcaicas non deben suplantar outras vivas e galegas”, non se aplica. Ademais, “pra” foi a forma máis utilizada pola literatura moderna até que se impuxo “para” como forma normativa preferente nunha sorte de concesión ao reintegracionismo –e á converxencia co castelán de paso–, esquecendo que a forma “pra” é usada como forma informal e popular na ortografía portuguesa. Por último, “pra” sempre contrae diante dos artigos determinados dando lugar a: “prá(s)/pró(s)” en galego, e “prà(s)/prò(s)” en portugués; e con “pa” ocorre o mesmo: “pá(s), pó(s)”. Como curiosidade dicir que as “Normas ortográficas del gallego-asturiano” (Academia de la Llingua Asturiana – Secretaría Llingüística del Navia-Eo, 2007), escrupulosamente cinxidas á fala viva –castelanismos incluídos–, recollen como únicas formas normativas: pra/pa.

Sinte – ademais de. Pouco coñecida e case desaparecida, mesmo a nivel literario; mais aparece recollida polo Dxerais, e antes del por varios dicionarios do séc. XX e xa en 1884 polo dicionario de Valladares Núñez, e inclusive na “Gramática elemental del gallego común” de Carballo Calero, xunto cunha variante “sinto”, e na primeira redación das NOMIG (1982), para desaparecer coa revisión de 1995 –outro dos misterios léxicos da RAG–. Así e todo, hoxe semella que non pode competir coas locucións preposicionais sinónimas: “ademais de” (a máis usada por case coincidir coa do castelán), “amais de” e “alén de” (que conta co engadido de case coincidir coa máis usada polo portugués: além de).

So – baixo, debaixo de. Preposición desaparecida da fala e recuperada polo galego literario que conviría que tivese máis suceso na lingua oral. O portugués relatinizouna engadíndolle o “-b” orixinal: sob <sub, que para nada inflúe na súa pronuncia; e no castelán apenas se utiliza nalgunhas frases feitas: so capa de, so pretexto, so pena de.

Sobor – sobre. Variante da segundo forma, a máis usada e recoñecida como normativa, que, non obstante, é recollida polo dRAG como forma non recomendábel que remite a “sobre”. É forma minoritaria –é dicir: pouco usada pero galega e viva– que gozou dun certo uso literario por “diferencialismo” (tan lexítimo como utilizar só as palabras que coinciden co portugués (que é o que fai o reintegracionismo) ou co castelán (que é o que fan a maioría dos escritores galegos)), mais que caeu en desgraza pola súa adealla de rareza. O galego ten outras variantes como: sóber, sober e sóber (está última a máis próxima do seu étimo latino: super). Tanto “sobor” coma “sobre” pódense usar seguidas da preposición “de” como locucións adverbiais co mesmo significado ca sen a preposición: sobre de, sobor de.

Conxuncións:

Mais – como sinónima da conxunción “e” está en claro retroceso, mesmo no galego literario, grazas a ser peculiar do galego-portugués e inexistente en castelán. Ex.: eu mais ti somos dous. Tamén pode aparecer reforzada precedida polas conxuncións “e” e, máis raramente, “a”. Ex.: eu e/a mais ti somos dous. E cando vai seguida dos artigos determinados contrae con eles adoptando a seguinte pronuncia: maila(s)/mailo(s), que se pode representar ou non na escrita. Ex.: ti mais o/mailo Xoán ides á festa. E como sinónima de “pero” compite con esta no galego literario, mais no falado a cousa muda notabelmente. Ex.: ven cando queiras mais non deixes de me chamar. En portugués evoluíu a “mas” e o castelán tamén coñece este “mas”, de grande uso na antigüidade e de emprego apenas literario na actualidade.

Nen – nin. O dRAG non recolle esta variante desaparecida do galego oral, mais o dXerais si pero remitindo a “nin”. No entanto é unha palabra que gozou dun grande uso no galego literario e que aínda forma parte del por mor da ortografía reintegracionista (“nem”). As NOMIG recoñecen que “nen” era a forma case exclusiva do galego medieval para a seguir explicaren a evolución a “nin” (polo seu carácter átono e mais a influencia de dos indefinidos “ningún” e “ninguén”) no galego moderno sen facer ningunha mención á –máis ca posíbel – influencia do castelán como lingua de prestixio durante os últimos séculos; neste caso ser a forma maioritaria antano non xustifica a súa adopción como forma normativa –o que serve para a preposición “para” non serve para a conxunción “nen”–.

Pro – pero. O dRAG recolle esta variante remitindo á forma plena e as NOMIG xustifican a escolla desta forma plena como unha mudanza interna de tonicidade xa que se recoñece que o antigo “pero” debía de ser case sempre “peró”, forma aínda viva no leste de Lugo e no galego asturiano, que deu lugar á moderna forma sincopada “pro”. Nin unha soa mención a que “pero” coincide coa forma castelá e para eles debe de ser casualidade o triunfo da forma coincidente coa propia do español. Por certo, no portugués recóllense as formas “pero” e “peró” como conxuncións antigas.

5 comentarios:

  1. Non deixes de escribir. Canto se aprende! Apertas :)

    ResponderEliminar
  2. Beizón por me seguires.
    Que haxa xente interesada coma min nun mellor galego é o combustíbel deste blogue.

    ResponderEliminar
  3. Interesantísimos aportes. Curioso que en catalán tamén se use o "peró", grafado "però" por ser o aberto e en galego RAG nin sequera se admita como arcaísmo.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. O dicionario RAG, á parte de ser prescritivo, debería recoller todo o léxico galego para cumprir coa función que todo bo dicionario debe facer.

      Eliminar
    2. O DRAG é prescriptivo de máis. Misteriosamente, en formas comúns co castelán.

      Eliminar