Tal como comentamos coas preposicións e conxuncións, tamén
os adverbios e as súas locucións que non
coinciden ou se parecen aos do castelán van desaparecendo da fala cotiá, nun
proceso inexorábel cara á asimilación coa lingua dominante.
No
entanto, convén non esquecer que no paso do galego medieval ao contemporáneo xa
houbo unha boa morea de adverbios e locucións que se deixaron de usar: a dur/de
dur (custosamente), a festo/enfesto (para enriba; en declive), a emproo/ambroo
(para baixo), anvidos (contra vontade), asaz (bastante), ben leu (axiña), chus
(máis), cras (o día de mañá), dementre (mentres), des i (desde ese momento), eire
(hoxe), ensembra/ensembla (xunto con; en conxunto), festiño (de presa), juso
(abaixo), suso (arriba), toda via (sempre; decontino), toste (cedo; axiña),
etc.
Non poucos dos adverbios e
locucións que inclúo na listaxe a seguir aparecen no galego estándar usado por
escritores e outros gozaron de mellor fortuna na lingua literaria pasada, mais o
meu desexo é que uns tamén se utilicen no galego oral para que deixen de ser simples
termos literarios e outros obteñan o seu lugar dentro do galego literario como
formas caracterizadoras dun determinado tipo de fala.
Acó/Aló – acá/alá.
Orixinalmente son perfeitos sinónimos cunha distribución territorial concreta:
os primeiros propios do norte e os segundos do sur de Galiza. Porén a norma
gramatical, dado que os segundos son os máis usados na escrita –seica por se
semellaren máis aos seus correspondentes casteláns (acá/allá) e portugueses
(cà/là)– tentou dar un valor aos primeiros recomendando a súa utilización cos
verbos de movemento; mais a verdade é que poucos escritores seguen esta regra e
devagar van desaparecendo da escrita e supoño que tamén da fala, porque como en
calquera lingua normativizada o estándar ditamina que léxico vai perdurar.
Allur – noutra parte. Recollido
polo dXerais (Gran Dicionario Xerais da Lingua)pero non polo dRAG (Dicionario
da Real Academia Galega) e aínda vivo, ben que pouco usado, en portugués baixo
a forma: alhures, procede do occitano “alhors” e por tanto entrou no galego na
Idade Media. Ex.: se non o atopas alí
procura allur.
Arestora. En verdade non é un
sinónimo exacto de “agora”, pois indica que a acción se desenvolve nese mesmo
momento, mentres que “agora” pode indicar iso mesmo pero tamén un tempo actual
máis ou menos amplo. Ex.: arestora/agora
entra pola porta; mais: agora a xente
vive máis libre; iso son costumes de antano, non de agora.
Asemade – ao mesmo tempo,
simultaneamente. Palabra eminentemente literaria que tamén pode ser conxunción
co significado de “tan pronto como”. Ex.: é
difícil facer dous cousas ben asemade; envieicho
asemade chegou.
Asieu – abofé/a fe, de
certo/certamente/ con certeza, de veras/de verdade, sen dúbida, xaora. Adverbio
de afirmación infrecuente non recollido polo dRAG pero si polo dXerais, que
remite a “abofé”, aparecendo con anterioridade nos dicionarios de E. Rodríguez
González (1958-61) e X.L. Franco Grande (1972).
Avante – adiante. O dRAG
recólleo como termo marítimo, cousa que non ocorre no dXerais nin noutros
dicionarios anteriores, e tampouco nos dicionarios de portugués ou de español
onde é perfeito sinónimo de “adiante”, aínda que de moito menor uso –eis outro
novo misterio da lexicografía académica–.
Cadora – arreo, decontino,
seguido. Calquera dos catro é moito mellor ca adverbios acabados en “–mente”
como: continuamente, ininterrompidamente ou continuadamente; lexítimos pero
innecesarios. Ex.: nunca cala, fala
arreo/cadora/decontino/seguido.
Destarte – así, deste modo.
Non recollido polo dRAG pero si polo dXerais. Velaquí unha pequena xoia pouco
usada mesmo no galego literario. Ex.: destarte
non conseguirás ren.
Disque – segundo parece,
segundo se di, seica. Ex.: disque virá
mañá como moi tarde. Nótese que é unha dúbida que se presupón afirmativa
polo que non é sinónimo doutros adverbios e locucións como: talvez,
quizais/quizabes, (se) acaso, ao mellor, se cadra, se callar, pode/poida que,
etc. Ex.: disque o fixo ela, mais non hai
probas.
Doután, a/ao – sen freo/taxa,
libremente. Locución que comeza a aparecer nos textos literarios. Ex.: ela facía o que quería, vivía a doután.
Eiquí/Eí/Eilí – aquí/aí/alí.
O dRAG non recolle estas variantes dialectais, aínda que fosen moi utilizadas
na literatura noutrora (non así as variantes: aiquí, aí e ailí), nin sequera
como formas menos recomendábeis, tal como fai noutras ocasións (pra > para,
pro > pero, etc.); en troques o dXerais si as recolle remitindo ás formas
estandarizadas.
Eis – velaí/velaquí. O dRAG
recólleo como forma incorrecta –aínda admitido nas primeiras NOMIG (1982) pero
desaparecido na revisión de 1995– e remite ás formas equivalentes admitidas;
así e todo o dXerais e boa parte dos dicionarios do século pasado recollen este
arcaísmo, que ten un uso exclusivamente literario pero que tamén é a forma estándar
do portugués –e seica isto último sentenciou a súa exclusión do estándar
galego–. En portugués é preceptiva a aglutinación cos artigos e pronomes: a(s)/o(s)
(Ex.: ei-lo resultado; as cadeiras, ei-las); mais en galego non
se adoita facer (Ex.: eis o resultado; as
cadeiras, eis as están).
Hogano – actualmente, hoxe en
día. Outro adverbio cun uso nidiamente máis literario ca oral, do que hai que
saber que tamén se pode utilizar co seu significado orixinal: este ano. Ex.: iso é unha moda de hogano; hogano teremos máis produción ca en anos
anteriores.
Meio/Meo. Esta forma medieval
foi substituída no galego moderno pola correspondente castelá: “medio/medeo”,
que xa aparece en textos medievais serodios dos séc. XV e XVI, inzados de
castelanismos. Tamén funciona como substantivo e adxectivo anteposto, mentres
que como adxectivo posposto se usa “medio”, seguindo o modelo do portugués. O
académico e escritor D. X. Cabana recóllea no seu vocabulario final da
tradución d’A Divina Comedia
asegurando que “meo” é forma aínda viva na Terra Chá, mais a RAG non a recoñece
como forma galega actual e segue o modelo do castelán utilizando sempre
“medio”. O dXerais pola contra, recolle “meo” remitindo a “medio” e “meio” como
forma incorrecta. Ex.: deixa a fiestra
meio/meo aberta; está no meio/meo da
praza; só resta meia/mea legua de
camiño. Mais: ten unha estatura media.
Outrosí – ademais, tamén, do
mesmo xeito. Ex.: outrosí podes mudar o
contrato.
Paseniño – devagar, amodo,
engorde, pouco a/e pouco, aos poucos.
Calquera das precedentes é máis enxebre ca a tamén correcta: lentamente, que debe o seu
maior emprego á súa similitude coa forma castelá correspondente. Ex.: aínda que vou paseniño rematarei pronto.
Porén – así e todo, con todo,
non obstante, secasí, emporiso. Conxunción adversativa, que inclúo nesta
listaxe por ser sinónima do adverbio “secasí”, estigmatizada antano como
lusismo, malia a súa innegábel documentación no galego medieval, pero que hoxe
é plenamente admitida no galego estándar. Con todo, o seu uso é basicamente
literario e coido que sería moi beneficioso tamén a súa incorporación ao galego
oral, cando menos nun rexistro culto.
Ren – nada. Resgatado do
galego medieval soamente se usa, a nivel literario fundamentalmente, como
obxecto directo detrás de forma verbal. Ex.: non dixo ren. A variante “res”, tamén recollida polos dicionarios
aínda ten menos uso –eu non lembro vela en texto ningún actual– e no dRAG
remite a “ren”. Por tanto non pode substituír a “nada” en moitos casos, mais
este si pode substituír a “ren” sempre. Ex.: non hai nada que facer, non dixo nada.
Secasí – de todos os xeitos,
de calquera maneira. No dXerais aparece tamén a variante “secomasí”. Ex.: secasí tanto ten como o fagas. Aos
poucos vai aparecendo nalgúns textos literarios pero ten difíciles competidores: agora/ora ben, así a/e todo, con todo,
emporiso, no entanto (lusismo innecesario admitido como concesión ao
reintegracionismo), non obstante e porén (recuperado do galego medieval).
U. Adverbio interrogativo que
só serve para preguntar onde se atopa algo ou alguén en tempo presente, mais
que debería ser sempre usado para esta circunstancia. E mentres que o portugués
recolle este adverbio como un mero arcaísmo sen uso na actualidade, o asturiano
recolle “ú” como sinónimo interrogativo de “ónde”. Na nosa lingua nunca vai
acompañado de verbo ningún e sempre vai seguido da segunda forma do artigo
determinado (usando trazo) ou da segunda forma do pronome persoal átono (sen
usar trazo). Ex.: –U-la solución? –Iso
mesmo pregunto eu, ula?
Xacando – pode ter dous
valores, moi parecidos pero non exactamente iguais, cuxos sinónimos son:
antano, noutrora (naquel tempo pasado, naquela época, noutro tempo) e daquela,
entón (por aquel tempo, naquel momento). O matiz podémolo notar se usamos os
seus sinónimos pero non, abofé, ao usar este adverbio. Ex.: antano/xacando a xente facía esas cousas;
por iso entón/xacando dixen aquilo.
Xalundes – en algures, noutro
sitio, noutra parte. O dXerais especifica que o lugar descoñecido “é afastado”,
matiz que non recolle o dRAG nin tampouco o dicionario de Galaxia; por tanto
empréguese segundo o significado “oficial”. Ex.: non o atopo pero debe estar xalundes/en algures.
Non deixes de escribir. Apréndese moitísimo co teu blog. Tes facebook onde compartas os artigos que publicas para enterarme cando saia un novo? Un saúdo.
ResponderEliminar