Seguindo co fío da fraseoloxía galego, non é difícil ver
como aos poucos tamén o castelán se vai instalando en todas esas expresións
máis habituais que toda fala ten, substituíndo as formas máis enxebres por
aquelas que coinciden ou se parecen ás do castelán. Lembremos que o adxectivo
“enxebre” significa “sen mestura” e tamén “peculiar e exclusivo dun país (ou
dunha fala no noso caso)”, polo que as expresións enxebres son as que
caracterizan o galego fronte ás súas linguas máis próximas. Se digo que algo “dáme
igual” ou “dáme o mesmo” emprego a mesma expresión que usaría en castelán: “me
da igual, me da lo mismo”; mais se quero utilizar unha expresión sinónima
enxebre entón direi: “tanto me ten”. Do mesmo xeito que o falante habitual de
castelán traduce as súas expresións ao galego cando usa a nosa fala, o falante
galego fai o mesmo e neste caso diría: “tanto me tiene”; porén o axeitado é
usar as primeiras expresións en castelán e a forma enxebre en galego, ou ao
menos dar prioridade á forma enxebre na nosa lingua.
A
seguir (unha expresión enxebre moito mellor ca: “a continuación”) redacto unha
listaxe con algunhas expresións enxebres que deberían prevalecer nun galego
coidado sobre expresións copiadas do castelán ou con máis suceso pola súa
semellanza coas propias do castelán. En primeiro lugar figuran as expresións
enxebres recomendadas.
A bálamo, a bao, a barullo, a bater, a carradas, a darlle
cun pau, a embute, á envorca, a esgalla, a fartar, ás mans cheas, a mazo, a/ás
moreas, a pote, a varrer, ás petadas, etc. – en abundancia (como se ve o galego
non carece de formas para evitar usar este calco do castelán, aínda que
admitido pola normativa).
Aí falaches! – ti dixéchelo! (< cast: tú lo has dicho),
así se fala!
“Balavento, a” é unha expresión que serve para dous
conceptos: que algo ocorra de súpeto (chegou a balavento), e que algo se faga rapidamente
e sen orde (estalo a facer a balavento).
Bicada, tirar/sacar – sacar proveito. Ex.: ese non fai ren sen tirar bicada.
Cacho para cribo/testo, de; ao leilán – dun lado para outro.
Ex.: ese asunto faino ir de cacho para
testo, como non pensa as cousas sempre anda ao leilán.
Cacho, sacar de – pór fóra de si. Ex.: sempre consegue sacarme de cacho. Tamén se pode usar a expresión
“sacar dos meus/teus/seus/... trumiños”.
O adverbio “cadora” – continuamente (Ex.: é esaxerado dicir que no outono chova cadora), forma
a expresión: cadora e cando – de
vez en cando. Ex.: vén por casa cadora e
cando.
Coidado, perder – non se preocupar. Ex.: verbo do diñeiro perde coidado.
Cheda, dar – botar unha man. Ex.: a ver se me podes dar cheda con isto.
Cheo, estar – estar farto. Ex.: estou cheo das túas queixas.
Chupe, a – verticalmente, a pique. Ex.: o cantil cae a chupe sobre o mar.
Cor, de – de memoria. Ex.: sabíase a lición toda de cor.
Corde a corde, de – dun extremo a outro. Ex.: o percurso é de corde a corde. “Corde”
tamén se usa na expresión “andar a corde” – andar con tento, andar con tino.
Ex.: anda a corde e non te trabuques.
Dado, ser – ser amábel, obediente ou de bo trato. Ex.: esa rapaza éche ben dada.
Desmán, a – desviado, fóra do camiño. Ex.: a casa fica a desmán da nosa rota.
Doután, a/ao – sen freo, libremente. Ex.: vive a doután.
E logo – Esta expresión tan nosa vale tanto para preguntar
coma para responder. No primeiro caso serve para suavizar o ton da pregunta (E logo onde vives? E logo que queres?),
como sinónimo de “por que?” despois
dunha resposta (–Non o puiden facer. –E
logo?) e como forma de saúdo equivalente a “como che vai?” ou “que che
contas?”; mais como resposta pode substituír a “pois claro” ou a unha pregunta á
pregunta (–Non che gusta o rapaz? –E
logo!, –Non vas vir? –E logo?).
Espiñada, sentir/ter/darse a – ter un presentimento (en
galego sentimos coma “que se nos crava
unha espiña” no canto dunha “corazonada” como en castelán). Ex.: dáme a espiñada de que me tocará o boleto.
Facer cinsas, non – non levarse ben. Ex.: eses dous non fan cinsas.
Falar en banda – falar por falar. Ex.: esa sempre fala en banda.
Fas ou por nefas, por – por unha cousa ou (por) outra,
querendo ou sen querer. Ex.: por fas ou
por nefas sempre atopa unha escusa.
Ferrar unha má partida – facerlle unha xogada (a alguén).
Ex.: con esa venda ferroume unha má
partida.
Fío, a – continuamente, seguido, sen interrupción. Tamén se
pode usar “decontino”. Ex.: está chora
que chora a fío/decontino.
Fío a fondo, de – de principio a fin, de cabo a rabo. Ex.: para entendela tes de a ver de fío a fondo.
Fociño, torcer/virar o – amosar desacordo perante algo.
Tamén se pode usar “torcer o bico”. Ex.: non
torzas o fociño/bico que che é bo trato.
“Gardar o rego” ou “a gardarrego” serven para indicar que
algo se fai como se debe, disciplinadamente. Ex.: fai o choi a gardarrego/gardando
o rego.
Manducar a boroa (a alguén) – burlarse (de alguén). Ex.: deixa xa de me manducar a boroa.
Mentes, facer – facer memoria. Ex.: agora fago mentes de todo.
Mentes de, ter – ter intención de. Ex.: non tiña mentes de o facer.
Non dar + participio (algo) – non lograr/conseguir + verbo
(algo). Ex.: non dei chegado a tempo.
Non era/foi sen tempo, sen tempo non era/foi – xa era hora.
Ex.: sen tempo non era que chegases.
Non ser quen de – non ser capaz de. Ex.: non eramos quen de levantar a pedra.
Non tal – claro que non, de maneira ningunha.
Non ter perda – non se poder equivocar/perder; non
desperdiciar nada, non sobrar nada. Ex.: o
camiño non ten perda; esta carne non ten perda ningunha.
Nunca tal fixera! – oxalá non o fixera/fixese!
Nunca tal se viu/pasara/fixen – nunca se viu/pasara/fixen
nada igual.
Ollo, deixar de – perder de vista. Ex.: o neno non o deixaba de ollo.
Quen mo/cho/llo... dera! – oxalá puidera(s)/puidese(s)... !
Ex.: mercar esa casa? Quen ma dera!
“Peneiriño” é unha palabra usada con dúas expresións: “estar
no peneiriño” – estar moi ben. Ex.: ese
rapaz está no peneiriño na súa casa. E “traer (a alguén) no peneiriño” –
tratar moi ben (a alguén). Ex.: cando vai
á súa casa tráeno no peneiriño.
Pioca, andar á – andar a pedir.
Piques de, a – a punto de. Ex.: estivo a piques de apañalo.
Pónteme fóra! – sae de aquí!
Porta de tarabelo, ser – ser pan comido. Ex.: ese choio é porta de tarabelo.
Raxeira, á – ao sol. Ex.: non te poñas á raxeira que te vas queimar.
Repelo, a – sen gana, a desgusto, de má gana. Ex.: todo o fai a repelo.
Roer o chito, hai que – hai que se dar por vencido. Ex.: ás veces hai que roer o chito.
Rumbo, a – sen medida. Ex.: como non sabía botou a cantidade a rumbo.
Sen trello nin trambello – sen pés nin cabeza. Ex.: non se poden facer as cousas sen trello nin
trambello.
Si tal – claro que si, por suposto (castelanismo).
Socairo de, ao – ao abrigo/abeiro de. Ex.: hai que se pór ao socairo daquel portal.
Tanto ter – dar igual/o mesmo, non importar. Ex.. tanto ten que veñas ou non.
Tas en bas, estar de – estar ao tope. Ex.: o local estaba de tas en bas.
Turras, andar ás – estar desavidos. Ex.: mellor non as xuntes que andan ás turras.
Vagabán, a – (aberto) de par en par. Ex.: deixou a fiestra aberta a vagabán.
“Vela”, como acción de velar, emprégase en dúas expresións:
“andar á vela” – vixiar. Ex.: convén
andar á vela con ese suxeito; e “en vela” – sen durmir. Ex.: pasei a noite toda en vela.
Vir a xeito – ser adecuado/axeitado. Ex.: a resposta do Xián veu moi a xeito.
“Xacer” pódese empregar en dúas expresións: “estar de bo/mao
xacer” – estar cómodo/incómodo. Ex.: estaba
de mao xacer naquela casa; e “ser de bo/mao xacer” – ser de doado/difícil
trato/contentamento. Ex.: non che é persoa
de bo xacer.
Xis, botar un – botar unha ollada. Ex.: déixame o xornal que só vou botar un xis.
Zonza, á – á espreita, ao asexo, á esculca. Esta expresión
úsase claramente menos ca as súas sinónimas. Ex.: andaba á zonza detrás dela.
Espero
que este mangado de expresións enxebres –soamente unhas poucas das posíbeis–
sirvan para que alguén poida mellorar a súa linguaxe, facéndoa máis enxebre, é
dicir: máis galega.
Boa tarde senhor L.C. Carballal
ResponderEliminarEstou lendo o seu blogue e está a fazer um trabalho óptimo e imenso em prol da fraseologia enxebre galega
Eu também estivem a fazer umha cousa semelhante mas apoiando-me sempre nas outras variantes da nossa língua
Se quiser umha troca de informaçom adoraria poder partilhar com o senhor
Um grande abraço
Atenciosamente
Ricardo Gil
Este bloque soamente pretende achegar solucións -e reflexións- na procura dun galego máis enxebre, admitindo que non sempre vou dar coas respostas máis certas. Ende mal, eu só lle podo dedicar unha pequena parte do meu tempo, polo que vou publicando unha entrada nova cada mes.
EliminarSe vostede desexa incluír outras solucións ou reflexións no mesmo, non hai obxección ningunha pola miña parte, dado que este é un dos obxectivos do blogue -como se pode ler no encabezamento-, infelizmente incumprido.
Atentamente, ficando á súa disposición.
L.C. Carballal.
Este bloque soamente pretende achegar solucións -e reflexións- na procura dun galego máis enxebre, admitindo que non sempre vou dar coas respostas máis certas. Ende mal, eu só lle podo dedicar unha pequena parte do meu tempo, polo que vou publicando unha entrada nova cada mes.
EliminarSe vostede desexa incluír outras solucións ou reflexións no mesmo, non hai obxección ningunha pola miña parte, dado que este é un dos obxectivos do blogue -como se pode ler no encabezamento-, infelizmente incumprido.
Atentamente, ficando á súa disposición.
L.C. Carballal.
Un posteo do máis interesante e útil.
ResponderEliminarBeizón (unha palabra de agradecemento máis nosa ca "grazas" e camiño do esquecemento coma tantas outras).
EliminarL.C. Carballal.