Acabo de rematar de ler unha novela: “Sangue 12” de Cris
Pavón, que recomendo aos amadores da temática gótico-fantástica. É un libro en
xeral ben escrito pero que incorre sitemáticamente nun importante erro
gramátical: a ausencia dos comparativos “coma” e “ca” nos casos onde o seu uso
é prescritivo.
A
autora escribe frases como: foi máis forte que ela, ninguén o sabe mellor que
eu, terei unha nena como eu, unhas horas antes que eu, con menos carácter que
ela, que foses como eu, recollerche o pelo como ela, quero ser como ti, se ves
o mesmo que eu, etc.
Eis un
problema que comeza a ser máis frecuente do que debería, pois son moitos os
autores que caen no mesmo erro de ignoraren a existencia destas conxuncións
comparativas. Descoñezo se por influencia do portugués ou do castelán –aínda
que aposto por este sen medo–, que descoñecen tales conxuncións.
Con
todo, convén saber que estas dúas conxuncións son lexítimas descendentes das
latinas “quomodo ac” e “quam” e que a normativa indica, nas entradas
correspondentes do Dicionario RAG, que “ca” é obrigatoria diante de pronome
persoal, opcional no resto das comparacións agás diante dun verbo en forma
persoal, onde se substitúe por “do que” (seu
irmán é o mesmo ca el, traballa menos ca min, é mellor isto ca iso, chegou
despois ca min, mais bebes máis do
que deberas); e que “coma” tamén é obrigatoria diante de pronome persoal,
opcional no resto das comparacións catar diante dun verbo en forma persoal,
onde se substitúe por “como” (é parvo
coma ti, mais é parvo como es ti).
Esta conxunción comparativa é recomendábel usala cando equivale a “igual ca”
pero non cando equivale a “segundo/conforme” ou a “en calidade de”, casos en
que hai que usar a conxunción “como”.
É certo
que os partidarios de achegar a nosa gramática ao portugués preferen o uso das
formas “que” e “como” en todas as comparacións fóra das que van diante de
pronome persoal. Algo que a normativa permite. Así X. R. Freixeiro Mato no seu
libro “Lingua de calidade” di: “[…] a mello opción da escrita, a meu ver, é
empregarmos neste caso que como
comparativo (Meu pai é máis alto que o
teu), que non impide a mesma realización fonética –que “ca o”, indicado con
anterioridade–. […]; as conxuncións coma e
ca son de uso obrigado cando seguidas
dos pronomes persoais tónicos min, vostede(s), el, ela, nós, vós,
eles e elas; no resto dos casos semella preferíbel utilizarmos como e que / do que, respectivamente; que
pode substituírse por do que,
obrigatorio cando figurar un verbo no segundo termo da comparación (Éche máis alto do que pensaba); da mesma
forma, como é obrigado se o segundo
termo é unha cláusula con verbo expreso (Non
é tan listo como dicían).”
Obviamente
o reintegracionismo, seguindo o exemplo do portugués, non contempla o uso
destas conxuncións comparativas, nin sequera nos supostos mínimos diante dos
pronomes persoais, que para el son simples variantes vulgares ou dialectais de que e como. Así no “Manual galego de língua e estilo” de M. Castro Lopes,
B. Peres Bieites e E. Sanches Maragoto din: “As fórmulas que iremos utilizar
para a construçom da comparaçom em galego serám as básicas do padrom português.
Isto quer dizer que elementos do tipo ca e
coma ficam reservados à oralidade.” E
o exemplo que poñen non deixa marxe á dúbida: “Estudaste muito mais do que eu / Estudaste muito mais que eu.”
Malia
ser o profesor Freixeiro Mato un lingüísta moi acertado nas súas recomendacións
a prol dun galego máis autoidentificado e menos castelanizado, nesta ocasión
discrepo notabelmente da súa opinión. Porque considero que estas conxuncións
son galego enxebre e engaden un “plus” ao noso idioma como característica
propia, algo que toda lingua ten face ás súas linguas veciñas, como o mesmo
portugués ten algunhas características gramaticais descoñecidas polo galego: a
mesoclise pronominal no verbo ou o uso de tempos compostos na súa conxugación
verbal (aínda que isto último tamén o inclúen os reintegracionistas na
conxugación galega contra toda evidencia de uso); aínda que é ben certo que o
galego ten máis características propias que o portugués descoñece, por exemplo:
posesivos de pertenza (de meu, etc.) e de distribución (cadanseu, etc.),
pronome átono dativo (che) e unión de dativo e acusativo para a 3ª persoa de
plural (llelo, etc.), e xaora as conxuncións comparativas “coma” e “ca”.
Nun
excelente traballo, publicado en Cadernos de Lingua nº 34 (2012), o profesor J.
M. Pérez Fernández describe e exemplifica o uso destas conxuncións por
escritores clásicos e contemporáneos: Vicente Risco (Os seus ollos reluman coma brasas da noite), Álvaro Cunqueiro (Si sintes que brincan polo camiño uns
canciños coma ratos, aviva o trote), A. R. Castelao (El sinte que o son vaise perdendo, coma un crepúsculo), Ánxel Fole
(Coma en moitas autras aldeas, hai eilí o
costume de comer o caldo detrás), R. Otero Pedrayo (As libras de chiculate postas coma volumes ou ladrillos), X. Neira
Vilas (Na coresma sintinme máis ledo ca
antes; coma quen dis, un ninguén), etc. Non podo evitar copiar dúas
reflexións deste autor que acaen ao meu discurso: “No tocante ao sistema de
comparación, o pobo de Galicia nos seus catro cantos coincide con asombrosa
precisión no emprego das fórmulas arriba descritas, en tanto que os escritores
incorren en incoherencias inadmisibles tratándose de textos, algo que se fai
visible ó ollo.””O galego da cultura debería esforzarse por buscar un maior
amarre nas raíces populares, se non quere que máis pronto ca tarde a nosa
lingua quede diluída e perdida na marea do castelán.”
Eu non
critico que, tal como permite a normativa, cada autor utilice ou non estas
conxuncións comparativas cando o seu uso é opcional, senón que non se usen
cando a súa utilización é obrigatoria, é dicir: diante dos pronomes persoais
tónicos. Outra opción é escribir segundo a normativa reintegracionista e
daquela non se ten por que usalas. Con todo, para os que escriben na normativa
oficial recoméndolles que as utilicen, primeiro por ser un trazo distintivo enxebre
da nosa lingua e segundo porque poden axudar a un mellor entendemento da frase,
coma neste exemplo: “traballan máis coma (igual ca) escravos ca como (en
calidade de) labregos”, ou neste outro para evitar unha cacofonía: “Pero hai
algo mellor no mundo ca que nos amemos”. Estando claro que o seu uso provén da
nosa lingua popular e forma parte da nosa tradición literaria moderna. O galego
pode renunciar á súa tradición popular e literaria para fixar o seu estándar?
Que idioma fai isto?
Ola! Teño algunhas dúbidas verbo deste tema:
ResponderEliminarPoden efectivamente ir xuntas as conxuncións ca e que? Por exemplo: "É mellor que o entendas ca que o aprendas de cor". Non lle vexo erro gramatical pero sóame mal.
E se o "que" é un relativo? Por exemplo: Aquí hai máis cousas que alabar ca que criticar.
E por último: a frase "Dejo una España mejor que la que encontré" traduciuse no seu momento como "Deixo unha España mellor ca que atopei".
Se "ca" contrae (opcionalmente) cos artigos "o" e "a" dando lugar a "cá" e "có", entendo que a frase en galego debe ser "Deixo unna España mellor CA A que atopei" ou "...CÁ que atopei"
Como o ves ti?