O dicionario RAG define o arcaísmo lingüístico como “o
elemento lingüístico que resulta arcaico con respecto a un momento determinado
dunha lingua”, xa que logo, toda construción gramatical, léxica ou mesmo fonética
galegas que xa non se usen no momento actual, aínda que sexan absolutamente
galegas, constitúen arcaísmos do noso idioma.
Por
tanto, de sermos sinceros, podemos afirmar que unha parte substancial do noso
léxico estándar está constituído por arcaísmos que deixaron de selo, así pasou
con palabras tan correntes como: “igrexa”, “pobo”, “Deus”e “adeus”, “avó/avoa”,
“liberdade”, “anxo”, “cruzamento”, “illa”, “ar”, etc., que foron substituídas
polos castelanismos correspondentes no vocabulario común dos galegofalantes. Mais
todos estes arcaísmos compartían un dato importantísimo, fóra da súa
desaparición da fala: eran as auténticas palabras galegas que designaban esas
cousas, seres ou conceptos; e por riba estaban perfeitamente vivas no
portugués.
Mais a
miña proposta non vai na dirección, esixíbel por calquera amador dunha lingua o
máis enxebre posíbel, da recuperación do léxico patrimonial substituído polos
castelanismos; senón na reivindicación de recuperar e incorporar á nosa lingua
literaria ese caudal de léxico arcaico que existe na nosa literatura medieval,
tal como fan outros idiomas, así o castelán (fierro, maguer, yantar, asaz,
conseja, empero, prieto (=escuro), ginesta, etc.) ou o portugués (quiçá,
ceroula, outrossim, à guisa de, magote (morea), etc.). Con todo, non se debe
esquecer que xa houbo unha serie de arcaísmos que se usaron literariamente, con
maior ou menor fortuna, e dos que apenas uns ficaron no noso estándar: ren, drudo,
etc; mais a maioría non conseguiron permanecer no galego actual:
capiduo/capídoo, tiduo/tídoo, caloña (calumnia), seenzo (silencio), outo, maor,
ouciao (océano), homaxe, estoria (conservado no portugués co valor de “historia
ficticia, conto”), caor (calor), xinea (liñaxe), etc.; se ben algúns están nun
limbo de uso posíbel pero non sancionado pola RAG como: vegada, conquerer, moimento
(como “monumento funerario”), mor, miragre, allur (noutra parte), meo, etc.;
todos recollidos polo Gran Dicionario Xerais da Lingua, pero só “mor”, como
variante de “maior”, polo Dicionario RAG.
Curiosamente
o escritor, e académico da RAG, D. X. Cabana usa algúns arcaísmos nas súas
traducións ao galego de obras clásicas medievais, así na tradución do
Cancioneiro de Petrarca bota man de termos como: cór (corazón), frume (río) ou
outrén (outra persoa; palabra aceptada polo portugués: outrem). Ex.:
Que adoza todo cór
e o meu abruma.
Se eu me estremezo e sinto o cór xeado.
En cór de dona
pouco tempo dura.
Moverse os montes e deterse os frumes.
Frume que enche o
meu pranto a todas horas.
Eis que uns viven de olor no grande frume.
Dóeme un a min, e a outrén.
Tanto leva consigo e pon noutrén.
E así noxos pra outrén,
pra si tormentos.
Mais ningunha destas tres palabras recolle o dicionario da
RAG e si recolle pero rexeita a última o dicionario Xerais.
A lingua
literaria ten as súas propias regras dentro de calquera idioma e o galego non
debe ser unha excepción. Por tanto, benvidos sexan todos os arcaísmos que
enriquezan a nosa lingua culta e que sexan recollidos como tales polos nosos
dicionarios.
P.S.:
Antes
de pór este texto no blogue, recibo a nova tradución d’A divina comedia de D. X. Cabana. Nela engade un vocabulario final
con todas as palabras incluídas no texto que se desvían do estándar:
dialectalismos, cultismos e arcaísmos.
Entre estes últimos recolle vocábulos, ademais dos xa mencionados (cór,
frume e outrén) como: abiso (abismo), acitara (tapiz), allur/allures, ancela
(serva), animalla, baixel, carregar, caudel (xefe militar), compaso, decer
(descender), desmo, encalzo (seguimento), escontra, esprito, fardar (vestir),
ler (mar), louvanza/louvor, macela (pesar, dor), marteiro (martirio),
meán/meo/meogo, moimento, nau, pena (pluma), perto, rota (ruta), sembrante, en
torno (ao redor), sina (bandeira), vegada ou viso (aspecto, vista).
Nótese que o tradutor,
aínda que é membro da RAG, se mostra moi crítico coas carencias e
criterios do dicionario da RAG. Daquela quen está a decidir o corpus léxico
normativo do galego?
De ser un fervoroso defensor da Academia e o seu dicionario, téñome tornado nun usuario crítico a medida que fun constatando as grandes lagoas léxicas que sanciona.
ResponderEliminarTraballo co galego acotío e éme imposible recorrer unicamente ao DRAG. A estandarización do galego que propón é demasiado exquisita á hora de considerar termos galegos como lusismos (voltar, bochecha, louvar), castelanismos (pino, nogal), arcaísmos (outo, homaxe, xinea) e non aceptar -non sei ben por que razón- outros como xurdio, apetrenar, bruso, naipelo, bris, deceado, poma, xorne, vaxido, degrau, engádega, espanar, enlevo, febleza, traquear, maroutallo, revezar, muque, aganar, ameixoar, xémeo... Son os primeiros que me veñen á cabeza; lamento moito non ter apuntado todos aqueles cos que me encontrei ao longo dos anos, que son moitos.
Ademais, dun tempo para aquí, a Academia deixou de tomar en consideración aquelas observacións que fago pola canle que habilita para tal fin no propio dicionario. Algúns comentarios eran sobre grallas, evidencias non discutibles, nin sequera suxestións para estudaren.