Recentemente durante unha viaxe a Polonia en tanto agardaba
no aeroporto de Varsovia o voo de regreso entretiven o meu tempo ollando por
mera curiosidade nunha libraría do mesmo, onde a meirande parte estaba ocupada
por libros en polaco agás a sección de “International Books”, composta
exclusivamente por libros en inglés.
En
Amsterdam, noutra viaxe anterior, entrei a ver os libros dunha gran libraría do
centro da cidade, alí xunto aos libros en neerlandés había outra gran parte dedicada
aos libros en inglés.
Este
fenómeno tamén se vai implantando aos poucos en España, onde as grandes
librarías das cidades principais teñen a súa sección de libros en inglés como
unha máis da súa ordenación.
É o
inglés a “lingua internacional”, o idioma que calquera persoa cun mínimo nivel
cultural deberá saber como parte imprescindíbel da súa formación? Témome que
si, e do mesmo xeito que o castelán se converteu na “lingua común” de España, o
inglés estase a converter na “lingua común” do mundo.
Mais como
se tomou esta decisión? Alguén coñece que houbese algunha discusión e votación
ao respecto nas Nacións Unidas ou en calquera outro organismo internacional?
Semella, máis unha vez, o vello sistema da imposición lingüística, neste caso
mercé ao poderío militar, económico e sociocultural dos EUA.
Seica
os terrestres estamos destinados a falarmos un só idioma como lingua de
relación, cultura ou comercio, unha sorte de “lingua común” universal, nun
futuro non moi lonxincuo. Mais por que debe ser o inglés e non unha lingua
artificial, creada para ser sinxela na súa gramática, fonética e vocabulario;
unha lingua de ninguén para que sexa un idioma de todos?
Se non
teremos “un idioma para nos gobernarmos a todos, un idioma para nos atoparmos,
un idioma para nos atraermos a todos e nos atarmos nas tebras, no Mundo global,
onde se estenden as sombras.”
No hay comentarios:
Publicar un comentario