jueves, 31 de julio de 2014

DOLMENS E MENHIRES

Lendo un texto sobre a prehistoria galega atopeime con dúas palabras inequivocamente alleas: dolmen (cubículo de laxes verticais cuberto por outra horizontal) e menhir (pedra alongada chantada verticalmente), palabras aceptadas polo dicionario RAG para definir ambos os conceptos arqueolóxicos. O curioso do tema é que no primeiro caso, o galego popular creou un bo número de termos para denominar o “dolmen” (< taol + men “mesa de pedra” no bretón orixinal a través do francés), por mor da gran cantidade destes monumentos megalíticos que se encontran no país, así: casa/forno dos mouros, arca, anta, antela, pedra moura, pedra de arca, etc; con todo, “anta” soamente denomina calquera das pedras que constitúen o dolmen para o dicionario RAG. E no segundo, o único exemplo coñecido en Galiza é denominado como “lapa” de Gargantáns, aínda que as numerosas pedras verticais chantadas no terreo como referencia de lindes reciben o nome de “pedrafitas”, que é o que eran os “menhires”(“pedras longas” no orixinal bretón) segundo unha parte dos especialistas.
                Consultando varios libros de historia e arte comprobo que as propostas maioritarias foron denominar estes monumentos como “anta” e “pedrafita” en galego, e así o recolle o GDXL (Gran Dicionario Xerais da Lingua) que dá “anta”, “ante”, “arca” e “pedra moura” como perfeitos sinónimos de “dolmen” ; “pedrafita” como o de “menhir”; e “círculo lítico” ou “círculo de pedras” para “crómlech”. Pola contra, o GDsXXILG (Gran Dicionario Século XXI da Lingua Galega) cínxese estritamente ao ditado pola RAG.
                Na “Historia Xeral de Galicia” editada por A Nosa Terra, F. Calo Lourido, o encargado da Prehistoria e Idade Antiga, di textualmente: “Amais das mámoas coas súas antas (mal chamadas dólmenes ou “mesas de pedra”), pertencen a esta fase cultural as pedras fitas e mesmo os círculos líticos (tamén innecesariamente chamados menhires e cromlechs respectivamente).” […]. “Todos constitúen moimentos megalíticos.”
                “O megalitismo. A primeira arquitectura monumental de Galicia” de Antón A. Rodríguez Casal, di expresamente: “Contamos en Galicia, […], cunha terminoloxía propia para referirnos ós mal chamados dólmenes […]. Así consérvanse nomes tales como anta, arca, arqueta, arquiña, pedra moura, forno ou casa dos mouros, pedra da arca, etc.” Ao longo do libro o autor decántase polos termos: anta, pedrafita e circo lítico.
                “A historia” de Ramón Villares dinos: “A denominación de “cultura megalítica” deriva da construción de enormes monumentos de pedra, de carácter xeralmente funerario e que poden ser de diferentes tipos: círculos líticos ou cromlechs, menhires que en Galicia se denominan “pedras fitas” e sepulcros, […], que tamén reciben moi diversas denominacións: mámoas, modias, medorras, medoñas.” E: “Os máis frecuentes monumentos megalíticos son os sepulcros, que están formados dun túmulo e un dolmen ou anta interior.”
                Ou, por último, a “Guía da arte de Galicia” de Basilio Cegarra di: “[…] o que chamamos dolmen (en galego anta, arca, casa de mouros, meda, cabana entre moitos outros…”. O autor tamén usa pedrafita como sinónimo de menhir.
                Curiosamente o dicionario RAG si admite a palabra mámoa e os seu sinónimos: medoña, medorra ou modorra, para se referir ao túmulo que cobre o “dolmen”. En troques, non recolle a palabra moimento, que si recolle o GDXL e define como un “monumento funerario”.

                O acontecido con estes termos científicos do campo da Historia ou da arte tamén pasa en moitos outros campos léxicos. A compoñente común é que antes existan no castelán; se este mudou o seu termo tradicional por outro, sucede o mesmo en galego, se conserva a palabra patrimonial, o galego tamén pode conservar a súa. Velaquí algúns exemplos en distintos campos:
No corpo humano é sintomático como as denominacións populares pasaron a nomear os mesmos órgaos nos animais en moitos casos:
Columna vertebral – cerrizo, aranguelo, arelo, carrelo, carriñouzo, cernizo, espiñazo, fío do lombo, lombelo, raque.
Pulmón – bofe, livián, corada, boche, bocho, bucho, alegría.
Labio – beizo. O castelán tivo a palabra “bezo”, xa desaparecida da fala.
Bazo – paxarela, paxara, paxarola. Só o primeiro para persoas.
Estómago – bandullo, callada, calleira, recho, calleiro, ventrullo. Só o primeiro para persoas.
Vexiga – mexa, vincha.
Intestino – tripa. Aquí como o castelán usa ambas as denominacións, en galego tampouco hai problema.
Cadeira – cadril. O dic. RAG especifica este último como denominación para o óso e a primeira para nomear a forma externa, algo que non sucede na fala popular.
Omoplata, escápula – espádoa, pa, paleta.
Nas doenzas:
Gripe – influenza.
Epidemia – andazo. Onde a primeira se restrinxe estritamente ás doenzas contaxiosas, mentres que a segunda a calquera tipo de proliferación esaxerada.
Bocio – papeira, garxola, lobiño, papo.
Varíola – boas, vexigas.
Sarna – raña.
Diarrea, descomposición – cagarrela, cagarría, foira, furrica, furriqueira.

                Cal é a lóxica de importar palabras, practicamente por unanimidade mediante o  castelán –faltaría máis–, para denominar conceptos que xa teñen, ou tiñan, palabras propias. Na realidade estes cultismos –na realidade: castelanismos– son mellores ca as denominacións populares?

No hay comentarios:

Publicar un comentario