lunes, 4 de junio de 2012

Hiperenxebrismos

Poderiamos definir o “hiperenxebrismo” como “unha palabra inexistente no galego creada para facer máis galego un vocábulo, normalmente un cultismo, pola súa coincidencia co vocábulo castelán correspondente”. Con todo, coido que na persecución do “hipergaleguismo”, como tamén se lle denomina, caeuse no exceso, pois moitas palabras, de innegábel estracción popular quedaron tachadas como tais, aínda que na realidade a súa adscrición entraría no conxunto dos vulgarismos ou dialectalismos, por non coincideren coas súas correspondentes formas estándares.

As desviacións vocabulares que se dan no galego poden, ou adoitan, encadrarse nos seguintes termos: lusismos (trazer, gardachuva, feizón, pacote, cuarteirón (de casas), greve, etc.), aínda que moitos son máis dignos ca os castelanismos que os substitúen e outros moitos son primeiramente dialectalismos (ceu, diz (por Pontevedra con seseo), caír, sou, quer, cantaste, perguntar, etc.), arcaísmos (escreber, receber, tais, viver, etc.) ou simples mudanzas ortográficas (árvore, povo, luzir, jantar, caminho, etc.); arcaísmos (estoria, capiduo, tiduo, homaxe, seenzo, outo, caloña, etc.), que na maioría dos casos foron substituídos por palabras coincidentes co español; dialectalismos (il, irmao, tu, eiquí, verquer, muito, loiro, verao, etc.); vulgarismos (ámbeto, remédeo, gomitar, fertuna, facultá, probe, decumento, úneco, cencia, histórea, etc.), mais non sempre está clara a fronteira entre estes e os dialectalismos; hiperenxebrismos (cuxos exemplos aparecen máis adiante); e castelanismos, que son con diferenza a gran praga do léxico galego, de feito é case imposíbel non caer nalgún nun texto de certa extensión e seguro que se me coou algún no presente texto.

Un hiperenxebrismo créase sempre a partir dun exemplo nidio entre unha forma galega e a súa correspondente castelá: da analoxía corrente-corriente, valente-valiente ou parente-pariente xorden ambente, pacente, conscente, obedencia, etc.; da de couto-coto, pousar-posar ou roupa-ropa xorden hourizonte, adourar, ourente, oubriga, etc.; da de lúa-luna, coroa-corona ou vea-vena xorden zoa, abandoar, antea, condea, etc.; da de voar-volar, coar-colar ou veo-velo xorden cristaíño, insuar, voátil, vixiancia, etc.; da de cabalo-caballo, polo-pollo ou calo-callo xorden brilar, orgulo, marabila, etc.; da de ano-año, pano-paño ou cano-caño xorden estrano, montana, etc.; da de camiño-camino, cociña-cocina ou fariña-harina xorden destiño, asesiño, gasoliña, torbeliño, etc; da de man-mano, castelán-castellano ou irmán-hermano xorden urbán, román, semán, humán, etc; da de beira-vera, enfermeiro-enfermero ou moreira-morera xorden primaveira (aínda que existen reservas ante esta variante amplamente documentada na fala popular xunto con “primadeira”), sinceiro, quimeira, seveiro, etc., e mesmo libreiría, bruxeiría, etc; da de home-hombre xorde soma; e da de xustiza-justicia ou sentenza-sentencia xorden importanza, existenza, preferenza, independenza, etc. Con todo, algúns son tan elaborados (segredario, cadeirádego, sagreficio, ámeto, etc.) que inclusive os seus inventores teñen nome e apelido, normalmente escritores do séc. XIX e de inicios do séc. XX.

Está claro que os hiperenxebrismos é un fenómeno típico do galego literario, sobre todo, e da época contemporánea, polo que pouco hiperenxebrismo pode haber naqueles termos que xa se documentan en textos antigos, sobre todo se son da época medieval. Por tanto fenómenos como o rotacismo, tendencia espóntanea do galego en todas as épocas, que dá palabras como: craro, groria, exempro, posibre, amabre, etc., fai que estas non se poidan incluír nos hiperenxebrismos, senón nos vulgarismos. E palabras como: tiduo, capiduo, outa, vegada, mor ou caloña serán sempre arcaísmos e non hiperenxebrismos, aínda que se usen por diferencialismo, pois son xenuínas palabras patrimoniais caídas en desuso ou substituídas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario