sábado, 19 de mayo de 2012

O esmorecemento do galego

Vexo por unha enquisa sobre o uso das linguas en Galiza, publicada no artigo “A semana da lingua da (aínda) maioría do país” do diario dixital Praza Pública –os meus parabéns ao novo meio-, que se o galego é aínda a lingua maioritaria do país (cun 56% de usuarios habituais) é grazas á populación maior de 50 anos, xa que entre a menor desta idade o galego é unha lingua minoritaria e entre os nenos soamente o fala habitualmente un terzo da populación. Os dados son para pórse a tremer, mais non mostran nada que non se soubese, pois ratifican a tendencia cara a diminución do galego anunciada desde hai máis dun século. O problema é que nin tanta “Autonomía” nin tanta “Imposición do galego” (Galicia Bilingüe dixit) modificaron esta tendencia nin lograron freala nin sequera un chisquiño.

Mais sendo xustos deberiamos recoñecer que o galego está a sofrer a mesma doenza de calquera lingua minorizada, sen ir máis lonxe, a mellor situada entre as europeas: o catalán, segue a perder falantes (en Cataluña pasou dun 50’7 % en 2003 a un 47’6 % en 2008 e na Comunidade Valenciana dun 50’0 % en 1995 a un 36’4 % en 2005 e un 32’3 % en 2008, e no Rosellón soamente o falaba un 3’5 % en 2004) e o basco apenas logra manter o seu minoritario número de falantes habituais cun 52 % en Guipúscoa, un 31 % en Biscaia, un 25 % en Álava e un 18 % en Navarra segundo unha estatística de 2008. Se linguas con moito máis apoio mediático e político nos seus territorios perden falantes, como non os vai perder o galego cos miserábeis meios de que dispón? Na realidade toda lingua que non teña un estado detrás que a faga imprescindíbel no seu territorio está condenada a desaparecer ante a lingua que si cumpre ese requisito.

Na realidade a única saída viábel para as culturas minorizadas é a súa independencia das culturas que as asoballan, e aos exemplos me remito: a independencia das repúblicas bálticas foi o revulsivo ante o seu esmorecemento como pobos dentro da URSS, a pesar da suposta cooficialidade dos seus idiomas; o finés renaceu cando alcanzou a independencia; e o mesmo pasou co noruegués e mais o islandés; e os casos do esloveno, o macedonio ou o eslovaco son similares. Nótese que das linguas ibéricas, fóra do castelán, a única que non corre perigo de asimilación é o portugués, que non casualmente logrou manter a súa independencia de Castela. En fin, isto é plenamente sabido e é a razón pola que os nacionalistas bascos e cataláns poñen o acento en conseguir a independencia, pois esta será a única garantía da súa sobrevivencia como pobos. Coido que a única excepción a esta máxima é o caso irlandés.

Cando os galegos deixen de falar galego, deixarán de ser o pobo diferenciado que sempre foran e converteranse nunha especie de casteláns do noroeste, cuns trazos propios, seguramente, mais sen unha cultura propia. Entón terán de ler os textos dos seus devanceiros mediante traducións, como xa, penosamente, fan moitos galegos cando len autores galego-escribentes como Manuel Rivas ou Suso de Toro. Sería moi interesante saber cantos libros se venden en Galiza na versión orixinal e na traducida de autores galegos con suceso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario