miércoles, 20 de junio de 2012

Arcaísmos

Todas as linguas posúen unha serie de palabras que caeron en desuso co paso do tempo pero que á vez seguen a se utilizar nun estilo literario, sobre todo poético. Estes arcaísmos cumpren o rol de nos lembrar que a lingua tivo un pasado, e que o idioma presente é o produto dunha evolución ou transformación desa lingua pretérita. Estes arcaísmos son como enlaces que nos conectan con ese pasado. Toda lingua que tivo literatura na antigüidade, e o galego conta con ese privilexio, posúe estes arcaísmos literarios, que evidentemente teñen un uso moi restritivo pero significativo no estándar culto.

Porén por que existe unha certa tendencia cara ao seu ocultamento nos traballos lexicográficos, como se fosen palabras que deben desaparecer da nosa memoria lingüística e con todo son fundamentais para podermos entender os nosos cancioneiros. Mesmo algunhas delas foron recuperadas para a lingua literaria moderna, e por tanto a súa inclusión nos dicionarios modernos parece incuestionábel. Así ocorre con termos como: conquerer (conquistar), vegada (vez) ou moimento (monumento); aínda que outras como: capiduo (capítulo), maor/mor (maior) ou tiduo (título) aparecen sinaladas como palabras incorrectas, cando o correcto sería que aparecesen descritas como arcaísmos.

Comprobo curioso e “asaz” indignado, como este arcaísmo, tan usado na nosa lingua medieval, non aparece nos nosos dicionarios, mais pola contra si nos portugueses (assaz) ou españois (asaz) mercé á súa consideración de termo de uso literario. Se isto ocorre cunha palabra que conta co beneplácito das linguas irmás, imaxinen o lugar reservado a arcaísmos tais como: toste (cedo; pronto; axiña), eire (onte), cras ((día de) mañá), chus (máis), ergo (salvo, excepto) ou macar (aínda que). Arcaísmos tais como maguer (aínda que), bermejo (vermello), empero (mais, pero) ou yantar (comer) son recollidos nos bos dicionarios casteláns, por que os nosos non poden facer o propio cos nosos?

No hay comentarios:

Publicar un comentario