sábado, 7 de julio de 2012

Por que o porqué? porque...

Comprobo entre sorprendido e indignado como en textos publicados, tanto de escritores autóctones coma de tradutores, se seguen trabucando os usos ortográficos da secuencia bisilábica “por-ke”, tanto cando oxítona coma cando paróxitona. Por que? Porque ninguén le as gramáticas. E aínda que é un erro que compartimos con portugués e castelán, parece que os correctores de portugués e castelán están mellor pagados ou son, simplemente, máis competentes, e por iso estes erros só se ven nestas linguas en textos da internet e non en libros editados.

Con todo, diferenciar cando se deben usar as diferentes formas non esixe un gran coñecemento gramatical nin especial esforzo memorístico. Trátase soamente de ter presente unhas simples regras, a saber:

POR QUE – Úsase en oracións interrogativas, onde “por” é preposición e “que” é pronome interrogativo, tanto directas coma indirectas, e equivale a “por cal razón”:
Por que (= por cal razón) vés? E non sabía por que (= por cal razón) veu. Isto é todo, por que (= por cal razón)? E non dixo por que (= por cal razón) isto é todo.

Convén lembrar que en galego non se precisa o acento no pronome como en castelán ou en portugués cando este está ao final da frase: Ela não avisou por quê (= por qual razão)?, Mais: Por que (= por qual razão) não foi com você?

E tamén que se pode dar a secuencia da preposición “por” seguida polo pronome relativo “que”, equivalendo a “polo/a cal ou polos/as cales”:
Esa foi a razón por que (= pola cal) ocorreu. Eu só sei os lugares por que (= polos cales) pasei.

PORQUE – Conxunción causal ou final que equivale a “por causa de que” ou “para que”, introducindo unha oración subordinada que explica a causa ou o final doutra principal:
Está todo completo porque (= por causa de que) o fixo ben. Non fun ao mercado porque (= por causa de que) estaba a chover. Hai que traballar porque (= para que) veñan.

PORQUÉ – É un substantivo, sinónimo de razón ou motivo, e por tanto con variación de número e sempre precedido do artigo ou outro determinante:
Non entendo o porqué (= razón) do teu enfado. Dime os porqués (= motivos) da túa decisión.

Vexamos como a ortografía destas palabras pode mudar totalmente o senso dunha frase:
O meu fillo non dixo ren por que (= por cal razón) non veu.
O meu fillo non dixo ren porque (= a causa de que) non veu.

1 comentario:

  1. Pois si, resulta abraiante que en algo tan doado de diferenciar, vexamos decote meter a zoca incluso a profesionais. #Exiquio

    ResponderEliminar