jueves, 10 de mayo de 2012

Dialectalismos

O estándar galego, unha lingua ecléctica baseada no conxunto das falas galegas (solucións occidentais en –ns (can>cans), centrais distinguindo xéneros (irmao/irmá), e orientais en –is (animal>animais), etc.) ao contrario doutros estándares que se fundamentan no prestixio social dalgunha fala concreta, debe cumprir o seu obxectivo de ser de todos por non ser, precisamente, de ninguén. O cal levou aos amigos da “lingua común” a acusala de lingua artificial, esquecendo que todos os estándares son artificiais por natureza, mesmo os procedentes dunha fala concreta, e aprendidos nas escolas e nos meios de comunicación para o conxunto dos falantes de calquera idioma.
Mais a súa existencia, imprescindíbel, e difusión non debería acabar coa existencia das falas galegas –o termo “dialecto” no caso galego resulta excesivo na maioría das variedades-. Aínda que é certo que a promoción e difusión dun estándar adoita levar de seu a desaparición das diferentes variedades dun idioma, non é menos certo que a sobrevivencia destas fornece unha riqueza á cultura do país moitas veces infravalorada.
No eido da literatura a súa importancia é capital á hora de caracterizar personaxes, e a nosa literatura está chea de bos exemplos disto. Mais tamén á hora das traducións, as nosas “falas” tamén poden cumprir un rol esencial para reflectir dun modo bastante honesto as diferenzas lingüísticas que se dan na obra orixinal. Por veces coido que este/iste non é un recurso tan utilizado como se debería e se perde esa variación de “acentos” que teñen/tein moitos/muitos textos ingleses, alemáns/alemás, franceses ou italianos.
Saber combinar o xeral co específico: velaquí o reto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario