domingo, 22 de abril de 2012

O NACIONALISMO NA LINGÜÍSTICA

A lingüística é unha disciplina científica, xaora, e por tanto non debería estar suxeita aos vaivéns da política, mais os lingüístas son cidadáns dun país ou estado concreto e si están suxeitos á política e aos intereses das súas nacións; por isto a lingüística está ateigada de derivacións nacionalistas que responden a intereses políticos e que omiten o saber científico. Isto é algo que se pode demostrar con moitísimos exemplos, velaquí uns cantos:

Durante catro séculos longos o danés foi a lingua cultural e da clase dominante de Noruega por mor da pertenza deste país á coroa danesa, mentres que a vella lingua norueguesa ficou relegada ao mundo rural, sen apenas escritura e menos prestixio; mais coa chegada da desunión, e a unión con Suecia, no séc. XIX –a independencia non chegaría até un século despois- xurdiu a idea de crear unha fala netamente norueguesa que reafirmase a nova realidade política. Na verdade o danés que se usaba en Noruega tiña claras diferenzas, especialmente fonéticas porque a pronuncia é máis próxima ao sueco, a respecto do usado en Dinamarca. O nacionalismo noruegués notou que conviña ir remarcando estas diferenzas tamén na ortografía da lingua, aínda que esencialmente fose a mesma (noruegués/danés/galego): nei/nej/non, åtte/otte/oito, uke/uge/semana, natt/nat/noite, tre/træ/árbore, øy/ø/illa, melk/mælk/leite, egg/æg/ovo, vann/vand/auga, bok/bog/libro, ull/uld/la, katt/kat/gato, øye/øje/ollo, grønn/grøn/verde, hvit/hvid/branco, høy/høj/alto, lett/let/doado, nasjon/nation/nación, sønn/søn/fillo, etc. Obviamente, malia as diferenzas fonéticas e ortográficas, os falantes destas dúas linguas recoñecidas internacionalmente pódense entender bastante ben sen ter de mudaren os seus idiomas.

A Romanística comezou clasificando como linguas románicas só a estas seis: italiano, romanés, español, portugués, francés e provenzal, na clasificación de F. Diez de 1836. Máis dun século despois o romanista B. E. Vidos recoñece outras seis máis: gascón, francoprovenzal, catalán, sardo, retorrománico e dalmático. Se ollamos unha clasificación actual, que non é a única, como por exemplo a de Koryakov Y.B., veremos que o número se incrementou notabelmente, agora aparecen linguas como o mozárabe, o galego-portugués, o asturleonés, o aragonés e mais o español nun subgrupo iberorromance; o catalán, o gascón e mais o occitano nun subgrupo occitanorromance; o arpitán, o francés e outras falas de oil nun subgrupo galorromance; as falas galo-italianas (lombardo, piemontés, etc.), as retorrománicas, o véneto e mais o istrio nun subgrupo norteitaliano; o italiano e outras falas italomeridionais (napolitano, siciliano, corso, etc.) nun subgrupo suritaliano; o sardo nun subgrupo propio; o desaparecido dalmático como lingua-ponte entre romances occidentais e orientais; e o romanés e outras falas balcanorromances nun subgrupo balcanorromance. Daquela que é o que pasou: simplemente que mudou o criterio, porque antes diferenciaba entre idiomas e dialectos cun carácter meramente político e agora compara entre as falas para estabelecer as linguas con criterios estritamente lingüísticos.

O macedonio forma parte do diasistema búlgaro-macedonio. Na realidade as linguas sureslavas, un subgrupo dentro do grupo eslavo, forman un continuum desde o esloveno ao noroeste até o búlgaro ao sueste, pasando polo serbocroata e mais o macedonio. O dialecto “torlak”, falado na rexión fronteiriza de Serbia, Bulgaria e Macedonia, é o enlace deste continuum entre os tres países. Foi só a partir de 1945, coa creación da Rep. Socialista de Macedonia, dentro de Rep. Federal de Iugoslavia, e antes coñecida como Provincia de Vardar no seo do Reino de Iugoslavia (1929-41) –entre 1941-45 o territorio quedou dividido polos ocupantes alemáns, italianos e búlgaros-, que se creou un estándar, baseado no dialecto central de Prilep-Bitola, e un status de oficialidade do que até daquela carecera. Convén lembrar que o estándar búlgaro está baseado principalmente nos seus dialectos orientais. Mais hoxe en día os lingüístas búlgaros e moitos eslavistas seguen a negar unha diferenciación entre o macedonio e o búlgaro.

Dentro do mesmo subgrupo sureslavo o serbo-croata desapareceu no paso do século XX ao XXI. Estamos ante un auténtico paradigma de nacionalismo lingüístico. Afortunadamente o grande Ivo Andric, premio Nobel de literatura en 1961, nado como austro-húngaro e morto como iugoslavo, non o viu. Aínda que ningún manual de Eslavística ousa negar a existencia dunha lingua común serbocroata, cuxo estándar se basea no dialecto novo-stokavski de Hercegovina oriental, xusto no centro do dominio lingüístico serbocroata, a partir de 1991, coa constitución de Croacia como estado independente, o termo serbocroata, nado no séc. XIX, desapareceu do vocabulario oficial e hoxe as constitucións dos catro países que falan maioritariamente este idioma só recoñecen a existencia dunhas falas denominadas: croata, serbio, bosníaco e montenegrino. Aínda non coñezo a existencia dun dicionario serbo-croata / croata-serbio –ollo! Unha cousa é un dicionario bilingüe e outra moi diferente un vocabulario que explique termos desusados nun ou noutro estado- mais é algo que non descarto.

Malia que a Romanística actual recoñece a existencia do asturleonés e o aragonés como linguas procedentes do latín, e non como dialectos do castelán coma por exemplo o andaluz, o canario ou o murciano; os manuais de dialectoloxía española seguen a metelas dentro dos seus estudos co gallo de que “son dialectos latinos que non se constituíron como linguas modernas”, é dicir, que non xeraron uns estándares nin teñen recoñecemento oficial ningún –o cal é parcialmente falso dado que o mirandés ten un estándar e mais un recoñecemento oficial en Portugal-, obviando que a estandarización da maioría das linguas, romances ou non, é moi moderna e mesmo contemporánea, sendo un proceso que segue creando modelos de linguas na actualidade e obviando os labores que fixeron e seguen a facer organismos lingüísticos a prol destas falas. O dicionario da RAE define o asturleonés como: dialecto romance nado en Asturias e no antigo reino de León como resultado da peculiar evolución experimentada alí polo latín, e o aragonés como: dialecto romance chamado tamén navarroaragonés; mentres que o galego e o catalán si son definidos como linguas. E é que o tempo vai moi amodiño nun sitio con tanto literato e lingüísta agradecido.

Copiando o exemplo da Francofonía, os portugueses inventaron o termo Lusofonía para englobar todos os países que falasen portugués. Os portugueses, atendendo á historia que situa o nacemento indiscutíbel –ou si?- da lingua galego-portuguesa na zona occidental da antiga provincia romana de Galaecia, non podían cuñar o termo Galaicofonía, porque boa parte desta provincia pertencía ao estado español e, sobre todo, o territorio que conservara esta denominación, Galiza, formaba parte del como rexión. Isto crearía a sensación dunha submisión de Portugal a España, politicamente inaceptábel. Daquela botar man dos valentes lusitanos que se enfrontaron aos romanos parecía unha boa opción, visto que ningún territorio actual conservara unha denominación deste pobo prerromano; pouco importaba que non houbese ningún fundamento lingüístico e que a antiga provincia de Lusitania estivese tanto en Portugal coma nunha boa parte de España –a súa capital era Mérida-, porque o invento non tiña nada que ver coa lingüística e moito coa política.

Todos aprendimos na escola que as linguas e dialectos iberromances, e aínda hai moitos manuais predicándoo, son: galego-portugués, asturleonés, castelán, navarroaragonés, mozárabe e catalán. A lingüística española estaba, e aínda está, empeñada en meter todas as romances ibéricas no mesmo saco: España. Mais a verdade é que o catalán difere en moitas características co resto dos romances hispanos. Se se compara un texto ou un vocabulario aranés-catalán vemos que as diferenzas son poucas –lembremos que o aranés é unha variedade do gascón-, en todo caso sempre menores ca se comparamos ese mesmo texto ou vocabulario con calquera outra lingua romance ibérica, e se a comparación é coa versión en languedociano, o dialecto central occitano que linda ao norte coa fala catalá, as diferenzas aínda son menores. Daquela como é posíbel que o catalán sexa unha lingua tipoloxicamente iberorromance e o occitano unha lingua galorromance? Obviamente os lingüístas franceses e españois repartíronse as linguas e dialectos dentro dos seus territorios nacionais para crearen eses enxendros lingüísticos que hoxe, felizmente, están plenamente cuestionados.

O territorio oriental de Romanía foi anexionado á rusa tsarista en 1812, este territorio pertencía á historica provincia romanesa de Moldavia, cuxa parte occidental seguiu pertencendo a Romanía. Obviamente cando os soviets tomaron o poder non devolveron nin un chisco dos territorios conquistados polo antigo e odiado Imperio, mais para cadrar co seu antiimperialismo crearon unha serie de repúblicas no seo dunha grande Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas. O problema era que a recén creada República de Moldavia falaba unha lingua que xa existía noutro estado co que facía fronteira, daquela os ideólogos, perdón, os lingüístas rusos idearon que o moldavo soviético –lembremos que había outra Moldavia dentro de Romanía- era unha fala diferente, sobre todo se se mudaba a antiga ortografía en alfabeto latino pola nova en cirílico e comezaban a introducir termos procedentes do ruso para denominar todas as cousas modernas que o léxico patrimonial moldavo descoñecía –Carallo! Non sei onde teño visto isto-. Houbo que agardar até a independencia e creación da actual República de Moldavia en 1991 para que o país recuperase a lingua romanesa como a propia, aínda que se lle denomine moldavo, e o alfabeto latino para a súa escrita.

Poderíanse pór moitos máis exemplos de como a lingüística varre politicamente, con demasiada frecuencia, para casa: a consideración de todas as falas italianas como simples dialectos, cando a diferenza entre o piemontés e o siciliano, por exemplo, é superior á que hai entre portugués e castelán; a consideración do escocés como dialecto inglés cando na realidade o escocés forma un diasistema con el, aínda que cunha relación de forzas moi desfavorábel; a consideración das falas galorromances como dialectos do francés no canto de dialectos da lingua de oil, que é o que son; a consideración de checo e eslovaco como linguas separadas, cando na verdade forman un diasistema cuns niveis de comprensión parecidos aos que hai entre galego e portugués; a denominación de dialectos chineses ao conxunto de linguas chinesas, onde a diferenciación é parecida á que se dá entre as linguas romances. En fin, que sendo a Lingüística unha disciplina científica convén ter moi presente de provén a información e a que fin serve; aínda lembro aquel informe “científico” da FAES que viña a demostrar que o galego era un “invento”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario