martes, 3 de abril de 2012

Cultismos e neoloxismos

A introdución das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego no seu punto cuarto di, textualmente: (…). Para o arrequecemento do léxico culto, nomeadamente no referido aos ámbitos científico e técnico, o portugués será considerado recurso fundamental, sempre que esta adopción non for contraria ás características estruturais do galego. (…).

Parece evidente que esta decisión é das que non crean polémica ningunha entre isolacionistas e reintegracionistas. Mais, como unha cousa é o que se di e outra o que se fai, a RAG, fiel ao seu carácter titubeante, dá unha no cravo e outra na ferradura, por iso unhas veces segue a premisa anterior con fidelidade en palabras como: acne, amálgama, anódino, auréola, conclave, diocese, elite, isóbara, medula, megálito, mísil (pt.: míssil), omoplata, petróglifo, réptil, rícino, térmite, termóstato, etc.; e outras, con todo, segue a adaptación feita polo español en palabras como: anatema (pt.: anátema), bosquimán (pt.: bosquímano), caníbal (pt.: canibal), éter (pt.: eter), filántropo (pt.; filantropo), imán (pt.; íman), límite (pt.: limite), osíxeno/oxíxeno (pt.: oxigénio), policía (pt.: polícia), réxime (pt.: regime), teléfono (pt.: telefone), etc.; e mesmo se desmarca das dúas linguas nalgunhas palabras, adaptándoas directamente desde os idiomas orixinais, como en: ábsida/ousia (pt.: abside, es.: ábside), afección (pt.: afeição, es.: afición), icona (pt.: ícone, es.: icono), parasito (pt.: parasita, es.: parásito), xemelgo (pt.: gémeo, es.: gemelo), etc.

Cal é a razón pola que a RAG prefire seguir o exemplo do castelán no verbo “analizar” (< análise), e tamén do italiano (analizzare < analisi), no canto das solucións, máis sinxelas e lóxicas, do portugués (analisar < análise), o catalán (analisar < anàlisi) ou o francés (analyser < analyse)?

E nos neoloxismos, é dicir, nas palabras novas tomadas doutras linguas, as máis das veces, ou creadas a partir da propia lingua, ocorre algo parecido. Nunhas ocasións séguese o exemplo portugués, as menos: fiorde, papagaio, tucano, vestiario, dinosauro, impresión dixital, chinés, etc.; noutras, o español, as máis: ordenador (pt.: computador < ing.: computer), equipo (pt.: a equipa/equipe < fr.: la équipe), baloncesto (pt.: basquetebol), iogur (pt.: iogurte < turco: yogurt), azafata (pt.: hospedeira de bordo, aeromoça), marquesiña (pt.: abrigo, paragem protegida), contedor (pt.: contentor), etc.; e nalgunhas récorrese á propia lingua ou aos idiomas de orixe para crear estes neoloxismos: valedor do pobo (pt.: provedor de justiça, esp.: defensor del pueblo), salón de peiteado (pt.: salão de cabeleireiro, esp.: peluquería), garda persoal (pt.: guarda-costas, esp.: guardaespaldas), tsar (pt.: czar, esp.: zar), ucraíno (pt. e esp.: ucraniano), etc.

En fin, que o principio enunciado pola RAG non se cumpre moito e a nosa lingua segue a deber demasiado ao castelán.

No hay comentarios:

Publicar un comentario