sábado, 24 de marzo de 2012

Os días da semana

Os nomes dos días da semana en galego teñen dúas orixes: unha pagá e outra cristiá. En ambas as versións coinciden as denominacións do primeiro e do último días semanais, hoxe, festivos: domingo e sábado; mais os chamados días de labor mudan de todo: luns, martes, mércores, xoves e venres; contra: segunda feira, terza feira, cuarta feira, quinta feira e sexta feira. Esta denominación dos días dedicados aos deuses pagáns por “feiras” foi imposta pola igrexa católica no occidente ibérico, tendo especialmente éxito na arquidiocese de Braga, que nun inicio abranxía todo o noroeste peninsular, por isto triunfou en Portugal (domingo, segunda-feira, terça-feira, quarta-feira, quinta-feira, sexta-feira e sábado), no entanto, a presión do castelán fixo que as formas pagás, nunca desaparecidas, fosen gañando terreo ás cristiás no territorio galego.

Aponse a Martiño de Dumio, bispo de Braga no séc.VI e conversor dos suevos ao catolicismo desde o arianismo, o inventor das denominacións cristiás para substituír as pagás, daquela en vigor: solis dies > prima feria, lunae dies > secunda feria, martis dies > tertia feria, mercurii dies > quarta feria, jovis dies > quinta feria, veneris dies > sexta feria e saturni dies > septima feria. Mais a proposta tivo escaso éxito agás no recuncho da Romania onde exercía.

Todas as linguas romances coinciden en denominar o sábado e mais o domingo de forma similar. A orixe deste feito está no primeiro concilio de Nicea (325 d.C.), durante o goberno de Constantino I o grande, que mandou substituír o día dedicado ao sol polo “día do Señor”: dies solis > dies dominicum, dies domina, dies domini; e o dedicado a Saturno pola denominación latinizada do principal día xudeu: o shabbat > sabatum.

Mentres que todas as linguas romances conservan a denominación pagá dos días, só o galego-portugués conservou e xerou unha evolución desde a denominación cristiá, ao mesmo tempo que o fixo coma as demais linguas irmás.
Francés: dimanche, lundi, mardi, mercredi, jeudi, vendredi, samedi.
Arpitano: demanyi, dilun, dimár, dimecro, dijou, divendro, dissando.
Italiano: domenica, lunedì, martedì, mercoledì, giovedì, venerdì, sábato.
Corso: dumenica, luni, marti, marcuri, ghjovi, vennari, sabatu.
Friulano: domenie, lunis, martars, miercus, joibe, vinars, sabide.
Romanés: dumenica, luni, marti, miercuri, joi, vineri, sâmbata.
Español: domingo, lunes, martes, miércoles, jueves, viernes, sábado.
Ástur-leonés: domingu, llunes, martes, miércoles, xueves, vienres, sábadu.
Catalán: diumenge, dilluns, dimarts, dimecres, dijous, devendres, dissabte.
Occitano: dimenge, diluns, dimars, dimècres, dijòus, divendres, dissabte.
Aragonés benasqués: dimenche, lluns, martz, mierques, chous, viernes, sapte.
Sardo: dominiga, lunis, martis, mèrcuris, giòvia, chenàbura, sàdadu.
Mais:
Galego-portugués: domingo, 2ª feira, 3ª feira, 4ª feira, 5ª feira, 6ª feira, sábado.
: domingo, lues, martes, mércores, joves, vernes, sábado.

Porén case todas estas denominacións presentan variacións, tanto nos nomes pagáns coma nos cristiáns:
O “luns”, que procede do latín “dies lunis”, e non de “dies lunae” como por veces figura, foi “lues” no galego medieval, e seica aínda estea vivo nalgúns puntos do galego oriental, e mudou para “luis” no oriente de Lugo e nas zonas galegófonas de Asturias e León, fóra da zona máis oriental de Asturias onde a palatización crea a forma “lluis”; mentres que “lus” é a forma propia da maior parte do territorio galego, xa que a forma estándar procede da zona occidental da Coruña e Pontevedra. A forma cristiá “segunda feira” aínda se conserva, ou conservaba, entre xente idosa de preto de Tui e do val da Limia.
O “martes”, do latín “dies martis”, é homoxéneo en todo o territorio; mais a forma cristiá presenta as variantes: “terza feira”, “tercia feira” e “terceira feira”, todas elas usadas tamén en puntos do baixo Miño e do sur de Ourense.
O “mércores”, do latín “dies mercurii > dies mercuris”, presente no galego desde o inicio da lingua, ten a a variante “mércoles”, que uns pretextan con razóns de eufonía para non repetir dúas veces o R na mesma palabra e outros achacamos á eterna –case o parece- presión do castelán (miércoles); a forma cristiá “cuarta feira”, do latín “quartam feriam”, presenta as variantes “corta feira”, que parece ser a máis usada, e “carta feira”. Estas formas cristiás están moito máis vivas ca as anteriores, usándose no noroeste da Coruña, a maior parte de Pontevedra e o occidente de Ourense.
O “xoves” pagán, o día dedicado ao deus Xove (< dies iovis) e que no galego medieval era “joves”, correspóndese coa “quinta feira” cristiá, que tamén é popular na parte occidental da Coruña e Pontevedra e parte de Ourense.
O “venres”, a forma máis estendida hoxe, compite co “vernes” (< dies veneris), a forma que se usaba no galego medieval e que malia o seu parecido coa forma castelá (viernes) non é un castelanismo, na forma pagá; mentres que a “sexta feira” cristiá, que non ten perigo de asimilación pero si de desaparición, rexístrase en puntos ao oeste de Santiago, no sur de Pontevedra e no suroeste de Ourense.
O “sábado” e mais o “domingo” son formas únicas desde os inicios da nosa lingua. O único que se pode reseñar é que nalgúns lugares o domingo se pronuncia como “dominko” e noutros con H aspirado: “dominho”.

Parece evidente, que dado que o galego-portugués é a única lingua romance que presenta a serie de días baseada na numeración, parcialmente, como ocorre noutras linguas tal que o grego, o letón, o lituano, o basco, o húngaro, as linguas eslavas, o hebreu, o árabe, o persa ou o turco, sería recomendábel recuperar estas denominacións que tanto singularizan a nosa fala.

8 comentarios:

  1. Parabéns pola exposiçom. Pareceu-me especialmente interessante a lista de línguas que têm a série numérica. Savia do caso grego, mais nom dos outros. Como curiosidade, venho de comprobar que nas línguas eslavas (polo menos no checo) a numeraçom começa na segunda-feira e o último dia da semana é o domingo.

    Mais tenho que discordar com a sua afirmaçom de que << o “luns”, que procede do latín “dies lunis”, e non de “dies lunae” como por veces figura >>. Certamente a forma em galego-portugués luês/luns/lus/luis provem em última instáncia do latim "dies Lunae" (= dia de Luna), que nalgum momento deveu de se pronunciar *dia *Lune ou simplesmente *Lune. Depois houvo umha regularizaçom analógica em "-s" final de todos os nomes dos dias, como se se tratasse dumha rima e assim, desde umha série primigénia *Lúne Mártes *Mercóre Jóves *Véneres passámos a *Lunes (> Lues > Luns, etc.) Martes Mércores Joves *Veêres (> Venres; Vernes é claramente um híbrido com o castelam).

    ResponderEliminar
  2. Prezado amigo, aínda que eu tamén cría que "vernes" era un castelanismo máis da fala, parece que é a forma orixinal derivada do latín que logo por metátese mudou, nalgunhas zonas, en "venres". Este fenómeno é bastante frecuente, así: lat. merulu > merlo > melro, lat. maturicare > madurgar > madrugar ou lat. crepare > crebar > quebrar.
    Beizón polo comentario.

    ResponderEliminar
  3. Caro amigo, é precisamente a metátese /lr/ > /rl/ que vostede menciona a que me leva a acreditar que "vernes" é castelanismo, posto que, como pode observar no caso de melro < merlo e de Calros < Carlos < *Cárolos, é /r/ o que tende a colocar-se en segundo lugar. Mais é nesse resultado /lr/ com /r/atrasado onde rematam as coincidéncias com o atual grupo /nr/. No primeiro caso estamos ante um originário grupo /rl/ mudado em /lr/, no segundo estamos ante um originário grupo /nr/ que em galego se mantém, pero que em castelám sofre metátese em /rn/, como testemunha o exemplo de *senara > (gl.) seara|senra e (cast.) *senra > serna. Eis por que considero "vernes" um castelanismo, como o seria a forma inexistente em galego "**serna".
    Para resumir, nas formas "venres" e "senra" o galego é conservador e o castelám inovador. Nas formas "melro" e "Calros" o galego é inovador e o castelám conservador.
    Graças pola sua resposta.

    ResponderEliminar
  4. Como comentário aparte, gostaria de sinalar que, na minha opinióm, o processo seria desde um originário *véneres, com nasalizaçom das vogais *vêêres que posteriormente puido derivar em *verres ou em venres.
    Para senra|seara teriamos um processo semelhante, mais com os dous resultados testemuhados.
    Cf. para este processo o caso de "tendes/tedes" < têêdes < *tenetes e semelhantes.
    Novamente saudaçóns cordiais.

    ResponderEliminar
  5. Olá de novo.
    Desculpe que vaia introduzindo comentário trás comentário, mais nom sei ou nom podo editar os meus comentários anteriores.

    Simplesmente queria engadir outros exemplos que confirmam a minha tese: as palavras "tenro" e "genro" (cast. "tierno" e "yerno"), de *téneru e *géneru, onde o galego conserva a sequéncia /n-r/ que no castelám dá metátese.
    De novo umha saudaçom cordial.

    ResponderEliminar
  6. A idea de que "vernes" era palabra patrimonial, ao igual que a máis usada "venres", tireina duns apuntamentos sobre galego-portugués medieval, mais agora son incapaz de atopar a fonte. Consulto o TMILG e comprobo que "vernes" aparece en tres ocasións, dúas no s.XIII e unha no s.XIV, mentres que "venres" non aparece en ningunha; obviamente a forma "sesta/sexta feira" aparece moitas máis veces, en textos desde o s.XIII até o s.XV.

    ResponderEliminar
  7. A idea de que "vernes" era palabra patrimonial, ao igual que a máis usada "venres", tireina duns apuntamentos sobre galego-portugués medieval, mais agora son incapaz de atopar a fonte. Consulto o TMILG e comprobo que "vernes" aparece en tres ocasións, dúas no s.XIII e unha no s.XIV, mentres que "venres" non aparece en ningunha; obviamente a forma "sesta/sexta feira" aparece moitas máis veces, en textos desde o s.XIII até o s.XV.

    ResponderEliminar
  8. Dúas preguntas:

    O sistema segunda/terza-tercia-terceira/cuarta-corta-carta/quinta/sexta ocupou nalgún momento (por exemplo no século XVIII, cando Sarmiento estivo por Galiza) todo o dominio do galego? Dito doutra maneira: as formas lus-luis/martes/mércores/xoves/venres son propias -desde sempre- de lugares como Ribadeo ou A Fonsagrada?
    Ben sei que isto significa entrarmos en dialectoloxía diacrónica.

    Hoxe en día (ano 2012) aínda hai xente -no galego popular- que use os días da semana en galego, tanto no primeiro sistema como no segundo? Eu sempre sentín as formas españolas, mesmo en mulleres analfabetas e monolíngües en galego de máis de oitenta anos que nunca saíron do rural, é dicir, as persoas menos contaminadas polo español. Remito especialmente ao concello de Ribadeo, mais tamén a algún outro (Castro do Rei, A Pastoriza, Meira, Taramunde, A Pontenova, Riotorto, Pol ou Valeira)

    Grazas pola resposta.

    ResponderEliminar