lunes, 27 de febrero de 2012

Procurar, buscar e catar

De novo os dicionarios tratan verbos galegos como sinónimos completos cando na realidade deberían resaltar os matices que diferencian, neste caso, estes tres verbos.
Así mentres “procurar” ten un senso máis xeral na súa acepción de “tentar conseguir algo ou ter intención ou desexo de atopar algo”, xa que tamén ten as acepcións de: tentar, tratar de; coidar; “buscar” ten, ou debería, un senso máis restritivo, pois “téntase conseguir ou ir ao encontro de algo que se sabe, ou cre saber, onde está”. Mentres que “catar” é un verbo con varias acepcións, así ademais das de: probar, degustar; examinar detidamente; esmelgar, castrar; ter coidado; está a de “procurar”, que xa era unha acepción que tiña no latín (< captare). Desta acepción saíu a de “espiollar” ou “espulgar”, é dicir, procurar piollos ou pulgas no corpo para quitalos, ou palabras como “catasol” (= antuca, parasol) ou “catavento” (= viraventos) –nunca: veleta; castelanismo innecesario-.

Por tanto recomendo usar “procurar” en frases como:
Procura que consiga o que quer.
Hai que procurar unha saída.
Xa encontraches o que procurabas.
Procúrao en Internet.

E “buscar” en frases como:
Vou buscar o fillo ao colexio.
Busca a carpeta do caso nº 280.
Buscarémoste na Rúa dos Tileiros.
Vai buscar unha cadeira.

No entanto, parece que o uso de “catar” podería substituír os dous verbos anteriores:
Cátame os apuntamentos da aula de onte.
Vai catar as patacas á horta.
Aínda non catei o pano que perdín.

No hay comentarios:

Publicar un comentario