sábado, 3 de marzo de 2012

Escoller o mellor galego

A normativa oficial permite por veces dúas variantes nalgúns sufixos. Que nós optemos por unha opción ou outra non é unha simple cuestión de estética, dado que sempre unha das dúas opcións implica escoller a forma galega e a outra a forma intrusa ou castelá; xa que logo, o noso posicionamento está a nos identificar como defensores dun galego máis ou menos enxebre, pero tamén máis ou menos real. Que ninguén se engane: o galego real –seica non é un adxectivo moi axeitado- ou falado ten unha dose de castelanización brutal, mentres que un galego máis enxebre ten unha base actual moi feble ou inexistente, aínda que, pola contra, a histórica é innegábel. E cando decidimos usar un ou outro, estamos a decidir o galego que queremos legar ás xeracións futuras, xa que a nosa escolla vai ter consecuencias –non de xeito persoal, pero si de forma colectiva-. Por isto é importante escoller, e saber por que decidimos esa escolla.
Se usamos os sufixos en –ble ou en –bel (variable/variábel, indeleble/indelébel, terrible/terríbel, soluble/solúbel), nun caso aceptamos a influencia moderna do español sobre o galego e noutro rexeitamos esta influencia e reivindicamos a recuperación da forma antiga e a vinculación do galego co portugués.
O mesmo acontece cos sufixos –aría ou –ería (libraría/librería, carnizaría/carnicería, zapataría/zapatería), ou recuperamos o galego auténtico ou asumimos o imposto.
Na morfoloxía ocorre algo similar coa contracción da preposición “a” co artigo determinado masculino “o”: ao/ó, e coa representación dos alomorfos do artigo determinado (apáña-la carteira/apañas a carteira), onde unhas peculiaridades da fonética sintáctica galega se reflectían na ortografía. Por sorte, a revisión das normas optou, claramente, pola súa non representación.
Tamén a normativa oficial admite pares léxicos nalgunhas palabras, onde unha é a forma patrimonial desaparecida no galego actual e a outra a forma castelá que a substituíu. Por esta razón, apéname ver como moitos escritores e tradutores, xente que debería ser un exemplo no uso dun galego máis puro, fan caso omiso desta posibilidade de recuperar o máis auténtico da nosa fala, utilizando palabras como “aire” no canto de “ar”, ou os adxectivos “malo/mala” na vez de “mao/ má”; ou de enlazar o noso idioma coa variedade portuguesa e non coa lingua española, usando os verbos “oír” e “poñer” en lugar de “ouvir” e “pór”.
Por que a RAG non asume as formas auténticas como as recomendadas, como si o fixo con outras formas que non estaban precisamente moi vivas no galego actual, pero que eran as xenuinamente galegas: Deus, igrexa, pobo, polbo, fiestra, liberdade, avó/avoa, século, etc.? Ben, a lóxica que rexe esta Academia merecería un estudo profundo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario