lunes, 17 de octubre de 2011

Diferenzas entre lingua e dialecto

É ben coñecida a definición de “dialecto” do lingüísta Max Weinreich: “Un idioma é un dialecto cun exército e unha armada”.

A focalización da controversia no grao de intercomprensión entre dúas falas para diferenciar entre linguas ou dialectos ten demasiados inconvenientes e non pasa unha proba minimamente seria. Por exemplo: as linguas nórdicas sueco, danés e noruegués son mutuamente intelixíbeis, sobre todo no caso do noruegués coma ponte entre as outras dúas, e con todo son consideradas tres linguas diferentes; entre o macedonio e o búlgaro ocorre algo semellante; entre o ruso, o bielorruso e o ucraíno as diferenzas son pequenas e a intelixibilidade alta; a intercomprensión tamén se dá sen problemas entre turcos e acerbaixanos, entre checos e eslovacos, entre laosianos e tailandeses, etc.; en fin, que non parece que a intercomprensión sexa un criterio moi fiábel para definir idiomas.

A diferenciación fonética tampouco parece un elemento clave, dado que por exemplo entre o basco e o castelán non hai diferenzas fonéticas excesivas, de facto é o que menos problemas dá a un hispanófono que aprende basco, e así e todo non se entenden ren; e en troca as diferenzas entre un falante de dialecto andaluz e un de Castela se son rechamantes –recomendo ver o artigo “dialecto andaluz” da wikipedia-, mais non impiden a intercomprensión; e mesmo a diferenza fonética entre galego e castelán (sete fonemas vocálicos no canto de cinco, e dous fonemas consonánticos diferentes no galego e un no castelán: nasal velar sonoro, o NH galego, e fricativo prepalatal xordo, o X galego, aínda que este fonema se usa no español da Arxentina e Uruguai no canto de /ll/ ou /y/, contra fricativo prepalatal xordo, o J castelán) é ben menor ca entre galego e portugués (sete vocálicos contra trece no portugués, e a inexistencia en galego dos seguintes fonemas consonánticos: o fricativo palatal sonoro, o J portugués, o fricativo labiodental sonoro, o V, nin diferenciación entre S sonoro e S xordo; pola contra nin o nasal velar sonoro nin o fricativo interdental xordo existen en portugués, mentres que o africado palatal xordo, o CH galego, non existe no portugués estándar pero si nos dialectos do norte ou na pronuncia brasileira), e con todo ninguén dubida do estreitísimo parentesco entre galego e portugués.

E a soa diferenza léxica tampouco xustificaría a existencia dunha lingua, visto que todas as xergas presentan como única virtude esta diferenza para se faceren incomprensíbeis aos demais falantes, mais a estrutura fonética e morfosintáctica é a mesma, ou case, da lingua da que parten. Ademais, unha parte significativa do vocabulario de moitos idiomas pode ser moi parecido debido a que se trata de cultismos, neoloxismos e en xeral empréstimos asumidos de xeito xeral por varias linguas, inclusive de familias ou subfamilias moi diferentes. Así “Xeoloxía” é: “Geologi” en indonesio, noruegués ou sueco; “Geologia” en italiano, basco, catalán ou portugués; “Geología” en castelán; “Geológia” en húngaro ou eslovaco; “Geologie” en alemán, neerlandés, checo ou romanés; “Géologie” en francés; “Geologija” en croata; “Geology” en inglés; “Gjeologji” en albanés e “Jeoloji” en turco. E non parece que estas linguas sexan un exemplo de falas próximas. Mentres que unha palabra patrimonial como “Carballo”, é: “Carvalho” en portugués e “Carbayu” en astuariano; “Roble” en castelán, “Roure” en catalán, “Rôl” en friulano ou “Orroli” en sardo; “Quercia” en italiano, “Querciu” en corso, “Cèrsa” en calabrés ou “Cercola” en napolitano; “Cagigo” en aragonés; “Chêne” en francés; “Giandaro” en veneciano; “Stejar” en romanés; “Haritz” en basco; “Dub” en ruso, búlgaro, checo ou eslovaco; “Dab” en polaco; “Hrast” en serbo-croata ou esloveno; “Dair” en irlandés, “Daragh” en manés e “Darach” en gaélico escocés; “Derwen” en galés e “Dervenn” en bretón; “Oak” en inglés, “Ek” en sueco, “Eg” en danés, “Eik” en noruegués, “Eiche” en alemán, “Eikeboom” en neerlandés; etc. E agora si vemos como hai unha clara relación entre as linguas próximas e ningunha coas linguas distantes. Unha frase chea de empréstimos latinos ou romances en inglés presenta escasas dificultades de comprensión para nós: A large portion of English vocabulary is of French origin; mais se está chea de voces patrimoniais a cousa muda radicalmente, coma neste verso de Shakespeare: From heaven to hell is flown away. Quen entendeu a primeira frase e non comprendeu a segunda coida que se trata de dúas linguas diferentes?

Xa que logo, é na morfosintaxe onde se acha a maior relevancia para ver a maior ou menor similitude entre dúas linguas, aínda que obviamente haxa diferentes graos, dado que canto máis emparentadas sexan dúas linguas máis trazos morfosintácticos compartirán. Así as pequenas diferenzas na conxugación verbal (existencia ou non do infinitivo conxugado, uso do pretérito de subxuntivo, …), nos artigos (ausencia de neutro), nos pronomes (ausencia de neutro), nos posesivos (mesmas ou diferentes formas para adxectivos e pronomes), etc., xustifican a separación entre o galego-portugués e o español, mais non entre o portugués europeo e o brasileiro, e controverten a do galego co portugués. Comparando unha frase simple podemos entender o grao de parentesco entre varias linguas, pois a morfosintaxe é a parte que menos e máis amodo muda na evolución das falas. Por exemplo:

Galego: A rapaza e o seu can están no xardín.

Portugués: A rapariga e o seu cão estão no jardim.

Brasileiro: A garota e seu cachorro estão no jardim.

Asturiano: La rapaza y el so perru tan nel xardín.

Castelán: La chica y su perro están en el jardín.

Catalán: La noia i el seu gos estan al jardí.

Italiano: La ragazza e il suo cane sono in giardino.

Francés: La fille et son chien sont dans le jardin.

Inglés: The girl and her dog are in the garden.

Alemán: Das Mädchen und ihr Hund sind im Garten.

Basco: Neska eta bere txakurra lorategian daude.

Aquí vemos a completa semellanza estrutural de galego e portugués, sendo sobre todo a fonética a que marca a diferenza; co castelán e o asturiano hai xa unha pequena diferenza no uso do posesivo e co catalán no uso da preposición, mentres que co francés e o italiano hai xa unha diferenza no uso do verbo; e coas outras tres linguas a intercomprensión é imposíbel. Se trocásemos algunhas palabras na mesma estrutura, a comprensión co castelán sería case total (A veciña e a súa gata están no balcón) ou de case absoluta incomprensión (O avó e a súa besta están no eido), polo que a intercomprensión é algo moi relativo, dependendo moito do léxico que se use, para comparar falas.

Con todo, vemos como a fonética e o léxico complementan á morfosintase na comparación lingüística. Os tres esteos sosteñen o idioma, e a unión dos tres caracterizan unha fala fronte a outras, aínda que ao cabo o prestixio da fala remata pesando tanto coma os tres esteos, e a definición de Max Weinreich adquire pleno sentido.

No hay comentarios:

Publicar un comentario