domingo, 23 de octubre de 2011

Países celtas

Como todos sabemos os galegos podemos celtas, un pouco celtas ou só os de Vigo segundo pareceres. Mais o caso é que mirando un mapa sobre linguas e países de Europa, onde se distribúen por familias lingüísticas, non puiden deixar de pensar que mentres as cores atribuídas ás linguas xermánicas, eslavas ou románicas reflectían unha realidade bastante aproximada, pois en moitos deses países existen minorías doutras familias lingüísticas que poden ser puntualmente maioritarias, e mesmo ás linguas illadas: grego, albanés, finés, estoniano, húngaro, …, había unha realidade que con todo non existía na representación das seis nacións onde, segundo o mapa, se falaban linguas celtas.

Porque, sentimentos á parte e dicindo pan por pan, o que diferencia un celta dun románico, xermánico ou eslavo, por exemplo, é que o primeiro fala un idioma céltico e os outros non. No demais poden compartir multitude de trazos culturais –falo de hoxe en día, claro-, e non digamos raciais. Xa que logo, se ser celta é falar unha lingua celta: celtas, o que se di celtas, hoxe hai ben pouquiños, mesmo nos “países celtas”. Boto man das estatísticas da Wikipedia e resulta que en Bretaña falan bretón unhas 300.000 persoas dun total de 3.100.000 habitantes, é dicir menos dun 10 %; en Cornualles, cunha populación de algo máis de 500.000 habitantes o cornuallés só ten uns 2.000 falantes, o que supón un anecdótico 0’3 %; en Gales a cousa mellora, sendo o país con maior número de falantes dunha lingua celta, pois unhas 610.000 persoas dos seus 2.900.000 habitantes exprésanse na lingua autóctone, ou sexa un 20 % da populación; na Illa de Man a lingua manesa tamén roza o anecdótico cun 2’5 % de percentaxe: uns 2.000 falantes dos seus 80.000 habitantes; e en Escocia, a sonada terra dos Highlanders, a situación aínda piora cun 1 % de falantes de gaélico escocés (58.600 de 5.100.000), mentres que a moito menos famosa lingua escocesa, a lingua anglosaxoa evolucionada no sur e leste do país acada o 30 % con preto dun millón e medio de falantes; por último na illa de Irlanda, tanto na República coma no Ulster británico, o gaélico apenas chega aos 600.000 falantes para un total de máis de seis millóns de habitantes, un 10 % de falantes para a lingua nacional e cooficial xunto co inglés, se ben é certo que as estatísticas adoitan falar de máis de 1.800.000 de persoas que teñen algún coñecemento –os que non teñen coñecemento son os de estatística, pois unha lingua se fala ou non se fala-. Como se ve o panorama é desolador, por desgraza. Por riba as linguas soamente son oficiais en Escocia, Gales e na República de Irlanda; cornuallés e manés só teñen un status de linguas rexionais e o bretón non conta con ningún recoñecemento oficial serio na República da Liberté, fraternité et égalité.

Así e todo non se debe esquecer que o bretón nunca foi a lingua xeral de Bretaña, na mesma medida en que si o foron no pasado o irlandés, o galés, o cornuallés e o manés nos seus países respectivos. O oeste de Bretaña, onde están a capital actual, Rennes, e a capital histórica, Nantes, nunca falou bretón e si un dialecto de oil chamado Gallo, que algúns colectivos pretenden rehabilitar á par do bretón. E en Escocia, o gaélico, lingua levada pola inmigración irlandesa a partir do s.V, nunca chegou a dominar a totalidade do país, pois nas illas Orcadas e Shetland a antiga fala norueguesa substituíu á picta desde o s.VIII, sobrevivindo até o s.XVIII, e no sueste primeiro, e resto do sur e leste despois, a colonización anglosaxoa desprazou os falantes gaélicos e pictos a partir do s.VIII, polo que o gaélico soamente predominou até épocas recentes nas Terras Altas, onde a populación xamais foi moi abondosa e estivo lonxe do sur e do leste, é dicir das Terras Baixas, onde se asentan as principais cidades do país.

A conclusión é que os países celtas falan maioritariamente inglés nas Illas Británicas e francés na Bretaña, mais non figuran como os territorios anglófonos e francófono que son. Pola contra, non reciben o mesmo trato os países andinos onde minorías máis abundantes conservan ben vivas (en comparación co cornuallés ou o manés) as súas autóctones linguas amerindias, nin Paraguai onde o guaraní é máis falado ca o español, nin Guatemala cunha situación parecida, todos eles países hispanófonos sen máis. A populación maorí de Nova Celandia non fai que o país sexa considerado polinesio, nin a aborixe de Australia modifica un chisco o seu status como país anglosaxón. E se miramos a África a cousa resulta máis provocativa, pois nos supostos países francófonos, anglófonos e lusófonos se falan maioritariamente linguas nativas, mais que non teñen o mesmo status oficial dos antigos idiomas coloniais, que na realidade soamente falan unha elite minoritaria dos países. Así en Mozambique o portugués só é a lingua materna do 6’5 % da populación, aínda que un 40 % poida chegar a falalo, e en Angola do 40 %, mais coñéceno o 80 %.

Intúo que de novo a vara de medir non é a mesma, pois a etiqueta de “País celta” leva consigo un engadido comercial moi saboroso, quizais por iso hai países celtas e non países quechuas, e iso que case dez millóns de persoas usan falas quechuas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario