viernes, 7 de octubre de 2011

As novas linguas

Lendo uns artigos sobre o eonaviego ou galego-asturiano –caso lingüístico que merece un artigo propio- e a discusión que causa a súa filiación lingüística veume á memoria a fábula de Iriarte de “Os dous coellos”, atrapados polos cans porque se pararon a discutir se os que os perseguían eran galgos ou podengos; así mesmo mentres se discute se é un dialecto galego, con innegábeis trazos diferenciais a respecto do estándar, ou unha lingua de seu, transicional entre o galego e o asturiano, vai esmorecendo aos poucos, perdendo falantes a favor do castelán, que non do asturiano.

Porén este interese por crear un idioma onde a Romanística tradicional sempre viu un dialecto non é un fenómeno excepcional, en España e en Europa os casos son lexión e por veces raian o esperpento. Vexamos o que sucede na vella Hispania:

En Aragón hai colectivos, co PAR e o PP á cabeza, que reivindican unha fala propia, ou inclusive unhas falas propias, na faixa catalanofalante de levante ou de poente (segundo se mire desde Saragoza ou desde Barcelona) que denominan co honroso nome de “Chapurriau” (e non o fan como brincadeira) (penyapork.com/chapurreau.aspx) e ten como principais virtudes: escribirse coa normativa do español e admitir como propios os castelanismos asentados –de que me soa a min isto?-; algo parecido promoven asociacións baleares (circulobalear.com), onde seica se falaba mallorquino, menorquino e eivisenco desde antes da conquista catalanoaragonesa do arquipélago, e mesmo se creou unha Acadèmi de sa Llengo Baléà; alén das xa vellas asociacións valencianistas como a Real Acadèmia de Cultura Valenciana ou Lo Rat Penat que porfían na súa tese secesionista a pesar do ditame da Acadèmia Valenciana de la Llengua, única con competencia normativa na Comunidade Valenciana.

En Estremadura aparecen artigos e blogues persoais demostrando que a fala do Xálima non é galegoportugués castelanizado e si unha fala de transición –vaia, de novo unha lingua transicional-, e hai todo un movemento a prol da “luenga estremeña”, que inclusive ten edición propia na Wikipedia. Non nego a existencia, ou sobrevivencia dun maltreito dialecto estremeño, basicamente no noroeste da comunidade, mestura de antigo leonés, sobre todo nunha parte do seu léxico, e castelán vulgar, maioritariamente na pronuncia do seu léxico castelán; mais querer facer disto un idioma é pouco serio, pois os trazos morfosintácticos diferentes ao español son case anecdóticos.

En Portugal, logo de lle recoñecer certo carácter oficial na súa zona, os lingüístas argallaron unha normativa para a “lhéngua mirandesa” (mirandes.no.sapo.pt ou eb2-miranda-douro.rcts.pt/mirandes) que por veces fai que esta fala máis pareza dialecto portugués ca dialecto leonés. Mesmo hai noticia dun movemento anticolonial (Partido Nacionalista dos Açores) que entre outras cousas reivindica a lingua dos Azores, e iso que o arquipélago estaba deshabitado cando o descubriron.

En Asturias a Academia de la Llingua Asturiana, ademáis de tutelar o eonaviego cunha Secretaría Llingüística del Navia-Eo, fan o mesmo co leonés, aínda que isto non o consideran inxerencia nunha comunidade allea en comparación co que fai a RAG na súa, e propoñen unha adaptación da normativa do asturiano para escribir o leonés, proposta seguida por asociacións como: Facendera pola Llengua, Furmientu, La Caleya e os principais escritores en leonés, mentres que a organización Conceyu Xoven e asociacións como: El Fueyu, El Toralín e La Barda, propoñen unhas normas un pouco diferentes, tampouco moito pois as posibilidades non son moitas, dado que todas parten da ortografía castelá.

Tamén non convén esquecer que no seu momento tamén houbo unha gran polémica co euskera batua desde posicións contrarias á formación dun estándar unificado para a lingua basca, que hoxe parecen totalmente extinguidas, defendéndose a existencia de tantas linguas bascas como dialectos e que mesmo eran inintelixíbeis entre elas, o cal é relativamente certo nos casos dos dialectos máis distanciados: biscaíño e suletino, cuxas diferenzas se asemellan as do castelán co catalán. Mais non é menos certo que a aprendizaxe do basco unificado, baseado nos dialectos centrais, creba toda posíbel incomprensión.

No entanto, quen as fai tamén as leva, e así mesmo existen propostas para unha lingua andaluza ou andalú (andalu.wikia.com ou andalucia.cc), unha llengua murciana (murciano.wikia.com ou llenguamaere.com) e unha llengua cántabra (prau-conceju.mforos.com ou enfocant.info, que inclúe algún artigo nesta fala), mais como aquí o obxectivo é a desunión do “idioma común” (nova forma de denominar o castelán ou español ao que parece) non hai tantos recursos económicos nin artigos nos meios de comunicación. Inclusive nas Canarias hai dous movementos lingüísticos: un a prol da fala canaria, aínda que como dialecto español (nacioncanaria.blogspot.com), existindo unha Academia Canaria de la Lengua; e outro pola recuperación da extinta lingua bérber do arquipélago (izuran.blogspot.com). Descoñezo se as extintas linguas lusitana e celtíbera, exterminadas polo imperialismo romano, teñen tamén movementos ao seu favor, mais tal como está o panorama non me estrañaría.

Ende ben, ante tanta desmesura e estulticia o exemplo de bo siso volta vir do noreste. En Cataluña o aranés, dialecto montañés gascón (aranes.org ou corsi.aranesi.org), non só ten un recoñecemento oficial pleno (lingua cooficial xunto ao catalán e castelán en toda a comunidade e lingua preferente no val de Arán), tendo en conta que ten menos de 5.000 falantes, senón que as súas oficiais Nòrmes Ortogràfiques der Aranés seguen as convencións ortográficas do gascón ditadas polo Conselh de la Lenga Occitana. E ninguén pon en cuestión a inclusión da fala no occitano nin a pertenza da comarca a Cataluña desde a Idade media.

No hay comentarios:

Publicar un comentario