lunes, 3 de octubre de 2011

A lista de Swadesh

Esta lista de 100 (versión reducida) ou 200 palabras básicas resistentes aos empréstimos e usada para a comparación entre linguas é máis un entretemento para lingüístas ca unha verdadeira ferramenta de traballo, cando menos tal e como se presentan en Internet. Teño perante min a chamada: “Swadesh lists for Iberian languages”, tirada do Wiktionary da Wikipedia, que inclúe: portugués, galego, asturiano, aragonés, catalán, español e latín, alén do inglés. Analisemos todos os fallos desta lista:

O primeiro e máis rechamante é a ausencia de transcrición fonética xunto ás palabras, e isto é esencial para coñecer a maior ou menor proximidade destas, pois as linguas son ante todo “falas”. Así na lista Outro coincide ortograficamente en portugués e galego, mais na realidade Outro en portugués pronúnciase máis parecido a Otru asturiano, xa que o ditongo representa un O aberto e o O final un U, ca a Outro galego, onde si se pronuncia o ditongo e o O final é un O fechado, e o mesmo sucede con Pouco; a Unha portuguesa, graficamente diferente, pronúnciase exactamente igual ca a Uña asturiana ou española, e a Folha portuguesa ca a Folla galega en tanto que Montanha pronúnciase coma a Muntanya catalá e non coma a Montaña galega e española; o Dormir portugués non se pronuncia coma o Dormir en asturiano, aragonés e castelán e si coma o Durmir galego e o Dormir en catalán oriental; e con todo a Terra portuguesa pronúnciase diferente ca a Terra galega e catalá, e Morrer ca o Morrer galego e asturiano, dado que o RR en portugués estándar, é dicir, o de Lisboa difundido polos meios de comunicación, é velar e non alveolar e o O de Morrer pronúnciase U; ou as Cinzas soan moi diferentes en portugués e en galego, pois en portugués o C é un S xordo, o Z un S sonoro e o S pronúnciase como prepalatal fricativa xorda, ou sexa o X galego, e por riba o N non se pronuncia pero indícanos que o I é nasal. En definitiva, que non hai unha mesma correspondencia de sons e letras nin sequera entre linguas tan próximas, polo que unha transcrición fonética é imprescindíbel.

O segundo é que non se indican as variacións de xénero e número cando procede, e isto nas linguas romances é importante, polo que dar como equivalencia á palabra inglesa unicamente a forma masculina e singular é un gran fallo que induce a erros. Por exemplo en All a forma portuguesa só inclúe a forma variábel en masculino singular Todo e esquece o substantivo invariábel Tudo, inclúe o asturiano Tou que non obstante muda de vogal final segundo o xénero e o número: Toa, Too, Toes e Toos, e inclúe o aragonés e catalán Tot que só coinciden na forma masculina singular, pois as outras formas son en aragonés: Toda, Toz e Todas, e en catalán: Tota, Tots e Totes, e isto non me parece un dato menor comparativamente; en One non aparecen as formas femininas do numerais ibéricos: Uma, Unha e Una, e con todo si aparece a forma feminina galega de Two: Dúas, mais non a análoga portuguesa Duas nin a catalá Dues, o que indica que quen fixo as listas tiña importantes carencias na materia; en Salt as formas ibéricas coinciden plenamente en Sal agás no pequeno detalle de que o xénero é feminino en aragonés, catalán e castelán e masculino en portugués, galego e asturiano, e que catalán e aragonés fan o plural como Sals, portugués como Sais e o resto como Sales; e algo un pouco semellante ocorre co termo Animal, que compartindo forma e xénero en todas as linguas, crea plurais diferentes segundo idiomas: Animais en portugués e galego, Animales en asturiano e español e Animals en aragonés e catalán, e mesmo en inglés. Xa que logo, coido que a inclusión de xénero e número ten un gran valor comparativo entre falas tan próximas.

E o terceiro é que as listas non usen sempre as formas axeitadas para unha exacta comparación. Na palabra Dog que non apareza Can como arcaísmo español xunto a Perro ou Ca como forma balear xunto ao Gos catalán evita un exacto coñecemento evolutivo da forma latina Canis; o mesmo que ocorre na palabra Sand por non aparecer o sinónimo Arena xunto a Sorra en catalán; ou na palabra Road que se traduce por Estrada en portugués e galego, mais por Camín en asturiano e aragonés, Camino en castelán e con ambos conceptos en catalán: Camí e Carretera, cando o apropiado sería usar ambas as dúas opcións en todas as linguas. Tampouco parece moi adecuada a escolla dos étimos latinos en ocasións, así en palabras como Snow onde se usa Nix en lugar de Nive ou como Night onde se escribe Nox no canto de Nocte.

Calquera pode imaxinar que se unha persoa con coñecementos das linguas en comparación atópase ante tantas faltas e erros, cando as linguas comparadas son descoñecidas a desconfianza é absoluta. Consulto as listas “Swadesh for Germanic languages”, busco a palabra “Árbore” e vexo os diferentes resultados: o inglés Tree ten semellanza co noruegués Tre, o islandés Tré, o feroés e o dinamarqués Træ o o sueco Träd, é dicir, cos idiomas nórdicos, mais as linguas xermanas occidentais e o frisón usan outras palabras de raíz diferente, tamén existente en inglés pero co significado de trabe ou madeiro: Beam (pronunciado Bim, mais isto non o sabemos grazas á lista), Beam en frisón, Boom en neerlendés, africáner e baixo alemán, Boum en limburgués e en fráncico ripuario, Bam en luxemburgués e Baum en alemán estándar. Cantas destas palabras se pronuncian igual?, as que coinciden en singular tamén fan o plural igual?, teñen todas o mesmo xénero? A verdade é que as listas non nos serven máis ca para saber que nas linguas xermánicas hai dúas raíces diferentes para o concepto “árbore” e pouco máis.

No hay comentarios:

Publicar un comentario