miércoles, 13 de noviembre de 2019

Sobor de codias, cortizas e cascas


Non é infrecuente atopar textos onde a palabra “cortiza”, seguindo o nefasto modelo do castelán, se usa pra conceptos que teñen as súas propias denominacións na nosa lingua.

            O castelán “corteza” é unha palabra con varias acepcións, onde sempre subxace o concepto de “capa superficial de algo”, así: corteza de limón, corteza del pan, corteza del queso, corteza terrestre, corteza del árbol, corteza cerebral, corteza renal etc.

            Mais o mesmo étimo latino “corticea” do que procede o vocábulo castelán “corteza” deu lugar no noso idioma a “cortiza”, que denomina a “casca da sobreira” (Quercus suber), árbore que por este motivo tamén recibe os nomes de “corticeira” ou “corticeiro”. E por extensión ás veces tamén se utiliza esta palabra pra denominar calquera obxecto feito con esa materia, coma as “boias” das redes ou as “rollas” das botellas. Curiosamente pra este concepto o castelán usa “corcho”, palabra, á que lle dan unha orixe mozárabe, inexistente en galego pro si en portugués como sinónima de “colmea, cortizo ou trobo” e pra denominar un “vaso de cortiza” propio do Alentexo.

            Pró concepto de “capa externa e dura” de certos alimentos como o pan ou o queixo usamos a palabra “codia”, que tamén, por extensión, se emprega pra denominar a capa sólida exterior da Terra: “codia terrestre”.

Pra denominar a “capa externa” que cobre cousas como sementes, ovos, froitas e mesmo crustáceos usamos “casca”. Mais prá “casca das froitas” temos tamén varios sinónimos: cacha, carapa, carapela, monda, para, paraza, pel, pela, peladura, peleca, pelica, plana e tona; e prá “casca das árbores” dúas opcións máis: paraza e tona.

E pra designar a capa externa dun órgano anatómico usamos o cultismo “córtex”, así: “córtex renal” ou “córtex cerebral”. O portugués tamén admite a variante “córtice”, < do latín: corticis, aínda que prefira a primeira, mentres que o castelán admite tamén a forma “corteza” (Ex.: córtex renal ou corteza renal) que prefire no caso de “corteza cerebral”.

            Xa que logo, o castelán “corteza” e o galego “cortiza”, aínda que procedentes do mesmo étimo, denominan conceptos diferentes. A súa semellanza fai que se convertan nun exemplo claro de “falsos amigos”, algo que convén coidar á hora de pasar dunha lingua a outra, sobre todo, cando son idiomas tan próximos.

            Isto demostra que empregarmos as palabras con mesmos étimos do castelán e o galego, aínda que teña unha equivalencia abundante, non é sempre posíbel, dando lugar a un galego castelanizado que apenas conserva a súa esencia, un arremedo ignorante semellante ao “castrapo” pro en versión galega.

No hay comentarios:

Publicar un comentario