Non sei se todos aqueles que deciden facer do galego a súa
lingua normal de expresión escrita teñen de se atopar a miúdo coa mesma
pregunta que a min tantas veces me fan: “e ti por que escribes en galego?”,
aínda que imaxino que si na maioría dos casos. E se deciden, coma min, dar unha
resposta “á galega”do tipo de: “e por que non?”, e esta non remata co asunto
–como adoito sucede–, a seguir chega toda unha serie de argumentos (un idioma
con máis prestixio, unha lingua internacional, ter máis leitores, acadar máis
suceso, etc.) que tentan demostrar a morea de consecuencias negativas da túa
decisión. Razoamentos que acaban por se semellaren –por moi pouco suspicaz que
un sexa– a veladas recriminicacións. Por suposto a ninguén lle preguntan: “E ti
por que escribes en castelán?”, como moito: “E tamén escribes en galego?”
Porque despois de 34 anos de Estatuto de Galiza e 32 de Lei de Normalización
Lingüística, a diglosia segue a ser unha esmagadora realidade.
Con
todo, e aínda que o corazón ten motivos ca a razón non comprende, agora vou
deixar de responder á galega e vou contestar (usando este verbo na súa acepción
orixinal) con toda unha serie de explicacións que fundamentan a miña decisión e
onde a orde das mesmas é basicamente aleatoria:
Porque
o galego é máis fermoso. Recoñecendo que esta é unha opinión tan subxectiva
coma a que podería afirmar o castelán ou calquera outro idioma como máis belo.
Porén, dado que a beldade non ten un único patrón estético ninguén pode
discutir o meu gusto, que se fundamenta en que o galego me parece máis
eufónico, máis doce ao ouvido; tamén máis sinxelo gramaticalmente –que non máis
simple– na súa conxugación verbal ou máis breve na construción de frases mercé
ás varias contraccións entre as preposicións máis comúns e o artigo que ten,
entre outras cousas.
Porque
permite unha maior variación estilística. É sabido que o galego presenta unha
certa variedade de formas e ortografías ao longo da súa historia máis recente,
mais nunca interferindo na comprensión cabal dos textos, pois en esencia é un
idioma pouco diferenciado internamente. Isto lonxe de ser unha desvantaxe,
véxoo como unha vantaxe que permite xogar con diferentes rexistros tanto
xeográficos coma sociais, cronolóxicos ou mesmo ideolóxicos.
Porque
é a lingua dos meus devanceiros. Estes nados e criados nunha aldea tiveron o
galego como a súa lingua natural e para min sería unha traizón renegar do seu
legado. O idioma galego é o único trazo cultural galego feito por todo o pobo
galego durante xeracións: é o principal elemento da cultura galega –como toda
lingua o é do seu pobo–.
Porque
sempre preferin ser cabeza de rato ca rabo de león. En galego somos un pequeno
pobo, tanto en extensión coma en número, pero con personalidade e vontade
propia, coma tantos outros do mundo; en castelán somos unha rexión de España,
que como moito conservaría un sotaque diferente e algúns trazos
morfosintácticos e léxicos, unha sorte de manchegos, murcianos, andaluces ou
rioxanos (con todo o respecto) do noroeste. Loxicamente velaquí unha das
principais razóns polas que moitos queren que desapareza a nosa lingua: para
deixar de sermos unha nación e devirmos en rexión.
Porque
aínda é unha lingua nova, malia os seus moitos séculos, sen o anquilosamento
doutras e cun estándar que se está a fraguar, onde cada obra escrita ten moito
que dicir ao respecto. O galego literario estano a facer os escritores galegos,
mentres que o castelán literario está conformado pola súa consolidada tradición
literaria e prescrito pola RAE. A RAG é notorio que non ten o poder nin o
prestixio da academia castelá como se pode comprobar vendo como as súas regras
son obviadas, en pouca ou moita medida, por moitísimos escritores actuais.
Porque
a nosa literatura a fixo e fai xente da nosa terra, falando dos nosos costumes,
os nosos problemas, a nosa xente e a nosa historia. Aínda que tamén é posíbel
falar do noso en castelán, ou en inglés, en francés ou en alemán…, mais as
referencias principais deses idiomas son, e sempre serán, alleas. Cando un
estuda a “literatura española”, onde hai tamén autores galegos –perdón, quixen
dicir: gallegos–, que lírica e autores galegos medievais e renacentistas
aparecen? E no afamado Século de Ouro español ul-os autores galegos? Hai que
esperar á Ilustración para que apareza o primeiro autor galego de prestixio:
Frei Benito Jerónimo Feijoo; e despois son fabas contadas os autores
sobranceiros –por moi importantes que sexan algúns–: no Romanticismo: Nicomedes
Pastor Díaz; no Posromanticismo: Rosalía de Castro, escritora bilïngüe; no Realismo:
Emilia Pardo Bazán; na Xeración do 98: Ramón María del Valle-Inclán; na Xeración
de 1914: Salvador de Madariaga e Wenceslao Fernández Flórez; na Xeración do 27:
ulos?; na de Posguerra: Camilo José Cela e Gonzalo Torrente Ballester. E na literatura
actual, que autores en castelán alcanzan o prestixio de autores en galego ou
bilïngües? Daquela se renunciamos aos escritores galegos, cantos escritores nos
quedan?, e non poucos deles escribindo a maioría da súa obra sobre lugares
foráneos á nosa terra. E que facemos coa gran lista de escritores bilíngües,
estudarmos só unha parte da súa obra? Para entendermos a nosa cultura parece
imprescindíbel coñecermos a obra xurdida dos seus autores, que está escrita en
dúas linguas: galego e castelán.
Por
certo, os “escritores gallegos” son escritores galegos ou españois? Porque os “escritores
galegos” si sabemos ben o que somos, non?
Estou de acordó contigo. A min o que máis me move a escribir e falar en galego é o respecto aos devanceiros que tendo esa lingua como súa non a puideron escribir nin falar en muitas ocasións.
ResponderEliminarPrefiro ser un galego de primeira ca un español de segunda ( semellante ao teu cabeza de rato e rabo de león ).
E a razón fundamental: porque me peta e non está proibido.
Sempre se fai fincapé na utilidade dun idioma por ter máis ou menos fantes e recursos, porén a inmensa maioría dos idiomas non teñen nin moitos falantes nin moitos recursos. Que deben facer: desaparecer?
ResponderEliminarSempre se fai fincapé na utilidade dun idioma por ter máis ou menos fantes e recursos, porén a inmensa maioría dos idiomas non teñen nin moitos falantes nin moitos recursos. Que deben facer: desaparecer?
ResponderEliminar