Por que o galego non utiliza o apóstrofo para representar as
elisións que a lingua corrente fai ao falar? Se un olla as demais linguas
romances decátase de que a representación destas elisións mediante o uso do
apóstrofe é o normal nelas: francés, italiano, catalán, occitano, romanche,
sardo, corso, véneto, lombardo, piemontés, valón, friulano, etc.; mesmo o
aragonés e o ástur-leonés representan esta realidade fonética incuestionábel
nos seus estándares (limitando a súa representación, xaora, aos usos máis
xeneralizados), caso diferente é o mirandés por ter unha normativa baseada na
propia do portugués, onde o uso do apóstrofo está actualmente moi limitado). O
romanés substitúe o apóstrofo co uso do guión para casos semellantes (ex.: l-am
vazut, vazund-ul, m-as odihni,…).
O portugués, a nosa variante/lingua irmá (que cada quen use
a denominación que prefira) tamén usou o apóstrofo ao longo da súa historia
escrita, mais cunha tendencia á súa desaparición desde o Renacemento, que se
fixo case definitiva coa reforma ortográfica de 1911. Hoxe só se usa en
palabras compostas que inclúen a preposición de: cobra-d’água, pau-d’alho,
estrela-d’alva, galinha d’angola, etc.; para a separación dos artigos en
títulos de obras das preposicións que os preceden: n’Os Lusíadas, d’Os Sertões, troquei Os Lusíadas pel’Os Sertões,
sendo tamén posíbel non utilizalo deixando a preposición íntegra: em Os Lusíadas, de Os Sertões, troquei Os
Lusíadas por Os sertões; cando se usan pronomes persoais ou demostrativos
referidos a Deus, Xesús, a Virxe ou a Providencia: os milagres d’Ele, a fé n’Ele, confiemos n’Aquela, etc.; e
facultativamente coas formas santo e santa: Sant’Ana e Sant’Iago, e
por tanto tamén: Santa Ana, Santo Tiago
e Santana e Santiago.
Se
alguén accede a textos galegos históricos que conserven a grafía orixinal ve
que o uso do apóstrofo foi normal desde os primeiros textos medievais até o
primeiro terzo do século XX. Certo que non había unha regulación do seu uso, dado
que isto só pode chegar coa implantación dun estándar, polo que se utilizaba
indiscrinadamente nun intento de fidelidade á fala. Así autores hoxe clásicos
como Castelao, Risco ou Otero Pedraio reproducen nos seus escritos moitos dos
fenómenos da fonética sintáctica galega, e a perda das vogais átonas finais,
fundametalmente -e, en contextos
antevocálicos é un feito consagrado neles: s’asconden,
qu’os, tod’o, d’honor, co’axuda, sobr’esto, antr’as, qu’ela, d’omes, ind’os, etc.
Mais
coa estandarización do galego chegou a desaparición do apóstrofo: o
reintegracionismo mirábase no portugués, e o “isolacionismo” –vaia nome máis
mal posto– mirábase no castelán, como ambos os estándares destes idiomas non
usan apóstrofo, este non podía ter un lugar no noso estándar e toda unha
tradición do seu uso foi ao carallo: porque as tradicións propias non contan
cando se imitan as alleas. Así xa as “normas” propostas polo Seminario de
Estudos Galegos en 1933 prescriben a súa desaparación, aínda que non a do guión
en determinados casos: a i-auga, querel-o
neno, vol-os, todal-as, n-estou, co-este, etc. Mesmo para xustificar esta
opción se chegou a afirmar que o uso de apóstrofo afea notoriamente o texto;
así que se fodan os franceses, italianos, cataláns e mesmo ingleses. O que se
non dixo é porque non afeaba de igual maneira o guión de “come-lo caldo”, tan
usado até non hai moito.
A
actual normativa só permite o seu emprego “cando se pretende reproducir
fielmente a prosodia do galego oral ou dialectal” e tamén “na citación de
títulos e cabeceiras de publicacións cando o artigo inicial se intrega coas
preposicións de ou en”. Para min que na primeira
posibilidade se recoñece ás claras que a fidelidade á correcta pronuncia do
galego queda moi minguada sen o seu uso; e xa é frecuente que a maioría dos
neofalantes pronuncien o galego coma o castelán, é dicir, sen elidir nin alongar
todas as vogais que entran en contacto ao formaren frases:
Apaña a culler do chan
e déixaa encol da mesa.
Dixo que a cervexa
sería de Alemaña de hoxe en diante.
Os neofalantes pronuncian a frase
palabra por palabra, tal como aprenderon en castelán, mais a verdadeira
pronuncia non pode ser máis que esta:
Apañ’a culler do chan e déixaa’ncol da mesa.
Dixo qu’a cervexa
sería d’Alemaña d’hoxe’n diante.
Loxicamente non reclamo escribir
tal como se pronuncia seguindo os exemplos anteriores, mais é sintomático da
deriva da nosa lingua que non se optara por un uso racional do apóstrofo seguindo
o exemplo doutras linguas romances, regularizando unicamente os casos máis xerais
que se deberían representar.
Lembremos que ningunha lingua
romance española paga o triste portádego de se escribir exactamente como o
castelán, fóra do galego. Grazas a isto o galego semella graficamente máis
achegado ao castelán ca linguas moito máis próximas lingüisticamente, coma o
ástur-leonés ou o aragonés. Mais non sempre foi así.
“i antr’o chan i o firmamento,
as nubes de denso polvo
qu’iba levantand’o vento;”
Rosalía de Castro – Follas novas.
E mesmo hai unha normativa
ortográfica galega que recoñece e regula o uso do apóstrofo: a elaborada pola Academia de la Llingua Asturiana para o gallego-asturiano. Nesta recóllese a
utilización do apóstrofo cos pronomes
átonos “me”, “te”, “che” e “se”, a preposición “de” e a conxunción e relativo
“que”diante de palabra que comece por vogal ou h; e da preposición “pra/pa” diante de palabra que comece por a ou ha:
Nun ch’importa qu’axude pr’aforrar d’esta
forma un soldo.
👍
ResponderEliminar