viernes, 9 de diciembre de 2011

Pronuncia estándar

Que modelo de fala estándar se está a procurar?, porque cando un consulta un dicionario que inclúa a transcrición fonetica das palabras, como por exemplo o “Gran Dicionario Xerais da Lingua”, parece que máis unha vez o padrón a seguir é o do español.

Busco neste prestixioso dicionario palabras con grupos cultos como –bs-, -ct-, -cc-,-pt-: absoluto, obtuso, acto, electricidade, obxecto, accidente, ficción, apto e óptimo; e en todas aparecen estes grupos representados na pronuncia. Porén, miña nai, criada nunha aldea galega pero vivindo a maior parte da súa vida en Madrid, aínda hoxe é incapaz de pronuncialos, nin mesmo falando en castelán, ela di: aso’luto, O’tuso, ‘ato, ElEtrizi’da, O’xEto (ou O’jeto en castelán), azi’dente, fi’zjon, ‘ato e ‘Otimo; é dicir a única pronuncia popular posíbel. Recorro ao portugués, a variante irmá, para ver a súa pronuncia: asu’lutu, O’tusu, ‘atu, ilEtrisi’dade, Ob’jEtu, asi’dente, fi’sãu, ‘aptu e ‘O(p)timu; e vexo que estes grupos cultos tamén desaparecen na maioría dos casos. Mais non estou conforme e consulto unhas gramáticas: a de Xosé Ramón Freixeiro Mato (edicións A Nosa Terra, 1998) di falando dos grupos consonánticos cultos: “A súa realización fonética só se producirá nunha pronuncia moi culta ou coidada, sendo máis habitual a desaparición ou alteración da articulación por non se adecuaren á estrutura xeral da sílaba en galego”; e a de Rosario Álvarez e Xosé Xove (editorial Galaxia, 2002) di: “Os fonemas oclusivos e o fricativo labial poden ocupa-la posición implosiva só en palabras cultas ou en estranxeirismos: abdome, apto, afgán, mamut, adquirir, acto, agnóstico. Na lingua oral é frecuente que non se pronuncien algunhas destas consoantes implosivas, sobre todo en palabras populares”, e tamén: “A consoante implosiva dos grupos cultos omítese con frecuencia na pronuncia; a súa realización efectiva depende, basicamente, de tres factores: o grao de popularización do termo (é moi frecuente omitila en obxecto (O’xEto) ou exame (E’same) pero non en oftálmico ou abdominal), o nivel cultural do falante e a situación lingüística (…). Con todo, a súa presencia condiciona en xeral o timbre das vocais medias, tónicas e átonas, que se pronuncian abertas: defecto (de’fEto), optimista (Oti’mista ou Opti’mista), rectángulo (rE’tangulo ou rEk’tangulo)”. Agora, a cousa parece abondo clara: o galego popular, ou sexa o da xente que fala galego, omite a pronuncia de determinados grupos consonánticos cultos porque é algo que está na cerna da fonética galega; mais parece que hai un galego culto –ulo?, nas cidades que falan maioritariamente castelán- que si os pronuncia e este debe ser o padrón da nosa fala estándar.

Teño unha anécdota familiar ao respecto: miña nai se chama Concepción e un tío seu se chamaba Perfecto, pois ben, os meus familiares da aldea cando falaban galego chamábanlles: KonzEu’zion e Per’fEuto, e cando falaban castelán: KonzE’zjon e Per’fEto, co cal non daban unha, nin en galego nin en castelán; mentres que eu, que só falaba castelán daquela, atinaba máis sen sabelo, quen mo ía dicir.

E que pasa coas asimilacións fonéticas, tan propias do galego que os escritores do s.XIX e inicios do s.XX se vían na obriga de representalas mediante guións e apóstrofos, afeando tanto os textos, co gallo de seren fieis á linguaxe falada, como nestes versos d’Aires da miña terra de Curros Enríquez:

Debeu d’atopalo,

s’o conto non mente,

porqu’él dálí á pouco

quedóu com’a neve,

c’os ollos crabados

que espantan e feren,

nún bulto qu’iñoro

s’é de home ou de verme.

Hoxe, pola contra, cando só se representan as asimilacións das contraccións obrigatorias, o resultado visualmente máis estético ten o grande incoveniente de que os neofalantes, que cada vez son máis, afortunadamente, e proveñen do castelán, pronuncian seguindo as regras da súa lingua inicial e falan un galego entre exótico e esperpéntico. Porque cando un escribe unha frase como:

A canción que me aprendiches o outro día tamén a quer saber a miña amiga.

Tamén debería saber que se pronuncia así:

‘A kan’zjon ‘ke mapren’dEche l‘owtro ‘dia ta’mEna ‘kEr sa’bela ‘miñaa ‘miga.

Mais isto é algo que se vai perdendo aos poucos, pois non se fai moito fincapé nas gramáticas, ou non tanto coma en que a contracción “Ao” se pronuncia “Ó” aberto ou nas variantes alomórficas dos artigos determinados cando seguen ás formas verbais rematadas en –r ou –s, os pronomes enclíticos nos, vos e lles, e os tónicos nós e vós, e após todas/todos, ambas/ambos, tras e e mais. Se cadra porque estes casos marcan diferenzas co portugués, mentres que saber que as pronuncias maioritarias, e case seguro que orixinais, de “Para” e “Pero” son “pra” e “pro” marca diferenzas co español.

En fin, que lamentabelmente o modelo de fala estándar que se vai impondo é un paso máis, outro de tantos, cara á castelanización do galego.

4 comentarios:

  1. Umha pequena ouservaçóm: quando compara o galego “ao portugués, a variante irmá“, está a cometer um erro de preconceiçóm: o português inclue varias variantes, cada umha com diferentes pronuncias. Está o senhor, por tanto, a perpetuar esa ilusóm de o galego ser umha lingua de seu perante a um portugués monolítico. Se tirarmos eses preconceitos, poderemos conceber umha lingua comúm galego-portuguesa-brasileira, em que as particularidades galegas nom desfam a unidade desa lingua.



    Outra pequena ouservaçóm; os travesóns e apóstrofos usados dantes no galego fam-no muito mais belido. Só o afeiam para quem tiver como referencia de beleza o castelám. A escrita “oficial“ do galego nom é visualmente mais estético (tirado para um hispanófono), ao contrario. O francés, por exemplo, ficaria muito feio de tirar-lhe esses sinais e adoptar a escrita espanhola sem eles (mas isto tamém do ponto de vista NOM hispanófono, claro).



    Mas indo à conclusóm desta entrada: a minha coclusóm é que o modelo oral do galego culto está concebido para agochar qualquer sugestóm de que o galego sexa portugués, ou se aproxime perigosamente dele. Está concebido para que os neofalantes urbanitas poidam aprende-lo, e perpetuar asim a sua supremacia sobre os verdadeiros repositorios do galego, que som os do rural (coma sua nai), os quais deverám aprender a falar “fino“ (=com sotaque castelám) para poderem ser aceites e nom escarnecidos por pailáns. Daí que, mais do que galego, é galeÑol.



    Qual é a soluiçóm a este problema? Ei-la: Rejeitar o modelo oficial “tevegallo“ espanholizante, fazer com que os galegos ouçam o portugués e falem com lusófonos, e reabilitar a oralidade rural com toda dinidade, como modelo culto. Só asím se poderá fazer algo para parar a asimilaçóm no espanhol. Eis dous exemplos deste galego modelo oral:



    http://cvc.instituto-camoes.pt/hlp/geografia/som3.html

    http://ilg.usc.es/ago/ (Maçaricos, Audio 39)

    ResponderEliminar
  2. Supoño que estamos de acordo no básico: o modelo de pronuncia estándar que se está a impor peca moito de bébeda co español e rexeita de máis a fala popular ou os exemplos de pronuncia culta do portugués.
    Por outra parte, cando falo da variante irmá portuguesa, tentaba -e lamento non telo atinxido- referirme ao estándar portugués europeu, xa que o artigo compara estándares.
    E cando afirmo, e é por tanto só o meu punto de vista, que os guións e apóstrofos afeaban os textos antigos, sendo moi consciente do seu uso en francés, catalán, occitano, italiano, aragonés, asturiano, etc., quería indicar que a súa total falta de sistematización creaba unha linguaxe escrita pouco seria. Con todo, o portugués usa os guións pero moi pouquiño os apóstrofos.

    ResponderEliminar
  3. Estamos dacordo no básico, sim ... e nom. Primeiro, comparar o galego co portugués europeu, deixando fora do marco o brasileiro, ou mesmo as pronuncias vernaculares europeias (que em muitos casos divergem muito do seu estandard) é descontextualizar o estudo do problema. Aliás, é dar-lhe umha orientaçóm claramente espanholista. Um espanholista nunca estudaria as práticas vernaculares do castelám de, por exemplo, a Andaluzia, em contraposiçóm do estandard de Madrid, porque sabe que iso vai contra o conceito de unidade da sua lingua. Il faria-o metendo no quadro o espanhol de hispanoamérica, porque asim se pode ver o andaluz como claramente espanhol, e nom algo distinto. Por tanto, temos de ir além das intençóns e aprofundar nos nosos juizos, para vermos se ha qualquer preconceito que poida contribuir para distorcer a imagem que tivermos, ou quixermos dar, do galego. Sobre todo quando eses preconceitos “trabalham“ em favor da lingua que vem asobalhando o galego.



    Mas a minha crítica a esta entrada vai num senso muito mais profundo do que insinua vocé. Muito além da pronuncia dos grupos cultos, eu estou denunciar o que subjaz ao projecto de galego-lingua rexional. Vocé fica por umha análise moi superficial, que de resto ja se vem fazendo repetidas vezes, mesmo por aqueles que defendem o sistema do galego-espanhol. Nom me parece consequente, nem que adiante nada. Cumpre ir ás raizes do problema, tal como eu exponho no meu comentario anterior. Hoje as declaraçóns de boa vontade nom adiantam nada.



    Dou-lhe outra dica: além da propria pronuncia das palavras, existe umha entonaçóm, um ritmo, umha cadencia no fluir da lingua. Tudo isto contrapom o galego (vernacular rural) ao castelám. Porém, tudo isto vem-se ignorando no projecto do galego lingua rexional, e os equivalentes casteláns neses eidos da lingua oral substituem hoje claramente os galegos. Ignorar este problema é condenar o galego ao esmorecemento e asimilaçóm final no castelám. Diso é que havia que falar, mas ninguém o fai. Todos ficam pola superficie da pronuncia das palabras.



    Saude

    ResponderEliminar
  4. Supoño que co de "españolista", refírese a min, aínda que eu sempre me considerei "galeguista", o cal non está mal para unha persoa que nin sequera é galega. Con todo, español son, como o demostra o meu DNI, e tampouco teño problema ningún con esta realidade, que ao cabo non é peor nin mellor ca calquera outra.
    Dado que defende posicións diferentes ás miñas, invítolle a que publique os seus propios artigos. Só ten que se pór en contacto cos administradores de Vencello.

    ResponderEliminar