lunes, 19 de diciembre de 2011

Fraseoloxía

A fraseoloxía é coma a roupaxe dunha fala, unida ao tipo de sociedade que a usa porque nace nela e vai mudando segundo esa sociedade muda (chover ás cuncas, chover a Deus dar > chover coma nas películas), por iso as frases feitas mudan dun lugar a outro e nas linguas máis estendidas existe unha fraseoloxía diferente dun país a outro, aínda que tamén se conserve unha percentaxe de fraseoloxía tradicional herdada. Por exemplo na Arxentina hai moita moi diferente á de España: fumar como un murciélago, haber mano de Dios (ter axuda divina), irse al tacho (irse ao carallo), donde el diablo perdió el poncho (no cabo do mundo), irse al humo (ser prepotente), tirar las agujas (dar a hora), quedar en Pampa y la vía (ficar ás miñocas), etc; mais tamén en México: ofrecer en charola de plata (servir en bandexa), cada chamaco trae su torta debajo del brazo, tener sangre de atole (non ter sangue nas veas); ou en Colombia: hacer conejo (marchar sen pagar). E o conceito de “latar á escola” ou “facer a gata” varía moito dun país a outro: hacer novillos / hacer pellas (España), fazer gazeta (Portugal), hacer vaca (Perú), hacer la cimarra (Chile), hacerse la pava (Ecuador), hacerse la rata / ratearse (Arxentina), hacer(se) la rabona / rabonear (Uruguai) ou pintar un venado / estar/irse de pinta (México). E o noso “cara ou cruz” (español: cara o cruz e catalán: cara o creu), é cara ou coroa en Portugal, cara o sello en Perú, águila o sol en México ou escudo o estrella en Cuba.
Por isto magoa ver como a fraseoloxía castelá, por veces traducida e outras nin sequera, inza unha gran parte dos textos galegos, mesmo en textos literarios, que deberían coidar moito máis a súa linguaxe. Non custa moito ler aberracións como: pasar o rato, matar o rato, criar malvas, deixar de lado, estar polo labor, a pau seco, nin pica nin corta, etc. Mais alguén se imaxina a escribir en inglés cousas como: to pass the mouse, to kill the mouse ou to breed mallows; de certo que causaría hilaridade pero en galego parece que non.
Usar as frases feitas do castelán na nosa lingua é vestir con traxe alleo, de talle, cor e deseño diferente, polo que non se axeita ben ao noso idioma. E ademais, coa perda da fraseoloxía propia ímonos castelanizando máis un chisco, converténdonos cada vez máis en dialecto do “idioma común”. E se ben hai fraseoloxía que é común aos dous idiomas, moitas veces podemos elexer alternativas máis nosas, por exemplo: “Tomar o pelo”, rexistrado en case todos os dicionarios galegos, aínda que descoñecido en portugués, pódese trocar por “levar un mico” (coido que me tomou o pelo = coido que levei un mico); ou “chamar a atención” por “dar nas vistas” (ela chama moito a atención = ela dá moito nas vistas).
Existen no mercado varios dicionarios fraseolóxicos, dignas ferramentas para non caer en erros e usar unha lingua máis enxebre, mais a preguiza de moitos falantes convérteos en obxectos inúteis, en simples testemuñas do que é, e quizais algún día do que era, o verdadeiro galego.
Aplaudo o feito de que alguén decida escribir en galego, unha acción que non sempre recibe o apoio dos que o rodean; mais se despois deste primeiro paso, sen dúbida o máis difícil, non veñen outros, o acto non paga a pena. Escribir nun galego cada vez máis enxebre e depurado debería ser unha obriga de todo galegofalante, dado que nunca vin en textos casteláns tantos “descoidos” como vexo nos máis dos galegos. E coido que isto sucede porque moita xente pensa que en galego todo vale, pois ao cabo non é unha lingua tan “seria” coma o español. Porén, quen pense así máis lle valería seguir a escribir na “lingua común” e deixar o galego en mellores mans, porque non se quer o que non se respecta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario