sábado, 16 de maio de 2026

O dígrafo NH

 

Con demasiada frecuencia atopo en moitos textos que o dígrafo NH aparece separado cando ocorre que haxa que separar a palabra con guión en final de liña (Ex.: *algun-ha, *ningun-ha, *un-ha), mais as NOMIG sentencian a secuencia NH como dígrafo e por tanto o correcto é separar as palabras conservando a unión de ámbalas letras (Ex: algu-nha, ningu-nha, u-nha), como se fai co resto dos dígrafos na nosa lingua.

            Mais por que sucede isto? Ben, a resposta é, máis unha vez, a interferencia do castelán. Neste idioma a secuencia NH non constitúe dígrafo ningún e por tanto se separa con guión en final de liña como pertencente a dúas sílabas distintas (Ex.: an-helar, en-hiesto, en-horabuena, in-halar). Algo que non pasa co resto dos dígrafos que compartimos ámbolos idiomas: CH, GU, LL, QU e RR (Ex.: ca-cho, den-gue, fa-llo, tan-que, ca-rro).

            No portugués tamén existe o dígrafo NH, pro cun valor fonémico diferente: o da nasal velar que nós representamos co Ñ. O portugués ten dúas normas á hora de separar as sílabas con dígrafos: non separando os dígrafos que teñan H: CH, LH e NH (Ex.: fe-cho, pa-lha, ba-nho) ou U: GU e QU (Ex.: a-guardar, a-quário), e separando o resto: RR, SS, SC/SÇ e XC/XS (Ex.: car-ro, pas-so, des-cida, cres-ça, ex-celso, ex-surgir). Amais dos consonánticos o portugués ten tamén dígrafos vocálicos: AM/AN, EM/EN, IM/IN, OM/ON e UM/UN, porque a consoante nasal non se pronuncia senón que indica a nasalidade da vogal precedente (Ex.: manancial = *manãcial, quente = *qute, assim = *assĩ, *onça = *õça, atum = *atũ), loxicamente son dígrafos que non se separan.

            O galego ten seis dígrafos habituais: CH, GU, LL, NH, QU e RR, mais tamén dous extras pra representar fonemas especiais: o GH pra explicitar a gheada e o KH pra transcribir a consoante fricativa velar xorda, a mesma do iota castelán, en palabras estranxeiras (Ex.: Khartún, khmer, khoisa, khan etc.).

            Cos seis dígrafos normativos existe a particularidade de que GU só se xustifica por mera copia da ortografía castelá, dado que no galego actual non se dá nunca a secuencia de G+E/I pra representar un son diferente do de G+A/O/U, (Ex.: guerra = *gerra, guiso = *giso), algo que si sucede tanto no castelán coma no portugués, e sucedía no galego histórico. E QU por mantemento desta singularidade ortográfica histórica: QU+E/I, malia eliminar a secuencia QU+A/O que si mantén a ortografía portuguesa (Ex.: quadro, quarenta, quociente, quota etc.).

Ningún comentario:

Publicar un comentario