domingo, 21 de diciembre de 2025

RECENTE e RECÉN

 

O dicionario da RAG recolle o adxectivo “recente” pra denominar “o que ocorreu ou se fixo hai moi pouco tempo”, e derivado da súa forma feminina aparece o abverbio “recentemente” (sucedido nun tempo recente), mais non recolle a forma apocopada do adxectivo “recén”.

O Dicionario Galaxia de Usos e Dificultades da Lingua Galega (ed. 2004) recolle no termo “recén”, que indica que non está recoñecido polo DRAG nin polo VOLG, que o seu uso pode ser substituído polas construcións sintácticas alternativas: substantivo + adverbio “recentemente” + adxectivo (Ex.: o alumno recentemente incorporado), onde o adverbio tamén pode ir detrás do adxectivo (Ex.: o alumno incorporado recentemente), e substantivo + acabado de + infinitivo (Ex.: o alumno acabado de se incorporar); mais tamén destaca que é un apócope admitido tanto en portugués “recém” coma en castelán “recién” e que amais é un neoloxismo moito máis sintético, ou abreviativo, cás outras dúas construcións admitidas (Ex.: o alumno recén incorporado).

Aínda que o castelán e o portugués empregan o apócope de “recente”, non o fan exactamente do mesmo xeito, así o castelán o usa sempre que se antepón á palabra que modifica (Ex.: recién nacido, recién casado, recién hecho etc.) co valor de “recientemente” como unha palabra independente; namentres que o portugués tamén o emprega anteposto á palabra que modifica pro unido a esta mediante trazo, pasando a formaren unha palabra composta (Ex.: recém-nascido/recém-nado/recém-nato, recém-casado, recém-feito etc.). En ámbolos idiomas en América do Sur utilízase tamén está palabra co valor do adverbio “recentemente” anteposto a verbos conxugados: recién ha llegado al trabajo; recém chegou ao trabalho. E tamén nalgúns países hispanos co valor do adverbio “apenas” (Ex.: lo vi recién entró; recién al verlo lo supe).

Xa que logo, en conclusión, o seu uso non está admitido pola gramática galega, ao menos polo agora, pro si é habitual tanto no galego oral coma escrito. Neste último seguindo o modelo ortográfico castelán, quer dicir, sen unión mediante trazo coa palabra que modifica: recén nacido/recén nado, recén casado, recén feito etc.

No hay comentarios:

Publicar un comentario