miércoles, 28 de agosto de 2024

NAUS, NAVES E NAVÍOS

 

Por que o dicionario da RAG non recolle o primeiro dos substantivos do título, como se non fose unha palabra galega, malia estar estar bastante documentada dende a Idade Media, ser usada na nosa literatura moderna e formar parte do léxico das linguas portuguesa (nau) e castelá (nao), amais da catalá (nau), orixe do termo?

            Esta palabra “nau” entrou no noso idioma dende o catalán orixinal (nau < lat. nave) coma tamén o fixo outra palabra pra denominar barco: vaixel (< cat. vaixell), esta si recollida no dicionario da RAG.

            Resulta curioso constatar como a forma “nau” xunto a “navio” son os vocábulos correntes pra denominar as embarcacións de certo tamaño en portugués, mentres que “nave” non pasa de ser un sinónimo poético destas. Pola contra, en castelán as formas comúns son “nave” e “navío”, en tanto que “nao” deveu nunha palabra anticuada, empregada pra denominar os navíos antigos, ou de uso culto. Ante esta diverxencia, o dicionario da RAG –máis unha vez– copia o modelo español, pro por riba obvía a existencia de “nau/nao” no noso idioma.

            Fóra da excepción académica os demais dicionarios actuais si recollen esta palabra, tanto o Gran Dicionario Xerais da Lingua (nau > nao: embarcación grande) coma o Dicionario Rinoceronte Castelán-Galego (nao: embarcación de vela empregada na navegación oceánica) ou o Dicionário Estraviz (nau: tanto na acepción de “antigo navío de vela” coma na de “calquera embarcación de gran tamaño”).

            E antes deles a palabra apareceu recollida noutros dicionarios e vocabularios históricos, tanto coa forma “nao” coma “nau”: Martín Sarmiento (1746-55), J. Cuveiro Piñol (1876), M. Valladares Núñez (1884), L. Carré Alvarellos (1928-31; 1979), E. Rodríguez González (1958-61) ou X.L. Franco Grande (1972).

            A nosa moderna literatura empregou estes tres sinónimos a miúdo, e xa que non é necesario demostralo no caso de “nave” e “navío”, si é pertinente amosar exemplos no caso de “nau/nao”, xa que coas dúas variantes aparece, pra disipar calquera dúbida. así:

F. Bouza Brey – Nao senlleira, 1933: Leda vai a nao na proa unha frol.

R. Otero Pedrayo – Fra Vernero, 1934: Semella unha nau ancorada disposta a vogar cara a felicidade.

A. Cunqueiro – Se o vello Sinbad volvese ás illas, 1961: iba a Basora a faguerse cárrego dunha nao que xa debía estar boata; que lle veñen de lonxe pedindo postos na súa nao famosa.

X.M. Díaz Castro – Nimbos, 1961: súa nau entrar na baía.

V. F. Freixanes – O triángulo inscrito na circunferencia, 1982: o espectáculo da nau capitana daquel guerreiro terrible.

D.X. Cabana – Galván en Saor, 1989: navega velozmente unha nau cargada de donas.

M. Rivas – En salvaxe compaña, 1993: Sen esquecer os hórreos e o pombal, con nao veleira de cataventos.

Alexandre Nerium – Vogar, 2003: nau sen cadoira ao pé de cada hora.

Miguel Anxo Murado – O soño da febre, 2007: Outros dous diríxense voraces contra unha infortunada nao portuguesa.

Anxo Angueira – Iria, 2012: Unhas lenes ondas abanean a nao; E o Iria navega e no ronsel de estrelas apagadas da robusta nao capitá.

            En fin, que malia as carencias do dicionario académico, podemos e debemos usar a palabra “nau/nao” –eu prefiro a primeira forma, en consonancia co portugués– como sinónima de “navío” e “nave” pra denominar as embarcacións de gran tamaño, tanto antigas de vela coma modernas oceánicas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario