miércoles, 22 de mayo de 2024

O uso da vírgula ante "etcétera"

 

É habitual ver nos textos galegos que a locución preposicional latina “etcétera”, adoito escrita abreviadamente “etc.”, sexa antecedida por vírgula.

            Esta locución significa: “e o demais” e orixinalmente escribíase “et cetera”. Emprégase pra substituír unha enumeración que non se quer ou non se considera necesario expresar.

            O castelán adoita escribir esta locución despois de vírgula, mais tanto o portugués coma o galego desaconsellan esta opción porque esta locución leva incluída a conxunción “e”, e en galego, coma en portugués ou castelán, é innecesario usar vírgula diante desta conxunción cando expresamos unha enumeración. Ex.: no parque hai paxaros como pardais, pombas, pegas, merlos e outros máis.

            Por tanto, evitemos seguir este uso castelanizador innecesario. Ex.: no parque hai paxaros como pardais, pombas, pegas, merlos etc. Aínda que sempre é posíbel usar etcétera tras vírgula se se quer marcar a existencia dunha pausa previa, polo que o seu emprego pasa a ser facultativo. Con todo, non se debe esquecer que é o seu uso habitual en castelán o que fai que se imite na nosa lingua e non un desexo de sinalar esa pausa.

            Por último, a repetición de “etc.” nun texto é unha redundancia innecesaria que equivale a repetir “e o resto” ou “e outras cousas” etc. Ex.: *pegas, merlos, etc., etc. = *pegas, merlos, e outros paxaros, e outros paxaros. Tamén é redundante engadir os puntos suspensivos a etc. Ex.: *pegas, merlos, etc...

No hay comentarios:

Publicar un comentario