sábado, 17 de febrero de 2024

AS CONTRACCIÓNS D’UN(S)/UNHA(S)

 

Atópome decontino en multitude de textos que hai unha confusión no emprego das contraccións das preposicións con “un/unha” cando funcionan como formas pronominais. No entanto, non debería habela, porque as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego son moi claras ao respecto:

“As preposicións con, de e en contraen co artigo determinado: cun(s), cunha(s), dun(s), dunha(s), nun(s), nunha(s)”.

“O indefinido un(s), unha(s), cando actúa como adxectivo, presenta as mesmas contraccións ca o artigo indeterminado: […]. Cando se usa como pronominal xeralmente represéntase a contracción coas preposicións de e en, dando lugar ás formas dun(s), dunha(s), nun(s), nunha(s): […]; por contra, non se representa na escrita a contracción coa preposición con: […]”.

“Os numerais un, unha, cando son adxectivos, contraen con de, en e con, da mesma maneira ca os artigos indeterminados. Pola contra, cando son pronominais, normalmente contraen coas preposicións en e de, pero non coa preposición con, da mesma maneira ca o indefinido un(s), unha(s): […]”.

Xa que logo, resumindo: “Un(s) e Unha(s) contraen sempre coas preposicións “de” e “en”, funcionen como artigos, indefinidos ou numerais, agás cando as preposicións non forman frase co artigo, e soamente deixan de se contraer coa preposición “con” cando funcionan como pronominais”.

Exemplos de contraccións: estaba cunhas amigas; collen nuns botes; entren dun nun; a solución está nunha das casas; mirar polo interese dun mesmo; fallou nunha soa proba.

Exemplos de non contraccións: de un policía chegar a tempo, non o batería (= de chegar a tempo un policía, non o batería); en o amigo vendo a situación, marchou (= en vendo a situación o amigo marchou); estaba con un ou con outro; sempre chega con unha nova; soamente deu con unha ou dúas solucións.

No hay comentarios:

Publicar un comentario