Se
consultamos o dicionario da RAG vemos que ámbalas palabras son consideradas
sinónimas nas súas dúas acepcións primeiras agás na terceira: “Casa grande,
antiga e nobre, especialmente a situada no medio rural”, que só é válida prá
forma “pazo”. Galeguismo recollido polo dicionario da RAE como: “Casa solariega
gallega, especialmente la edificada en el campo”.
O portugués tamén recolle como
sinónimos “paço” e “palácio” nas acepcións de “residência de rei ou de prelado”
pro só recolle a primeira como “solar de família nobre”.
Porén, por que temos dúas palabras
sinónimas descendentes do mesmo étimo latino Palatium. Son ambas patrimoniais? Porque “pazo” cumpre coa
evolución esperábel en galego: palatiu> palaço>paaço>pazo, pro
“palacio” conserva un sospeitoso L intervocálico.
Se observamos a toponimia atopamos
que procurando estas palabras en Toponimia de Galicia da RAG: “pazo(s)” dá 1.160
rexistros, “pacio(s)” en 364, mentres que “palacio(s)” só se recolle en 42
rexistros. Se alguén pensa que isto tamén demostra a galeguidade do topónimo,
aínda que sexa minoritario, debe saber que, por exemplo, “fuente(s)” tamén se
rexistra en sete ocasións contra 20.493 de “fonte(s)” e “cuevas” en catro
contra 2.405 de “cova(s)”. Obviamente o maior prestixio semántico do
castelanismo “palacio” obrou a favor do seu uso moderno na toponimia, vantaxe
que non tiveron os castelanismos “fuente” nin “cueva”.
Mais se queremos unha proba
contundente verbo da orixe das dúas formas, non temos máis que consultar o Tesouro
Medieval Informatizado da Lingua Galega, do que obtemos os seguintes
resultados: paaço > 318 rexistros
(69 no s.XIII, 119 no s.XIV e 130 no s.XV), paazo
> 15 (4 no s.XIII, 5 no s.XIV e 6 no s.XV), paço > 0 e pazo >
10 (3 no s.XIII e 7 no s.XV); namentres que palacio
> 4 (1 no s.XII, 1 no s.XIII e 2 no s.XV; dos cales dous rexistros aparecen
en textos latinixantes e outro é onomástico), palaçio > 17 (1 no s.XIII –texto castelán da Crónica Xeral e
Crónica de Castela–, 11 no s.XlV –da Historia Xeral– e 5 no s.XV –dos cales 4
son onomásticos: Alvaro Basques de Palaçio–) e palaço > 23 no s.XV –todos toponímicos ou onomásticos: rua de
Palaço de Rey, Juan Ares de Palaço, Gonçalvo de Palaço, Loys Lopes de Palaço,
Alvaro Basques de Palaço–. Pacio,
topónimo propio do leste de Galiza só se rexistra nun documento do s.XIII.
Entre os dicionarios históricos, unicamente
o de Eladio Rodríguez González (Galaxia, 1958-61) recolle este termo na
acepción de “casa suntuosa” ou remitindo a “pazo”; mentres que tódolos demais,
incluído tamén este, recollen “pazo” tanto na acepción de “casa real” coma na de
“casa nobre”. Soamente os dicionarios actuais, así o dicionario da RAG, o dicionário
Estraviz ou o Gran Dicionario Xerais da Lingua recollen estes vocábulos como
sinónimos.
Porén “Palacio” non chegou ao noso
idioma como un cultismo, senón como un castelanismo máis, totalmente
innecesario, que está a substituír á palabra patrimonial “pazo” en tódalas súas
acepcións agás na que acepta o castelán como galeguismo: casa nobre e rural de
Galiza.
No hay comentarios:
Publicar un comentario