Se consulto
o adxectivo “natural”no dicionario da RAG, á parte das varias acepcións dános
como antónimo da primeira o adxectivo: artificial.
Mais calquera percibe que este antónimo é correcto cando intervén a man do home
pro non cando se quer indicar que algo non parece seguir a orde da natureza,
aínda que non presente intervención humana, daquela dicimos que é: contranatural (= contrario á natureza), adxectivo que
si recolle o dicionario e que ten como antónimo: natural, algo que non se recolle
ao revés.
Porén, se consultamos un dicionario
de castelán, coma o da RAE, vemos que pra este último concepto presenta catro
sinónimos: antinatural, contranatural, desnatural (desus.) e innatural. E
facendo o mesmo nun de portugués, coma Infopédia, obtemos tamén estas catro
verbas: antinatural, contranatural, desnatural e inatural; as mesmas que
figuran no dicionario Estraviz.
O Gran Dicionario Xerais da Lingua
recolle “contranatural” pro tamén “antinatural”,
e o antigo de Rodríguez González: “innatural” e
“contranatural”. Que motivo hai pra refugar ámbalas palabras cuxos prefixos son
usuais na elaboración de palabras co valor de “oposición” e “negación”
respectivamente. Ex.: antiestético, antirracista, antisindical etc.;
inadecuado, incivilizado, infalíbel etc.
Así mesmo, o prefixo des–, habitual
como indicador de “negación” (ex.: desapropiado, desconforme, desproporcionado
etc.), é empregado e admitido nas palabras: “desnaturar, desnaturalizada/-o,
desnaturalización e desnaturalizar”; daquela cal é a razón que impide o seu uso
no adxectivo “desnatural”, perfeitamente harmónico
co resto das palabras da súa familia léxica, tal como admite o castelán –aínda
que en desuso– e emprega o portugués?
No hay comentarios:
Publicar un comentario