domingo, 18 de julio de 2021

IR A VERTE ou IR VERTE non perifrástico

 

A recente publicación pola editorial Galaxia dun libro co título: “Esta noite hei de ir a verte”, motivou unha mensaxe miña á dita editora en que indicaba a incorrección de incluír a preposición A entre os dous verbos en infinitivo. A resposta foi a afirmación da súa corrección e maila explicación que daba a autora, doutora en Filoloxía galega. Velaquí: “Non é castelanismo porque non é perífrase, senón unha construciójn con valor final en que “ir” non perde o sentido de movemento. Por iso pode levar, ou non, o “a”. Como é unha cita dunha canción popular, e é correcto, non llo quitei. A idea de futuro non vén dada pola construción “ir a verte”, senón por “hei de ir”. Esta si, perífrase temporal de futuro.”

            Mais confeso que quedei coa dúbida e decidín consultar as gramáticas galegas que teño como referenciais en ausencia dunha gramática académica que se demora en demasía. Na dita consulta obtemos estas explicacións:

Manual de Gramática galega – X.R. Freixeiro Mato (A Nosa Terra, 2001), no seu capítulo adicado ás perífrases temporais, no punto “a) Ir + infinitivo: o verbo ir é orixinariamente un verbo de movimento a partir do suxeito (Foi fechar a porta), mais de indicar movimento físico pasou a indicar movimento mental no suxeito ou intencionalidade (Vou coller o libro), para finalmente chegar a simples expresión de cambio ou tendencia cara ao futuro, perdendo as connotacións físicas e intencionais (Vas perder diñeiro). […]. Mais hai cláusulas en que é difícil distinguirmos se hai perífrase ou non, pois cabe interpretarmos o complexo verbal como expresión dun movimento físico, dunha intencionalidade ou simplesmente de futuridade: Vou comprar unha casa. […]. O galego distingue entre a perífrase temporal de futuridade ir + infinitivo e a perífrase aspectual imperfectiva ir a + infinitivo (Ía ler / Ía a ler cando se produciu o accidente).

Gramática da Lingua Galega – Rosario Álvarez e Xosé Xove (Galaxia, 2002), no capítulo 6.5.1.2. Ir + Inf. “Esta perífrase de significado complexo, que se reparte entre o temporal de posterioridade, […], e os aspectuais de fase inminencial e de colocación demarcativa. […], cómpre advertir unha vez máis que en enunciados formalmente iguais a construcción pode ser perifrástica ou non, ou ter un sentido ou outro segundo o contexto e a interpretación:

Mais hai algúns manuais que dan pábulo á dubida ao non indicaren claramente a elisión da preposición en tódolos casos como:

Galego século XXI – Nova guía da lingua galega (Galaxia, 2004), que no apartado adicado ás perífrases verbais, e en concreto ás temporais, indica pra “IR+infinitivo: Esta perífrase pode indicar intencionalidade ou futuridade […] nunca leva, entre IR e o infinitivo, a preposición A, […]”, e logo na indicación adicada a HABER+(de)+infinitivo pon un exemplo moi axeitado ao noso título: “hei de ir velo mañá”.

Dicionario Galaxia de Usos e Dificultades da Lingua Galega (Galaxia, 2004), que na entrada “ir” indica que: “Canto ás perífrases verbais que ir forma cos infinitivos, téñase en conta que co valor de futuridade ou inminencia no galego nunca se debe intercalar a preposición a entre o auxiliar e o infinitivo.

Con todo, mentres no se publique a necesaria gramática académica recomendo seguir as indicacións tanto do Gran Dicionario Xerais da Lingua (Xerais, 2009), na entrada do lexema “Ir”, no apartado da perífrase verbal “Ir + inf.” asigna os seguintes usos: “1) valor de intencionalidade (dixo que ía buscarte); 2) futuro inmediato (vas coller unha pulmonía); 3) movemento (foi bater con quen non pensaba)”; coma do dicionario da RAG en Internet, que na entrada de “Ir” dá os seguintes valores a esta perífrase verbal: “Ir + inf. indica: 1) movemento (Vai abrir as ventás. Foi caer ao pé duns bocois), 2) Que se ten a intención de (Dixo que ía chamar cando chegase), 3) Futuro inmediato (Parece que vai chover. Imos chegar tarde)”.

Porque pouco a pouco o castelán avanza no seu implacábel labor de substitución lingüística, tanto fonética coma léxica ou morfosintáctica; moitas veces, segundo parece, coa axuda de ben intencionados filólogos galegos.

1 comentario:

  1. Excelente artigo, moi clarificatorio. Concordo 100% coa túa afirmación final, de a axuda de ben intencionados filólogos. Así penso que ocorre tamén coa permisividade da RAG de admitir castelanismos a esgallo, ao tempo en que rexeita enerxicamente calquer portuguesismo. Porén, no caso RAG intúo certa intencionalidade, inclusive política.

    ResponderEliminar