viernes, 7 de septiembre de 2018

Un lugar sollío ou avesedo


A importancia do sol é tal na nosa vida que temos algúns adxectivos específicos para denominar a súa maior ou menor influencia nos lugares ao ar libre. Así se dá o sol dicimos que o sitio é sollío, mais se o sol é intenso é solleiro, xa que logo ambos os adxectivos non son sinónimos porque o segundo implica un matiz de intensidade a respecto do primeiro. Porén, se non dá o sol ou dá pouco dicimos que o lugar é avesedo, forma preferida polo dicionario RAG fronte á seguinte, ou avesío, sendo neste caso adxectivos sinónimos. Tamén podemos usar para o mesmo concepto os adxectivos sombrío, forma preferida polo dicionario RAG fronte á seguinte, ou sombrizo, procedentes de sombra, o espazo escuro formado pola ausencia de luz, solar ou non, por mor da interposición dun corpo fronte á fonte de luz.

            A falta da luz solar, total ou case, dá lugar ás tebras, palabra usada case sempre en plural. E un lugar con tebras ou sen luz é un sitio tebroso ou tenebroso, forma preferida polo dicionario RAG fronte á precedente. O matiz dunha menor ou maior escuridade nun sitio dá a pertinencia de usarmos os adxectivos: avesedo, avesío, sombrío ou sombrizo, cando a escuridade non é intensa e podemos ver algo; ou os adxectivos: tebroso ou tenebroso, cando é total ou moi intensa e non podemos ver ren ou case.

            Un sitio sen luz ou claridade, onde non se pode ver ou se ve moi mal é escuro, ou tamén fusco, adxectivo que tamén podemos usar como sinónimo de “sombrío” e de “mouro”, é dicir, de cor case negra. Pola contra, se hai luz e podemos ver ben ou case, dicimos que é un lugar claro. Palabra que coñece o rotacismo (craro) dende os inicios do idioma, como se pode comprobar nos textos medievais.

            En resumo, “escuro” e “claro” son adxectivos xerais, utilizábeis en calquera contexto para indicar maior ou menor luz, mentres que “fusco”, tamén xeral, funciona como adxectivo sinónimo para tres conceptos diferentes: escuridade, sombra e mourenza –substantivo este non recollido polo dicionario da RAG pero ben presente noutros–. Pola contra, os demais adxectivos son específicos, así cando falamos da incidencia da luz solar debemos usar “sollío” e “solleiro”, este último se é moi intensa, e “avesedo” ou “avesío” se non dá directamente pero permite a visión, se a falta de luz pero non de visión se produce por unha sombra debemos usar “sombrío” ou “sombrizo”, e se non hai posibilidade de visión, ou case, por falta de luz usaremos “tebroso” ou “tenebroso”.

2 comentarios:

  1. Tamén existe a palabra ruzo que eu cuidaba que era cor gris do pelo pero no RAG di que é pardo claro tirando a cano.

    ResponderEliminar
  2. Ten razón tamén está este adxectivo pouco usado, eu apenas o lin mais sempre aplicado á cor de cabalgaduras.

    ResponderEliminar