É
frecuente o uso destas tres palabras como sinónimos perfeitos; é dicir,
completamente intercambiábeis entre si. Así o escoito ou leo a miúdo. Porén, en
verdade hai uns matices nos seus significados que fan que non sempre sexa posíbel
este intercambio.
Destarte “momento” e “instante”
coinciden en ser “un espazo moi breve de tempo” (Ex.: Aquilo só durou un momento/instante), mentres que “intre” e
“momento” o fan en ser “o tempo preciso en que algo ocorre” (Ex.: Xusto naquel intre/momento chegou ela);
con todo, “momento” tamén pasou a ser “un espazo indefinido de tempo en que
ocorre algo” (Ex.: É un momento ideal
para investir), e “intre” tamén equivale a “intervalo breve de tempo” (Ex.:
Nese intre foi cando sucederon os feitos).
Como vemos segundo o caso, “momento” e “instante” poden ser sinónimos e “intre”
e “momento” tamén, pero non “instante” e “intre”; e ademais, “momento” pode ser
sinónimo de “ocasión” e “época”, conforme o contexto, e “intre” pode ser
sinónimo de “ínterim, lapso ou intervalo”, sempre que o espazo temporal sexa
curto.
No entanto, as tres palabras serven
para indicar a idea de inmediatez nas expresións: “ao/nun momento, nun instante
e no intre” (Ex.: Fágoo ao momento/nun
instante/no intre), sendo sinónimos dos adverbios de tempo: “axiña,
decontado, enseguida, logo...”.
Mais tamén “momento” e “instante”
poden expresar a idea de “continuidade” nas expresións: “a cada momento, en
todo momento, a cada instante” (Ex.: Non
deixa de se queixar a cada momento/en todo momento/a cada instante), sendo
sinónimos dos adverbios de tempo: “arreo, cadora, continuamente, decontino,
seguido...”.
E “momento” tamén pode expresar a
idea do “tempo actual como punto de referencia” nas expresións: “de momento e
polo momento” (Ex.: Conta comigo de
momento/polo momento), sendo sinónimos das expresións: “por/polo de
pronto”, e do adverbio: “momentaneamente”.
Xa que falamos de espazos curtos de
tempo, non está de máis lembrar que para denominar un “espazo máis ou menos breve
de tempo” no noso idioma usamos as palabras: “anaco, pedazo, bocado, cacho e
retrinco” (Ex.: É cousa de estar un
anaco/bocado/cacho/pedazo/retrinco escoitándoo), principalmente; mais nunca
“rato”, como moitas veces se emprega por mor do seu uso en castelán. Os únicos ratos
que temos en galego son os roedores de varias especies de tamaño pequeno, os
dispositivos manuais do computador e os peixes tamén coñecidos como alpabardas,
pataguillóns ou alcriques.
No hay comentarios:
Publicar un comentario