Coido que
poucas linguas posúen tres sinónimos exactos para denominar o que o dicionario da
RAG define como: “Abertura na parede para deixar entrar o aire e a luz,
xeralmente cerrada con vidros”. Mais aínda que en esencia son perfeitamente permutábeis,
sendo o seu uso unha mera escolla persoal, en verdade hai unhas sutís
diferenzas por mor da súa orixe e implantación no galego.
Así, o primeiro que convén saber é
cal é a palabra máis patrimonial das tres, e a resposta tras consultar o TMILG (Tesouro
Medieval Informatizado da Lingua Galega) é rotunda: fiestra. A palabra latina
para o concepto era “fenestra”, e dela descenden as tres variantes que
documentamos na Idade Media: fenestra (s.
XIII), a non evoluída, fĕestra/feestra (s.
XIII), a máis rexistrada no seu século, e fiestra/fyestra
(s. XIV e XV), a única documentada na Baixa Idade Media e a máis frecuente nos
textos conservados. Pola contra, nin “janela” nin “ventana/ventã/ventaa” se
documentan no galego antigo.
Tamén que a palabra latina usada
para o concepto é a que máis descendentes, xaora, deixou nas linguas romances: fenestra
(arcaísmo castelán), fenèstra (occitano), finestra (aragonés, catalán,
italiano, corso), fenêtre (francés), fenèt (haitiano), fereastra (romanés),
hièstra (gascón) etc.; e mesmo pasou ás linguas xermánicas: fenster (alemán),
venster (neerlandés), fönster (sueco) ou fenester (arcaísmo inglés). O castelán
“ventana”, derivado do lat. “ventus” e documentado xa dende a segunda metade do
s. XIII, tamén pasou ao asturleonés, que ten como arcaísmos: “fenestra” e
“finistra” e ao sardo “bentana”, mercé
ao período de dominio español na illa, amais de ao galego con modificación:
“ventán” no galego occidental e “ventá” no central e oriental e mais estándar.
Mentres que o portugués “janela”, derivado do lat. “januella”, só pasou ao
galego, con adaptación fonética, “xanela”.
Para atopar os primeiros rexistros
destas dúas últimas palabras, ventá e xanela, hai que consultar o TILG (Tesouro
Informatizado da Lingua Galega), o equivalente ao TMILG pero para o período
moderno (do s. XVII ata hoxe), aínda que moitísimo menos exhaustivo e por tanto
menos rigoroso, que nos dá os seguintes resultados:
“Ventana“ documéntase en
textos dende inicios do s. XIX ata a actualidade, xa basicamente en textos que
representan a fala popular e dialectal. Sendo a palabra máis utilizada para o
concepto ata a metade do s. XX. Mentres que “ventá“ e ”ventán”,
esta sempre menos usada ca a súa variante central e oriental, aparecen a partir
da década dos 80 do s. XIX e soamente “ventá”
faise máis frecuente ca a forma castelá nos textos das dúas décadas finais do
s. XX e do actual, é dicir, cando se converte en forma estándar; sendo o
período de 1951 a 1980 o único en que hai certa igualdade de uso entre a forma
castelá e a forma estándar. Con estes datos semella evidente que “ventá/ventán”
é un castelanismo adaptado, o cal foi motivo abondo para que os escritores máis
preocupados por unha maior enxebreza léxica procurasen unha palabra
auténticamente galega, volvendo loxicamente a ollada cara á lingua medieval.
Desta maneira as tres variantes medievais reaparecen en
textos modernos a partir da derradeira década do s. XIX, nos casos de “fiestra”
e “fenestra”, e a partir do século seguinte, no caso de “feestra”. Con todo, “fenestra”
vai ter un certo auxe na primeira metade do s. XX para logo ir decaendo
inexorabelmente ata hoxe; e “feestra” nunca pasara dun uso mínimo por parte duns
cantos escritores, Aurelio Ribalta ou Vicente Risco por exemplo, nas tres
primeiras décadas do s. XX para despois desaparecer; mentres que “fiestra” vai ser a variante gañadora, como xa o fora
na Idade Media, competindo favorabelmente en uso literario con “fenestra” e
“ventana”, na primeira metade do s. XX, e acadando a supremacía despois ata a
actualidade, onde xa só compite cos outros dous sinónimos recoñecidos como
estándares. Como curiosidade convén saber que “fiestra” xa aparece nun texto de
Martín Sarmiento de 1746, polo que é razoábel pensar que aínda fose palabra
usada na altura.
O caso do lusismo “xanela” é
diferente, pois trátase dun empréstimo de luxo, para substituír o castelanismo
“ventana/ventá” ou o arcaísmo “fiestra/fenestra”. Incorpórase á nosa lingua
literaria nos inicios do s. XX e vai seguir connosco ata agora, sendo a época
actual o período en que ten maior uso, aínda que sempre por debaixo dos seus
sinónimos “fiestra” e “ventá”.
Dado que o estándar acepta as tres palabras, non parece má
opción a súa utilización, aínda que convén lembrar os matices que acompañan a
cada sinónimo: “ventá” como forma popular, “fiestra” como forma culta e
patrimonial e “xanela” como cultismo estrito. Aínda que quizais co tempo tamén
mude a percepción que temos delas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario