En orixe
ambos os termos denominaban o mesmo concepto: a substancia graxa extraída da
oliva, e por extensión calquera outra substancia parecida. Mais os antigos
sinónimos teñen diferentes procedencias: “óleo” do latín “oleum” e “aceite” do árabe “az-zait”. Con todo, a primeira podería ser un
cultismo medieval, dado que o vocábulo latino deixou como formas patrimoniais
máis usadas: “olio” e “oyo”; e a segunda entrou no galego medieval e tivo tanto
suceso que na práctica substituíu a palabra romance como forma xeral para o
concepto.
A RAG diferencia claramente o uso de
ambas as palabras, empregando o xenérico “aceite” para toda substancia graxa
insolúbel na auga de calquera orixe” e aplicando o específico “óleo” soamente
ao aceite usado na pintura e ao consagrado para a liturxia cristiá. Non
obstante, a nosa lingua irmá portuguesa actúa xustamente ao revés, utilizando
como forma xeral “óleo”, tanto para calquera tipo de aceite coma para o usado
en pintura ou na liturxia cristiá, e deixando “azeite” estritamente para
denominar o extraído da oliva, ou “azeitona” en portugués. Polo que cando se
usa para denominar outro “azeite” con outra orixe, esta debe ser especificada:
azeite de palma (mais tamén: óleo de palma).
Eu coidaba, erradamente, que a supremacía
do arabismo sobre a forma romance se debía á contaminación semántica do
castelán, dada a completa coincidencia de significados en ambos os idiomas e a
manifesta discrepancia co portugués. Mais a procura de usos medievais
desenganoume categóricamente. No galego medieval xa está perfeitamente
documentado o maior uso de “aceite” sobre “óleo”, rexistrado só en dúas
ocasións nos s. XIV e s. XV (de trjgo,
vyño et de oleo – Xeral Historia) e variante minoritaria fronte a “olio/olios”, rexistrada en once ocasións: 1 no s.
XIII, 4 no s. XIV e 6 no s. XV (et nõ
entrã en elas senõ olio de basmo ou de mirto – Miragres de Santiago; de trjgo, de vyño, et de olio – Xeral
Historia; et mesturado con olio ou con
uinagre forte – Tratado de Albeitaría), e en menor medida, “oyo/oyos” con perda do –L– intervocálico, rexistrado
no s. XIII en seis ocasións (sse fezesse
carne e manass’oyo, a queimar oyo
d’oliva nas lampadas – Cantigas de Sta. María).
Pola contra, “aceite” rexístrase en 66
ocasións baixo diferentes formas gráficas: azeyte
(21 aparicións), azeite (19), aseite/aseites (16), aceyte (4), aseyte (3),
açeyte (2) e aceite (1). Ex.: de sevo,
nen d’azeyte nen de teas – Cantigas de Sta. María, s. XIII; cinquaenta ssoldos para aceyte para a lampaa
– testamento, s. XIV; hũa libra d’azeite
– Testamento, s. XV; este emprasto mollao
con azeite arredor – Tratado de Albeitaría, s. XV; et una mea de aceite para o lume – Testamento, s. XV; etc.
Por tanto, parece evidente que o uso
que describe o dicionario da RAG para “aceite” e “óleo” correspóndese non só co
emprego normal na nosa lingua actual senón tamén coa práctica maioritaria na
lingua medieval.
No hay comentarios:
Publicar un comentario