miércoles, 1 de noviembre de 2017

ATA ou ATÉ

A preposición “ata/até” provén do árabe “hattá”, tanto na nosa lingua coma nas demais linguas hispanorromances occidentais, as orientais usan outras formas, mais ningunha procede da máis usual en latín: usque/usque ad. Así:

O castelán actual ten a forma “hasta”. Ex.: Me voy hasta Burgos. Mais a súa forma medieval era “fasta/fata”. Ex.: Vinieron fasta cien mill omnes; alli estouo la duenna fasta nueve años; del Oceano fasta la otra mar; desde que salio dAffrica fasta que y torno; del menor fasta el mayor.

O asturiano e o leonés usan tamén “hasta”, pois hoxe a forma “fasta” é puramete literaria; mais ambas as formas son admitidas pola Academia de la Llingua Asturiana. Ex.: Voi hasta Xixón. Pola contra, o mirandés adoptou a forma portuguesa “até”, coa variante: “anté”. Ex.: Bou até/anté Sendin. O asturiano tamén ten a forma “deica/dica”, procedente de “d’equí a”.

O portugués usa a forma “até”. Mais úsaa seguida da prep. “a” cando precede o artigo determinado co que contrae, sobre todo en Portugal, no resto dos casos non leva esta preposición. Ex.:, Vou até ao Porto; os românticos amavam até á morte; foi até ás duas igrejas; mais: Viajou até Paris; não chegará até Janeiro; esperei até tu vires.

Mentres que en galego se admite a forma estándar portuguesa “até” xunto coa preferida “ata”. Ex.: Vou ata/até Lugo. Tamén se usa a forma “deica”, coma en asturiano ou aragonés, mais cun senso máis restrinxido ca “ata”. Ex: Vou deica Lugo = Vou de aquí a Lugo.

Porén no aragonés a forma estándar é “dica”, procedente da expresión: “de aquí a”, coma as usadas en galego e asturiano. Ex.: Me’n boi dica Chaca (Vou ata Xaca); Ixe cambión circula dica Uesca; dica lo domingo. O termo estándar foi substituído na fala de moitos sitios polo castelanismo “hasta”, e ademais existen as variantes locais “basta” e “anda”. Nos textos medievais usábanse as formas: tro (a), entro (a) e fins (a); que enlazan o aragonés co catalán e o occitano.

O catalán utiliza “fins/fins a”, procedente do latín “fine” coa adición dun –S adverbial. Ex.: Me’n vaig fins a Girona (Vou ata Xirona). O catalán antigo tamén usou as formas “entro” e ”tro”, procedentes do latín “intro”, aínda vixentes no occitano.

E no aranés están “entò”, cun uso basicamente literario, quizais procedente do latín “intro”; e a máis frecuente: “enquia/denquia”, co senso de “de aquí a” e procedente do latín: de hinc ad. Ex.: Me’n vau enquia/denquia Vielha (Vou ata Viella). No occitano referencial usánse as formas: fins (a), d’aquí (a), entrò (a) e dusca (a).

            Historicamente a preposición agora estandarizada é a única patrimonial galega, con varias variantes, cando menos na súa escrita (ata, atá, ataa, atra, ate, até, atee), mais nos “Séculos Escuros” foi substituída pola do propia do castelán moderno “hasta”, por veces con adaptación de R epéntico: “hastra” (tamén: estra/hestra), que ten o seu antecedente na forma patrimonial medieval “atra”. Durante o período decimonónico, mercé ao ocorrido nos séculos anteriores, unicamente se usan as formas “hasta” e “hastra/astra”. Así a primeira gramática galega, a de Saco y Arce en 1868, só recolle a forma castelá con R epéntico: hastra. Mais en 1931 a gramática de M. Lugrís Freire xa recolle a forma “ata”, xunto con “hasta” e “deica”, e en 1979, na súa sétima edición, a gramática de Carballo Calero dá preferencia ao lusismo “até” e recolle como formas en uso: ata, atá, atra, fasta, fastra e astra. Hoxe o castelanismo (h)asta é practicamente a única forma da fala popular, como se pode ver no Atlas Lingüístico Galego (Vol.II: Morfoloxía non Verbal), onde a finais do século pasado dominaba claramente en todo o territorio, fóra dalgúns puntos, maiormente na provincia da Coruña onde aparece a forma con R epéntico: (h)astra; e tres puntos coas variantes do castelanismo: esta, estra e a arcaica ata, esta última no Berzo, xa preto da raia co leonés. Esta preposición castelá, aínda que rexeitada pola normativa estándar galega, é asumida plenamente, non obstante, pola normativa do “gallego-asturiano” da Academia de la Llingua Asturiana.

            Entre as formas usadas durante a Idade Media destaca claramente unha sobre as demais: ata. Consultando o TMILG (Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega) comprobamos o númerode rexistros das diferentes formas e variantes escritas. Se as ordenamos dende a que ten o menor número de rexistros ata a que ten o maior quedan desta maneira:

Forma ATA: aata (1), atá (24), ataa (96) e ata (1981). Non soamente é a que máis veces se rexistra, senón que tamén é a única que o fai dende o s.XII (atá) ata o s.XVI (ata). Ademais, “ata” tamén supera en rexistros as demais formas durante os s.XIII (588), XIV (945) e XV (446), sendo só menos usada no castelanizado s.XVI fronte ao castealismo “fasta”. Fronte á variante “atá”, que é moi minoritaria; Ex.: Que a sençades ben atá o cuu; e a variante “ataa”, que se atopa fundamentalmente no “Tratado de Albeitaría”, Ex.: Gardem a chaga dagoa ataa que seia soldada; “ata” aparece en moitos e moi diferentes textos, Ex.: Non pode entrar na egreja ata que sse confessou.

Forma ATRA: atroen (1), atro (3), troes (3), tro (5), atroes (10) e atra (22). Todas as variantes son do s.XIII, fóra de dous rexistros de “atra” no s.XIV; polo que esta forma con R epéntico xa desapareceu probabelmente no s.XIV. Ex.: Seia maldito atra sitima geeraçon; faran in esse mosteyro d Orseyra atroes a fim.

Forma ATÉ: atee (1), ates (1), tee (2), até (5), atees (7) e ate (12). Esta forma estándar portuguesa, hoxe admitida como estándar galega xunto con “ata”, é con diferenza a menos rexistrada, principalmente nos s.XIII e XIV, nos textos antigos. Curiosamente as variantes “ate” e “atees” rexístranse máis veces que a forma estándar portuguesa. Ex.: Todo segundo que llas foron gardadas atees aquí; e a estrela os guyou ate ena terra dos judeus.

Forma FASTA/HASTA: fata (1), hasta (8), asta (31) e fasta (571). O castelanismo medieval “fasta” xa se rexistra dende o s.XIII, pero maioritariamente nuns textos moi concretos: os Foros de Castelo Rodrigo (s.XIII), Ex.: E ho termino fasta tercer dia; e a Historia Troiana (s.XIV), Ex.: Des que Rroma foy feyta fasta que Ihesu Christo nasçeu. Pertencendo a maioría dos seus rexistros ao s.XV (362) e ao s.XVI (16). Mentres que a forma moderna “(ha)sta” se rexistran maioritariamente no s.XV (26 sen H e 8 con H) en textos moi castelanizados. Ex.: Comenzan encima da vila asta o outeiro; asi de una como en otra asta a postrimera; outras mandas que fece hasta este presente dia. As formas con R epéntico non se rexistran nos textos antigos.

            Semella evidente segundo os datos que a preferencia do estándar académico pola forma “ata” está plenamente xustificada pola súa difusión no galego medieval, mentres que a inclusión da forma “até” soamente se xustifica por ser a propia do portugués, como concesión ao movemento reintegracionista.

            Convén non esquecer que a preposición “deica”, xurdida da frase: “de eiquí a”, como se ve na súa orixe indica un punto de partida implícito (aquí e agora –por ampliación semántica–), xa que logo, non pode ser usada como sinónima de “ata/até” e si en todas as ocasións en que esa idea de “dende aquí” ou “dende agora” estea presente. Ex.: Deica logo!; deica a Compostela hai uns 50 quilómetros; sabes que deica o vindeiro luns é unha semana; é a miña decisión deica sempre etc.

2 comentarios:

  1. Moi interesante o artigo, mais en Filoloxía na UDC explicáronnos que a forma preferida para a calidade lingüística é "até" (non podo ampliar a explicación porque xa pasou un tempo).

    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  2. Descoñecía o dato que me ofrece e, xaora, o motivo, dado que a RAG dá clara preferencia á forma "ata", a máis usada historicamente en Galiza, sobre "até", forma estándar do portugués, apenas usada con frecuencia ata tempos recentes. Con todo, ambas as dúas son admitidas como formas correctas e é privilexio do falante/escritor escoller a que usar.

    Un saúdo e beizón por seguir este blogue.

    ResponderEliminar