sábado, 23 de septiembre de 2017

De illas e insuas

Segundo o dicionario da RAG, unha illa é “unha porción de terra rodeada de auga por todas as partes”, mentres que unha insua é “unha pequena illa nun río”, xa que logo, no galego estándar hai diferenza semántica entre ambas as palabras, xa que unha insua é sempre unha illa pero non o contrario. Mais en realidade non sempre foi así.

            Se procuramos a palabra principal: illa, e as súas variantes posíbeis, no TMILG (Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega), non atoparemos ningún rexistro, é dicir, o galego medieval descoñecía esta palabra; lóxico, xa que se trata dun lusismo contemporáneo, posibelmente entrado no galego literario do s.XX, para substituír o castelanismo “isla” no galego popular, que desprazou na lingua falada case totalmente o termo patrimonial descendente do latín “insula”: > insua/insoa.

            Mais se procuramos a segunda: insua, coas súas variantes posíbeis, comprobamos que este era o único termo para designar “unha porción de terra rodeada de auga por todas as partes”, aparecendo tanto na lírica coma na prosa notarial, literaria ou relixiosa, así: ynsoa/ýnsoa/ynsõa rexístrase 34 veces entre o s.XIV e o s.XV, sobre todo como apelido e topónimo, mais tamén aparece como substantivo (Ex.: noso moyno da Pereyra con sua ynsoa por hu ven o agoa...; conquereu aquela gente tã brava da ynsoa de Ponço...); insoa/ínsoa rexístrase 17 veces, dende o s.XIII ao s.XV, tamén como apelido e topónimo maioritariamente pero sen descoñecer o seu uso como substantivo (Ex.: Lançaroth quando estava na insoa da Lidiça); inssoa rexístrase 7 veces do s.XIII ao s.XIV e maioritariamente como apelido e topónimo pero tamén como substantivo (Ex.: Cezilla é hua inssoa de mar rica e viçosa); jnsoa rexístrase 4 veces no s.XIV como substantivo (Ex.: trouxo da jnsoa de Bardom dez naves...); insua/ínsua rexístrase 5 veces nos s.XIV e XV como apelido e topónimo; e ynsua 1 vez no s.XIV como apelido. Como se ve a forma “insoa” é claramente maioritaria fronte a “insua”, mais esta é a única que chega ata a nosa época como topónimo, apelido e substantivo.

            Se tamén procuramos a palabra: isla e as súas posíbeis variantes, vemos que xa se rexistra unha vez como “jsla” no s.XIII (Ex.: et meteuse ena jsla do mar) e 34 como “ysla”, unha vez no s.XIII na “Crónica Xeral e Crónica de Castela” e o resto no s.XIV, basicamente na “Xeral Historia” (1300-30) e, sobre todo, na “Historia Troiana” (1350-99) (Ex.: et ajnda foy rrey desta meesma ysla de Creta). Mais parece evidente que se trata dun castelanismo porque aparece nuns textos moi concretos, traducións de versións castelás, e non aparece como topónimo nin como apelido no territorio galego-portugués.

            Mentres que o topónimo “Insua”, denomina en Galiza cinco parroquias e 19 lugares; co artigo en singular: “A Insua”, unha parroquia e 24 lugares; e co artigo en plural: “As Insuas”, dous lugares. Nin “Isla” nin “Illa” aparecen como nomes de poboación ningunha da nosa terra. Ademais, “insua” tamén é topónimo portugués, aínda que parece que menos abundantemente ca entre nós, así hai unha freguesía do concelho de Penalva do Castelo, distrito de Viseu, con este nome.

            Porén, como a palabra foi desprazada, tanto polo estranxeirismo “ilha” en Portugal coma polo castelanismo “isla” en Galiza, existen algúns casos de tautoponimia, ou toponimia en que se repite o mesmo concepto pola perda de significado dunha das palabras (Ex.: Era val d’Aran = o val de Val), en ambos os países, como: “Ilha Ínsua”, pequena insua na foz do Miño cun forte ocupando case a súa enteira superficie, pertencente ao concelho de Caminha; “Illa Penedo da Insua”, preto de Ribadeo; e “Illa da Insua da Area”, illote na Ría de Viveiro. E mesmo algún caso de vixencia do seu significado como en “A Insua Bela”, pequena illa ao norte da illa de Sálvora.

            Curiosamente “insua” procede do latín culto “insula”, mentres que no latín popular “isula”está a orixe da maior parte das denominacións romances: “isula” en corso, “isola” en italiano, “isla” en castelán, “islla” en asturiano, “illa/ilha” en catalán e occitano, e “île” en francés; soamente o romanés conserva a forma orixinal: “insula”.

            A actual forma estándar galega procede do portugués: “ilha”, á súa vez tomado do catalán/occitano. E é no portugués onde máis derivados xerou este neoloxismo: o verbo “ilhar” (aínda que se prefere o galicismo “isolar” (< isoler) para o mesmo concepto, que á súa vez xerou os derivados: isolação ou isolamento e isolacionismo); os substantivos “ilhota”, “ilhote”, “ilheta” e “ilhéu” (todos sinónimos do concepto “illa pequena” pero con máis uso o primeiro); e os adxectivos e substantivos “ilhéu” (m) e “ilhoa” (f) para indicar: relativo a ilha e natural de uma ilha. Pola contra, o galego só xerou o verbo “illar” (= separar de todo algo do resto), cos seus derivados: illamento, illante, illador, illábel etc., e o substantivo “illote” (= illa pequena). Como adxectivo ou substantivo referente a illa usamos o cultismo “insular”, tamén existente en portugués como adxectivo, pero ademais úsase como verbo co concepto de “transformar en illa”.

            Por último, hai illotes no mar que máis ca pequenas illas son rochas ou unha morea de rochas. Cando é alta e sobresae moito, mesmo na preamar, recibe o nome de: farallón, do italiano “faraglione”, mais en portugués a segunda vogal mudou dando: farelhão ou farilhão; mais se non destaca moito, por veces só cando baixa o mar, e está preto da costa, denomínase: con; e se está á flor da auga ou somerxida a pouca profundidade, sendo moi perigosa para os barcos, chámase: escollo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario