Os galegos
adoitamos confundir os nomes correctos dos puntos cardinais mercé á
interferencia do castelán, que á súa vez presenta algunhas dúbidas na súa denominación,
dado que formas como: noreste, sureste e suroeste, aínda que admitidas, remiten ás formas con D no
dicionario normativo da RAE; así os puntos se nomean en castelán comezando polo
setentrión e seguindo o senso das agullas do reloxo como: norte, nordeste,
este, sudeste, sur, sudoeste, oeste e noroeste.
Tamén o portugués prefire o D, xa
que soamente usa o sul nos
xentilicios seguidos de guión: sul-americano, sul-africano, sul-asiático ou
sul-coreano. Por tanto os puntos cardinais neste idioma son: norte, nordeste,
leste, sudeste, sul, sudoeste, oeste e noroeste. A variantes este e sueste, aínda que recollidas nos dicionarios remiten sempre ás
formas correspondentes antes ditas.
Pola contra o galego estándar
prefere as formas con R, fóra de dúas excepcións que convén non esquecer, así:
norte, nordés, leste, sueste, sur, suroeste, oeste e noroeste. O dicionario da
RAG recolle a variante “nordeste”, pero remitindo para “nordés”; e o Gran
Dicionario Xerais da Lingua recolle como variantes: “noreste”, remitindo para nordés ou nordeste, “norueste” que remite a noroeste, “sudeste” que remite a sueste, e condena as formas: “norde”, “este”, “sul”, “suleste” e
“sureste”, e “sudoeste”.
E debemos saber que os seus símbolos
se poden usar segundo a forma galega (a que vai primeiro nas formas duplas) ou
a forma internacional (a que vai segunda): N (norte), NL ou NE (nordés), L ou E
(leste), SL ou SE (sueste), S (sur), SO ou SW (suroeste), O ou W (oeste) e NO
ou NW (noroeste).
A orixe destas palabras está nas
falas xermánicas e a súa adopción polas linguas romances fíxose a través do
francés, o idioma con máis prestixio do período medieval. Nurtha
> north > fr. nord, austra > ost/east > fr. est, suth > fr. sud
e west > fr. ouest; en francés actual os puntos cardinais son: nord,
nord-est, est, sud-est, sud, sud-ouest, ouest e nord-ouest. Nótese que o italiano apenas fixo
unha adaptación fonética das palabras francesas: nord, nord-est, est, sud-est,
sud, sud-ovest, ovest e nort-ovest. Como igualmente o catalán: nord, nord-est,
est, sud-est, sud, sud-oest, oest e nord-oest; e o occitano: nòrd, nòrd-èst,
èst, sud-èst, sud, sud-oèst, oèst e nòrd-oèst. E que a diferenza coas linguas
xermánicas é mínima ou inexistente, así o noruegués: nord, nordøst, øst,
sørost, sør, sørvest, vest e nordvest; o inglés: north, northeast, east,
southeast, south, southwest, west e northwest; ou o alemán: norden, nordost,
osten, südost, süden, südwest, westen e nordwest.
Porén antes de que estes xermanismos
entrasen no galego e no resto das linguas romances había outras palabras para
denominar os puntos cardinais, que afortunadamente seguen a se usar como
perfeitos sinónimos: setentrión e
(zona, rexión, etc.) boreal para o
norte; oriente e levante para o leste; meridión
e (zona, rexión, etc.) austral para o
sur; e occidente e poñente para o oeste. E mesmo o pobo
creou algúns outros como: nacente e raiante para o leste. “Setentrión” ten
un uso marcadamente literario, así como os adxectivos “boreal” e “austral”,
mentres que “meridión” non está recollido por ningún dicionario galego nin
portugués (que tamén admite “merídio” como adxectivo sinónimo de “meridional”) pero
si polos dicionarios casteláns. Parece unha incoherencia admitir “setentrión” e
o seu adxectivo derivado “setentrional” pero non “meridión” e si o seu
adxectivo derivado “meridional”. Mais non se debe esquecer que até hai ben
pouco a RAG non admitía a palabra “xove” pero si “xuvenil” e “xuventude”, polo
que non desespero dunha futura emenda ao respecto.
Ademais das desviacións por
castelanismos, convén facer fincapé en dúas incorreccións nada castelanistas: o
hiperenxebrismo norde e o “lusismo”
sul. O primeiro xorde sobre unha base real: a sonorización do T (mudanza do T
en D) nas palabras “nordés”, “nordesía” e “nórdico”, e a ideoloxía do
diferencialismo lingüístico como reacción á castelanización do idioma, polo que
a palabra atinxiu certa fortuna no galego literario de inicios do s.XX (ex.:
Álvaro Cunqueiro - Mar ao norde, 1932), chegando mesmo até case finais do mesmo
século; hoxe parece unha palabra totalmente desterrada da lingua literaria.
Mentres que o “lusismo” sul, comeza
a aparecer máis notoriamente cando o portugués principia a ser un modelo para a
lingua literaria. A fronteira entre lusismo e arcaísmo é moi feble e moitas
veces se califican como lusismos auténticos arcaísmos, mais hai unha
comprobación que non adoita deixar lugar á dúbida: a verificación documental da
palabra cuestionada no léxico medieval e neste caso a única palabra que se
documenta nos textos galegos medievais é “sur”. Con todo, “sul” aparece xa no
dicionario de Valladares Núñez (1884), e despois noutros varios dicionarios e
mesmo no Glosario de Voces Galegas de
Hoxe de Constantino García (1985), como variante de “sur”; xa que logo, trataríase
máis dun dialectalismo ca dun lusismo e como é a única opción que contempla o
reintegracionismo, agoiro que a palabra seguirá aparecendo en textos ao norte
do Miño.
No hay comentarios:
Publicar un comentario