Como ben sabemos o reintegracionismo reivindica a adopción
da ortografía portuguesa para o galego, mais unha adopción sen unha adaptación
produce erros, ao meu ver. O caso do mirandés, fala asturleonesa do extremo nordés
portugués e cooficial na súa zona de uso, é paradigmático do que supón unha
adaptación da ortografía portuguesa que queira respectar a idiosincrasia da
fala que se quer escribir.
Resulta
lóxico entender que a escasa tradición literaria do mirandés, antes da
normativización ortográfica actual, se fixera usando a ortografía portuguesa –a
única que coñecían os alfabetizados da zona–, sen ter apenas en conta os textos
existentes nas demais variantes da lingua asturleonesa á que pertence esta
fala.
A Convenção Ortográfica da Língua Mirandesa,
oficial para a escrita do mirandés e redactada en portugués –onde terei visto
isto antes? –, expresa nos seus Princípios
gerais: “Estando a aprendizagem do
mirandês ligada ao português, a maioria das soluções adoptadas aproxima-se mais
das soluções portuguesas que das espanholas” ; e na Apresentação: “O asturiano
está hoje dotado de uma norma ortográfica flexível, que dá possibilidade de
expressão às suas variedades. Esta norma, contudo, não é adequada à grafia do
mirandês: a pesar de pertencerem ao mesmo continuum lingüístico, os dois
idiomas ocupam extremos opostos do território respectivo, traduzindo-se o seu
afastamento geográfico e o seu alheamento comunicativo em diferenças de fala
bastante significativas, que as normas ortográficas respectivas não podem
ignorar. Estes motivos e outros –como a influência, em pano de fundo, da
ortografia do espanhol e do português– desaconselhavam a procura de uma unidade
de escrita transfronteiriça, de difícil e morosa construção.” Por tanto,
non queda dúbida ningunha das intencións da normativa ortográfica mirandesa:
que a lingua mirandesa quede como idioma rexional portugués, pois este
convértese na única referencia normativa tida en conta –de novo estou ante unha
historia coñecida–.
Na
ortografía das vogais do mirandés vemos que aínda que estas pertencían orixinalmente
ao mesmo sistema ca o resto do asturleonés, igual ca o do castelán ou o do
aragonés: de cinco fonemas e tres graos de abertura, a influencia do portugués
fixo que o mirandés acabase incorporando unha pronuncia que distingue entre
vogais medias abertas e fechadas, aínda que sen carácter fonémico, polo que na
ortografía se representa esta maior ou menor abertura segundo as regras do
portugués: ciêgo, costiêlha, ouxigénio, castiêlho, nuôsso, heirói, muôrte,
tiêrra, chapéu, defrência, fiêrro, puôrta, tiêmpo, fuônte, trés, siête, nuôbe, fuôra,
nó (non (en pausa)), etc.
Tamén
se segue a regra das vogais átonas do portugués, polo que as letras E e O
moitas veces representan os fonemas I e U respectivamente: bestido (pronunciado
como: bistidu), bergonha (birgoña), cebada (sibada), cerrado (sirradu), dezir
(disir), bendima (bindima), centeno (sintenu), etc.; molino (mulinu), coneilho
(cuneillu), lhibro (llibru), etc.
O
sistema consonántico mirandés ten algunhas diferenzas con respecto ao portugués
estándar, sendo a máis rechamante a conservación das sibilantes medievais,
comúns nas linguas medievais galegoportuguesa, asturleonesa e castelá, algo que
só conservan tamén algunhas falas trasmontanas do portugués. Ten, ao igual ca o
portugués, o fonema palatal fricativo xordo escrito con X, coma en galego e
asturiano, (xastre, xordo, xara, baixo, xabon…) e mais o palatal fricativo
sonoro escrito con J e G+E/I, coma en portugués (hoije, jeito, laranjeira, janeiro,
registrar, rejistir…), o alveolar fricativo xordo escrito con S- diante de
vogal ou consoante xorda, -SS- entre vogais e -S tras consoante ou en fin de
sílaba ou palabra (saber, semitério, screbir, scalada, passo, farsa, triste,
ásparo, gustos…) e mais o alveolar fricativo sonoro escrito con S- diante de
consoante sonora e -S- entre vogais (mesmo, smagar, cismar, coser, asa,
eisemplo…); e ademais unha sibilante dental fricativa xorda que escriben con Ç
e C+E/I (çapato, cebada, dieç, caçurro, çquilar, cuçpir, lhuç, paç…) e unha
dental fricativa sonora escrita con Z (cozer, dezena, cozinar, zgusto, rapaza,
dezir, znudar…).
Tamén
hai diferenciación co portugués, e semellanza co galego e o resto do
asturleonés, na existencia do fonema oclusivo palatal xordo, escrito co CH (chama,
chabe, cheno, chober, chubir (subir), borracho…), e na inexistencia do
fricativo labial sonoro ou labiodental, escrito en portugués co V, letra
soamente usada para escribir estranxeirismos pero pronunciada sempre como
bilabial (berde, bida, nobenta, ber, bendima, benir, oubir, etc., pero Vénus,
Varsóvia, vianense, TV, etc.); e co asturleonés no uso do Y, co valor do
semivogal /J/, aínda que soamente nunhas pouquísimas palabras: yê, you, yá,
yêuga (egua), yêrba.
Para
representar a consoante nasal final –N usa, ao igual que nos cultismos en
portugués (hífen, hímen, sêmen, pólen, abdómen, espécimen, sémen, cânon,
elétron, plâncton, líquen, …), o –N: formaçon/formaçones, tambien,
region/regiones, algun/alguns, cun (con), nun (non (diante de forma verbal)/nun
< en+un), nin, quien, pan/panes, en/an, eimigrórun, ten, deixórun, achégan,
afástan, son, stan, etc. Con todo, a pronuncia actual é a dunha vogal nasal sen
consoante por influencia da pronuncia portuguesa, do mesmo que xeito que o
galego desnasalizou as súas vogais por influencia do castelán.
Como se
ve, aínda que o portugués constitúa case a única referencia normativa na
normativización dun estándar mirandés, non se fai unha adopción sen unha certa
adaptación que respecte a visualización daquelas peculiaridades fonémicas máis
rechamantes do mirandés fronte ao portugués estándar. Tamén na morfoloxía se
visualizan certas peculiaridades desta fala asturleonesa tan influída
historicamente polo portugués, como á súa vez o asturiano e mais o leonés o
están polo castelán –e tamén o galego–.
Os
artigos determinados toman a forma de la ou
l’(diante de vogal)/las para o
feminino e l/ls para o masculino,
sendo esta representación do artigo masculino verdadeiramente unha solución
insólita dentro do contexto das linguas romances ibéricas. Xustifícase esta
grafía tan peculiar beseándose na pronuncia velarizada deste artigo que se
apoia na palabra que o segue ou na que o precede. E os indeterminados
escríbense con un/uns para o
masculino e ûa/ûas (con til como o do
ñ) para o feminino, sendo esta palabra a única do mirandés que leva til, para
representar a pronuncia en hiato ou nasal velar do artigo indeterminado
feminino; nótese que no segundo caso se está a falar da mesma pronuncia común
do artigo indeterminado galego que na normativa estándar se representa como
“unha/unhas”, na reintegracionista como “umha/umhas” e na eonaviega como “úa/úas”,
cando se pronuncia como hiato e igual ca en estándar galego se se pronuncia
como nasal velar.
Malia
que o mirandés fai frecuentes elisións, coma o resto do asturleonés, o uso do
apóstrofo, aínda que admitido, é claramente desaconsellado, dado que o estándar
portugués non o utiliza fóra dalgunhas mínimas excepcións (cobra-d’água,
galinha-d’água, pau-d’óleo, estrela-d’alva…). Así que as elisións fonéticas
habituais: en, me, de, que, desde, çque, se, la+vogal; non se representan na
escrita, seguindo o modelo de pronuncia portuguesa. Con todo hai excepcións
sendo normativo en: la + diante de vogal > l’ (ex.: l’aire); bint’i un,
bint’i uito, etc.; e hai tamén algunhas contracións que sempre se escriben
xuntas como: al/als; cul(s)(cula(s); del, deilhes/deilha(s); nun(s)/nûa(s); pul(s)/pula(s);
mentres que noutros casos existe, coma en portugués, a opción de representar a
contración ou non, como: cul(s)/cula(s) ou cun l(s)/cun la(s); cun un(s)/cun
ûa(s) ou c’un,cuns/cûa(s) –nótese que só se escribe con apóstrofo a forma
masculina en singular para se diferenciar da preposición “cun”–; de un(s)/de ûa(s)
ou dun(s)/dûa(s).
Tamén o
mirandés ten, coma o resto do asturleonés, a posición enclítica ou posverbal como
normal nos pronomes átonos e seguindo o modelo portugués únense ao verbo
mediante o guión ou hífen (dá-me-lo, pido-te-la,
deste-le ls lhibros, nun mos-lo dezirá, etc.), mentres que pola contra o
asturiano (dámelu, pídotela, dísti-y los llibros, nun noslo dirá, etc. )ou o
leonés –e o galego normativo– fano sen guión –fóra do pronome indirecto de
terceira persoa “-y/-yos” (lle/lles) que sempre o leva ao ir unido á palabra anterior–, segundo o
modelo castelán, onde o uso do pronome enclítico é moi minoritario.
Co
visto anteriormente poderiamos tirar algunhas conclusións sobre como se podería
adaptar a ortografía portuguesa, por exemplo, á nosa lingua. Convén recordar
que o reintegracionismo non fixo unha adaptación desta ortografía, senón
basicamente unha simple adopción.
No hay comentarios:
Publicar un comentario