martes, 13 de noviembre de 2012

A nomenclatura nas especies exóticas


Existen varias guías sobre as especies animais ou vexetais de Galiza, onde se inclúen as denominacións propostas como estándares, e xa que logo, calquera persoa pode botar man destas guías para saber como denominar unha ou outra especie concreta, mais cando a especie é de fóra, e por tanto carece dunha denominación específica galega, cal é a solución?
            Até agora o recurso fácil foi usar a denominación castelá, contribuíndo máis unha vez á dialectalización do galego, mercé á inxente introdución de léxico español. Mais é iso unha solución? Coido que existen outras posibilidades: primeira, adaptar o léxico portugués no canto do español; segunda, unha vía autónoma baseada na propia adaptación das palabras indíxenas que denominan estas especies no seu hábitat natural; e terceira, adaptar os cultismos que denominan estas especies na súa denominación científica, tal como adoitan facer moitas veces as linguas europeas.
            Examinemos as diferentes posibilidades no ámbito da fauna americana, por exemplo, que inclúe dúas ecozonas, a neártica –moi parecida á nosa- ao norte e a neotropical ao sur, dado que unha gran parte dela ten denominación popular brasileira.
            Loxicamente existen moitas especies –de facto as máis coñecidas- que teñen un nome universal ou case, pois pasou dunhas linguas a outras, e que por tanto non ofrecen problema ningún porque o galego non ten máis que adoptar ou adaptar o vocábulo, por exemplo:
Cynomys spp.: esp.: perrito de las praderas; por.: cão-da-pradaria; ing.: prairie dog; fra.: chien de prairie; ita.: cane della prateria; cat.: gosset de les praderies; ale.: präriehunde. Por tanto, gal.: can/canciño da pradaría.
Puma concolor: a palabra que dá nome ao xénero e á especie, de orixe quechua e estendida polo mundo a través do español, é case universal con algunhas pouquísimas excepcións, todas americanas: por.: suçuarana; ing.: cougar; náhuatl: miztli; navajo: náshdóítsoh; mapuche: pangui; etc.
O tucano, que engloba varias especies, palabra de orixe tupí (“tukana”) que por meio do portugués pasou ao resto dos idiomas: esp.: tucán; cat.: tucà; ita.: tucano; ing. e fra.: toucan; ale.: tukan. Nótese que neste caso o galego foi á fonte, o portugués, e desbotou a adopción da adaptación castelá.
Este padrón dun nome dunha lingua indíxena que através do español, o portugués ou o inglés, maioritariamente, pasa ao resto das linguas é case o paradigma xeral, onde son poucas as linguas occidentais que se desvían, e ocorre con especies tan coñecidas como: anaconda, ale.: anakonda, mais port.: sucuri (preferido a anaconda, palabra estranxeira de orixe cingalesa); mara (ou lebre da Patagonia); puma, mais ing.: cougar e por.: sagaçurana; iguana, mais ale.: leguan; capibara, por.: capivara e ing., ale. e fra.: capybara, mais en esp. tamén se usa moito: carpincho e chigüire; boa, mais en por.: jiboia; lemming, mais o por. adáptao como: lemingue/lêmingue; ibis, por.: íbis; quetzal; oso formigueiro, esp.: oso hormiguero, cat.: ós formiguer, ale.: ameisenbär, mais ing.: anteater, fra.: tamanoir e fourmilier géant, ita.: formichiere gigante, por.: tamanduá-bandeira; colibrí, tamén en español (xunto con “picaflor” e “pájaro mosca”) e catalán, por.: colibri e beija-flor, fra.: colibri e oiseau-mouche, ita.: colibrì, ale.: kolibri, mais ing.: hummingbird (paxaro zoador); coiote, tamén en por., pero esp., fra., ing., e ita.: coyote, cat.: coiot, e ale.: kojote; tapir, como en esp., cat., ing., ale.,e fra., pero ita.: tapiro e por.: anta; xaguar, en esp., cat., ale., fra., e ing.: jaguar e o italiano adapta a palabra como: guiaguaro, mais en portugués preférese o termo “onça-pintada”, aínda que “yagwar” sexa unha palabra tupí, usándose o termo “onça-preta” para os exemplares melánicos da mesma especie; llama, como en esp., cat., ing., e por. brasileiro (lhama) pero por. europeu, fra., ita., e ale.: lama; guanaco, como en case todas as linguas, pero ale.: guanako e cat.; guanac; vicuña, como en esp. e ing. do quechua “wikuña”, pero que se adapta en por.: vicunha, en cat.: vicunya, en fra.: vigogne, en ita.: vigonga e en ale.: vikunja; alpaca, que se mantén así nas demais linguas menos en fra.: alpaga e en ale.: alpaka; coatí, como en esp., e cat., pero fra., e ing.: coati, e por.: quati, porén ale.: nasenbär (oso narigón); manatí, como en esp., e cat., ale.: manati, ing.: manatee, pero fra.: lamantin e ita.: lamantino, mentres que o portugués prefere a denominación: peixe-boi á de manati; pingüín, adaptado en por.: pinguim, en esp.: pingüíno, en cat.: pingüí, en ita.: pingüino, en ing.: penguin, e en ale: pinguine, con todo, o francés usa o termo: manchot, deixando o termo: pingouin, para e especie “petit pingouin” (Alca torda), en galego: arao romeiro ou carolo, porque en orixe esta palabra britónica (pen gwen = cabeza branca) designaba a especie “Pinguinus impennis”, propia do Atlántico norte e extinguida en 1844, e foi o seu parecido coas aves da familia Spheniscidae a que levou aos ingleses a lles aplicar o mesmo nome; tamanduá (< tupí. Tamanduá) é unha adaptación directa a través do por.: tamanduá-mirim (“mirim” significa “pequeno”), esp.,  ing., fra., ale., ita.: tamandua, e cat.: tamàndua; ocelote, como en esp. do náhuatl “océlotl”, pero “ocelot” en fra., ing., cat., e ita., e “ozelot” en ale., desviándose a denominación portuguesa de orixe tupí: “jaguatirica” (onza que foxe); pecarí, como en esp., é o nome máis difundido, dando cat.: pècari, fra.: pécari, ita.: pecari, ing.: peccary, e ale.: pekari, pola contra o portugués denomina “caititu” á especie “Pecari tajacu” e “queixada” á “Tayassu pecari”; crótalo ou serpe de cascabel, chamada “serpiente de cascabel” ou simplemente “cascabel” en esp, “cascavel” en por., “cròtal” ou “serp de cascavell” en cat., “crotale” en fra., “crotalo” en ita., “rattlesnake” en ing., e “Klapperschlange” en ale.; mofeta, palabra do orixe italiano (moffetta) a través do esp.: mofeta, adoptada tamén polo cat.: mofeta, e polo fra.: moufette, mentres que en ing., e ale. se lles denomina “skunk”, e o portugués usa dous indixenismos: cangambá para a especie neártica (Mephistis mephistis) e jaritataca para a especie brasileira moi semellante (Conepatus semistriatus), chamada “mofeta bilistada” en español; tatú ou armadillo, pois ambos os nomes veñen no dicionario, aínda que o castelanismo é o vocábulo usado en ita., ing., e cat., e o termo tupí en por.: tatu, e en fra.: tatou, pero o alemán crea: gürteltier (algo así como “becho con cinto”); albatros é o nome xeral das aves da familia Diomedeidae, usado en cat., fra., ale., e así recollen tamén os dicionarios e guías de aves galegos, xa que o termo procede do inglés “albatross”, aínda que en orixe fose unha palabra portuguesa, alcatraz, mesturada con outra, albo, con todo modernamente o portugués adaptou esta palabra inglesa como: “albatroz”, con pronuncia oxítona e plural regular, e o italiano como: “albatro”, mais lamentabelmente en galego non se sigue o coherente exemplo portugués; etc.
            Mais existen tamén notábeis excepcións:
Así ás aves da familia Cathartidae, coñecidos como voitres americanos aínda que nada teñan que ver cos voitres do Vello Mundo fóra da súa mesma especialización alimenticia, algunhas linguas como o inglés, o alemán, o neerlandés ou o italiano optaron por aproveitar este parecido para denominalas: vultur, geier, gier, avvoltoio (o italiano fai unha excepción coa especie “Coragyps atratus”: urubù), agás coas dúas especies máis grandes (Vultur gryphus e Gymnogyps californianus) onde adoptaron o vocábulo xeral proveniente da lingua quechua: kúntur (condor, kondor, condor, condor), como fixeron todas as demais linguas: cóndor (español, catalán), condor (portugués, francés). Os dicionarios galegos recollen a forma paroxítona. Con todo, algunhas linguas tomaron palabras nativas para as cinco especies dos xéneros Cathartes, Sarcoramphus e Coragyps, que no portugués reciben a denominación xeral de “urubu”, palabra orixinaria do tupí, que tamén pasou ao francés coa soa excepción da especie “Sarcoramphus papa” para a que adaptou o seu nome latino: Sarcoramphe (o “urubu-rei” brasileiro); mentres que en español hai varios nomes segundo as zonas: zopilote (México e Centroamérica), gallinazo (Colombia, Perú e Ecuador), zamuro (Venezuela), Aura (Caribe e zonas de Suramérica) e jote (Arxentina,Uruguai e Chile), son os máis frecuentes. Curiosamente o catalán fai unha escolma destes nomes populares e aplica “aura” para as especies do xénero Cathartes, “urubú” para Coragyps atratus e “rei dels zopilots” para Sarcoramphus papa. Os dicionarios galegos recollen “urubú” e “zopilote” como sinónimos. Parece lóxico que o galego siga o modelo portugués, sinxelo.
A maior serpe velenosa de América do Sur (Lachesis muta) recibe o nome de “surucucu” en portugués, mentres que ten varios en español: serpiente de cascabel muda en España, shushupe en Perú, verrugosa en Colombia, Cuaima en Venezuela ou Pucarara en Bolivia. Na Güiana francesa é chamada “grage grands carreaux” pero tamén o francés usa “maître de la brousse”, en inglés: “South American bushmaster”, e en alemán: “Südamerikanische Buschmeister”, en catalán: “serp cascavell muda”, e en italiano: “terrori dei boschi” e “crotalo muto”. Parece evidente que adoptar o termo portugués é o máis sinxelo e sensato: surucucú.
A familia dos Callitrichidae (que inclúe os xéneros: Callibella, Callimico, Callithrix, Cebuella, Leontopithecus, Mico e Saguinus, malia que non haxa unanimidade na denominación científica das especies) son simios pequenos de rabo longo e non prénsil, que reciben en español o nome xeral de “tití” e “tití león” os do xénero Leontopithecus, aínda que se prefire usar o termo “tamarino” para os pertencentes ao xénero Saguinus. En inglés úsase tamén “tamarin” para o xénero Saguinus e “lion tamarin” para o Leontopithecus, usándose a palabra “marmoset” para o resto dos xéneros,  en francés a palabra xeral é “ouistiti” coas excepcións de “tamarin” para Saguinus, o cultismo “callimico” para callimico e “petit singe-lion” para Leontopithecus, e o italiano segue case o seu exemplo con “uistitì” como nome xeral e as excepcións de “tamarino” para Saguinus e Callimico e “leontocebo” para Leontopithecus. O alemán tamén usa “tamarin” para Saguinus e callimico e compostos como: “büschelaffe”, “seidenäffchen” e “löwenäffchen” para o resto, e o portugués usa “sagui” como termo xeral e “mico-leão” para Leontopithecus. Os dicionarios galegos inclúen a palabra “tití”, tomada do caastelán e sen moitas concrecións terminolóxicas; e mesmo o catalán parece seguir este modelo. Para min é evidente que o único modelo plausíbel é o portugués, tomando saguí como termo xeral e mico león para o xénero Leontophitecus.
Non habendo un nome galego para os mamíferos folívoros, chamados “perezoso” en español, “peresós” en catalán, “bradipo”, un cultismo, en italiano, “faultiere” en alemán, “paresseux” en francés, “sloth” en inglés e “bicho-preguiça” en portugués, semella o máis acertado adaptar esta última denominación para o galego: becho preguiza/preguiceiro.
As especies do xénero Procyon teñen diferentes nomes nas nosas linguas ocidentais, como “mapache” en esp., “ós rentador” en cat., e algo parecido en ale.: “waschbär”, aínda que un “procyon” é moi pouco oso, en ing.: “raccoon”, en fra.: “raton laveur”, mais a palabra procede da denominación inglesa, en ita.: o cultismo “procione” e en por. preférese o termo nativo “guaxinim”; xa que logo hai que escoller entre un castelanismo ou un lusismo, e aínda que os dicionarios xa fixeron a súa escolla, mapache, eu prefiro a coherencia lingüística: guaxinín.
Ñandú, palabra de orixe guaraní, é sen dúbida o termo máis espallado: fra.: nandou, ale.: nandu e cat.: nyandú, mesmo existe en por.: nandu/nhandu, aínda que o termo preferido sexa “ema”. O ing. e mais o ita. preferen o cultismo “rhea”. Até que punto é mellor o castelanismo ca o lusismo?
O maior mustélido do mundo, tamén existente no norte de Europa, recibe en español o nome de “glotón” pola súa recoñecida voracidade, ao igual que en francés: “glouton”, ou en portugués: “glutão”, e estas tres linguas usan tamén un nome alternativo de orixe algonquina: carcayú, carcajou ou carcaju. O catalán adaptou o senso da palabra en: “golut”, e o italiano usa dous denominacións: a de orixe romance, “ghiottone”, e a de orixe inglesa, “volverina”, pois en inglés é: “wolverine”, e en alemán unha palabra xermana: “vielfraß”. Dado que o nome científico é “Gulo gulo” e “glotón” é palabra inexistente e innecesaria en galego, non sería insensato adoptar o cultismo “gulo” como denominación propia, pois está palabra relaciónase claramente con “gula”, que si existe en galego.
A familia das Psittacidae (papagaios) inclúe esas aves tan coloridas e de rabos tan longos (xéneros: Ara, Anodorhynchus, Cyanopsitta, Diopsittaca, Orthopsittaca e Primoliu), que reciben o nome xeral de “guacamayo” en español e “guacamai” en catalán, mais ningún en galego. O portugués usa os termos tupís “arara”e “maracanã”, e o inglés utiliza “macaw”, en tanto que o resto das linguas europeas maioritariamente (francés, alemán, italiano, sueco, polaco, ruso, finés, neerlandés, húngaro, danés, checo, etc.) usan o cultismo “ara” como forma xeral; polo que parece claro que o galego debería optar tamén polo uso deste cultismo tan estendido: ara.
Por último, os grandes saurios (orde Crocodylia) están representados en América por especies de dúas das súas tres familias: Crocodylidae e Alligatoridae, ficando fóra os gaviais asiáticos da familia Gavialidae. A maioría das linguas diferencian por nomes comúns entre as dúas familias e dentro da última entre a subfamilia dos Alligatorinae, con dúas especies vivas, unha na China e outra en América do Norte, e a dos Caimaninae , con varias especies en América do Sur e Central; así ocorre para o gal., e por.: crocodilo, fra., e ing.: crocodile, ale.: krokodile, esp.: cocodrilo e cat.: cocodril, todos do grego “krokodeilos” (verme de pedra) a través do latín; para o gal.: aligator, ita., fra., ing., e ale.: alligator, esp.: aligátor e cat.: al.ligàtor, proveniente da pronuncia inglesa das palabras castelás: “el lagarto”, e desviándose unicamente o portugués que lle dá o mesmo nome que usa para os caimáns: jacaré; e para o gal.: caimán, voz taína (kaiman) difundida a través do español: caimán, cat., e ing.: caiman, ale.: kaiman, fra.: caïman e ita.: caimano, mais o portugués usa o termo “jacaré” de orixe tupí (iakaré), que recollen algúns dicionarios pero sen deixar claro que é palabra sinónima de caimán.

No hay comentarios:

Publicar un comentario