miércoles, 23 de noviembre de 2011

Máis traducións

Malia todas as traizóns que poidan producir as traducións é o único modo que temos de nos achegar aos textos escritos noutras linguas; non hai outro. Particularmente sinto unha grande afeizón polas narracións do escritor xaponés Yasunari Kawabata, mais sono grazas ás traducións da súa obra ao castelán, portugués e, mesmo, galego: Primera nieve en el monte Fuji, El rumor de la montaña, Terra de neve, Mil grous, A beleza e a tristeza e A casa das belas adormentadas, entre outras, chegaron a min a través dunha roupaxe mudada. E con todo, a inconfundíbel voz do autor está en cada un dos libros, cos seus temas característicos e o seu estilo vagaroso, meticuloso e reflexivo; en fin, co convencemento de que a inevitábel traizón non se converteu en infidelidade. E pasoume o mesmo con tantos outros libros, para min imprescindíbeis, que ende ben se traduciron á nosa lingua: “Drácula” de Bram Stoker; as narracións de E.A. Poe, por fin completas en galego; “O deserto dos tártaros” de Dino Buzzati; “Don Quixote”; bastante da obra de W. Shakespeare; os relatos de H.P. Lovecraft –no impagábel labor que está a levar Urco editora-; etc.

Por isto, porque as traducións son a ferramenta imprescindíbel para que unha cultura estea no mundo, dando e recibindo, chámame poderosamente a atención a falta dunha política de traducións na nosa cultura, sen unha regularidade nin unha coordinación: hai obras traducidas varias veces mentres que outras, auténticos clásicos da literatura universal, seguen a esperar a súa tradución ao galego. Teño dúas versións de “Té verde” de Sheridan Le Fanu, de “A dilixencia fantasma” de Amelia B. Edwards, de “Lei de vida” de Jack London, de “O príncipe feliz” de Oscar Wilde, de “A venus de Ille” de Prosper Merimée, de “A granxa dos animais” de George Orwell, e a palma lévanlla algúns contos de E.A. Poe; e non obstante aínda non se poden ler na nosa lingua: “Guerra e paz” ou “Ana Karenina” de L. Tolstoi, “David Copperfield” ou “Tempos difíceis” de C. Dickens, “Moby Dick” de H. Melville, “A letra escarlata” de N. Hawthorne, etc.

Porén a pesar destas graves carencias aparecen traducións de obriñas ben menores, que obedecen máis a caprichos persoais ca a outra cousa. Ben, cando non hai subvención polo meio, nada se pode obxectar: cada editor é moi libre de publicar o que considere oportuno; mais cando hai diñeiro público debería primar un incuestionábel interese cultural. Ollo!, non estou a criticar a publicación de obras actuais con suceso ou con recoñecemento, algo imprescindíbel para que o galego non volva ir con retraso no que se fai na literatura mundial, senón que se isto non vai acompañado dun importantísimo labor de tradución de clásicos, coido que andamos a construír o edificio polo tellado.

Ultimamente vexo moi parado o proxecto de traducións de acceso libre en internet da Biblioteca Bivir, un traballo tan necesario para encher ese déficit que non cobren as editoras; descoñezo a razón. Mais non sería factíbel, e tremendamente positivo para a nosa cultura, o compromiso de cincuenta ou cen persoas -os bos e xenerosos que tanto precisa a nosa cultura- dispostas a traducir esa manchea de clásicos aos que aínda lles falta falar en galego, para que no prazo dun ou dous anos se incorporen á biblioteca virtual, sen pedir nada en compensación, bo, nada non, si a inmensa gratitude de todos os galegos que gozarían o seu magnífico traballo a prol da nosa lingua. Eu, abofé, que me comprometería, e xa mesmo se me ocorren un par de obras desas que dignifican un idioma.

4 comentarios:

  1. Parece-me uma perda de tempo e uma argalhada sem desculpas (para “chupar“ os quartos das subvencións) fazer qualquer traduição de literatura universal ao galego. Todas essas obras existem noutras variedades da nossa língua, a portuguesa europeia e / ou a brasileira. Qualquer galego que as ler em português poderá aprofundar no conhecimento da sua língua e a aperfeiçoar. Qualquer galego que quisser conhecer bem a sua língua deve entrar em contato com as outras variantes. Fazer com que os galegos entrem em contato com a literatura universal“ através do castelám ou dum galego acastelanado não é mais que um meio muito espanholeiro e pobre de trazer a cultura universal.



    Mais vale gastar as energias em ler os clássicos galegos e em CRIAR literatura GALEGA de calidade.

    ResponderEliminar
  2. A súa solución sería óptima se os galegos escribisen a súa lingua coa ortografía portuguesa ou se os libros en portugués se atopasen nas librarías galegas coa mesma facilidade que se achan os libros en castelán, mais coido que sabe ben que isto non ocorre, e mentres os leitores galegos seguen a ler os clásicos universais en castelán.
    A respecto das "subvencións", creo que a miña proposta deixaba ben claro a cuestión monetaria. Eu, particularmente, non me gaño a vida mercé ao galego, aínda que me parece moi honesto que outros poidan facelo, como o fan os que comen do portugués ou do español, que son certamente moitísimos millares máis.

    ResponderEliminar
  3. As traduiçóns do português, e os livros em português em geral, deveriam estar disponíveis nas librarias e bibliotecas galegas. Se tal cousa nom acontece é claramente por mor de preconceitos, ignorância e razões políticas. E ganhar-se a vida fazendo essas traduições ao galego-espanhol é contribuir à perpetuação dessa situaçom política e de ignorância. Mais valia loitar por derrubar esses muros mentais, ainda que isso nom dá quartos, claro.



    Recomendo-lhe a leitura do livro do Jared Diamond “Collapse. How societies choose to fail or survive“. Verá como som os próprios galegos que, por as escolhas que tomam, ou deixam tomar a outros, estám a dar cabo da sua própria cultura.

    ResponderEliminar
  4. Tamén esquecín mencionarlle que negar ás editoras galegas a posibilidade de traducir obras estranxeiras porque xa existen traducións en portugués, é negar que Galiza dea a súa versión desde si. Coñezo a existencia de máis de cinco traducións de "Wuthering Heights" de Emily Brönte en portugués: O monte dos vendavais, O morro dos ventos uivantes, A colina dos vendavais ou O alto dos vendavais; en castelán aínda hai máis, pero todas conservan o estúpido título de "Cumbres borrascosas". Por que en galego non?

    ResponderEliminar